As dúas funcións de IRIBARNE na Coruña esgotan as súas entradas

Un Teatro Rosalía de Castro ateigado acollerá a última creación de ButacaZero o venres 15 e o sábado 16 de marzo ás 20.30 horas

Esta proposta escénica transmedia complétase coa música de Berto, entrevistas en aberto na canle de YouTube de ButacaZero e a publicación da edición galega do texto

A obra ten dúas candidaturas aos Premios Max: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación

IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia

IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero, chega esta semana ao Teatro Rosalía de Castro con dúas funcións que xa esgotaron as súas entradas hai semanas. A revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida polo coruñés Xavier Castiñeira estará na cidade herculina o venres 15 e o sábado 16 de marzo, ambas as dúas sesións ás 20.30 horas.A platea ateigada está a ser a norma da xira galega de IRIBARNE desde a súa estrea en Vilalba en xaneiro e, de feito, a obra xa pasou por Santiago, Pontevedra e Vilagarcía e tamén alí esgotou as entradas. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia- tamén ten previsto recalar en Lugo (11 abril), Tomiño (20 abril), Cangas (4 maio), Bilbao (9 maio), Narón (18 maio), Vitoria (7 xuño) e Ribadavia (xullo).
Ademais, recentemente fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e nesta primeira fase dos galardóns IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.

MÁIS CA TEATRO

En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas e a un prezo de 15 euros. A súa adquisición tamén é posible nos espazos onde se representa a obra.IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. 

Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

POSTA EN ESCENA

A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiñosDespois das ondas32m2Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica. 

Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.

Dossier-prensa-IRIBARNE_baixa