Andanzas do Suso de Lameliña. ORIXINAL BIBLIOTECA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ORIXINAL BIBLIOTECA

“A cultura, unha riqueza inestimable, ten que ser accesible para todos. Os libros, portadores de coñecementos e sabedoría, non deben ser tratados do mesmo xeito ca simples mercadorías, igual ca produtos cotiás, coma tomates ou parafusos, por exemplo. O seu valor vai máis aló do prezo de mercado.” 

Así opina Adelaida Rancaño, quen firme nas súas conviccións, poderíamos dicir, libertarias, só en circunstancias extremas decide mercar un libro; o seu xeito preferido de obtelos é furtándoos, “cambialos de lugar”, como ela afirma para poñelos á disposición de todo aquel que o desexe. Tanto en librarías como en presentacións( mesmo de amigas ou amigos),  procura a maneira de facerse coa obra que lle interesa. Non deixa de ser unha forma peculiar de resistir ao sistema capitalista, como sostén con firmeza.

A biblioteca de Adelaida Rancaño é unha colección única e orixinal, que contén aproximadamente seis mil exemplares. Estes libros están organizados en tres curiosas seccións : A, B e C.

Na sección A, a máis pequena, atópanse os libros adquiridos de maneira legal. A sección B alberga os libros sustraídos en librarías, cada un deles marcado coa data de adquisición e o nome da libraría correspondente. Esta sección é unha especie de mapa literario, con nomes de librarías que van desde Cornellá ata Berlín, pasando por case todas as de Galicia.Finalmente, na sección C, atópanse os libros sustraídos en presentacións. Cada un destes exemplares está marcado coa data e o sitio do tivo lugar oacto. 

Esta organización meticulosa reflicte o compromiso de Adelaida coa súa forma única de interactuar co mundo dos libros. Algo, que dada a súa xenerosidade, comparte con todo aquel que queira mergullarse no pracer da lectura. Un santuario de coñecementos aberto a todos, sempre e cando non saia o libro da sala onde se atopa, garantizando así a dispoñibilidade dos mesmos para futuros lectores.

Un xeito magnánimo  de democratizar o acceso á cultura, por parte da altruísta e ilustre  profesora Adelaida Rancaño.