Publicacións dos calendarios do IEU da Finca de Quintas (Palas de Rei) e de O Sorriso de Daniel de Vilar de Donas

O IEU presentou no IES do Camiño de Palas o calendario do 2024 con textos e ilustracións da fauna da finca de Quintas de Palas de Rei, na que se vai construir a fábrica de celulosa de Altri. Os textos son do noso socio Xurxo Mouriño, os debuxos do alumnado do IES do Camiño e a coordinación de Hilda García Cabanas. Imprimiremos máis exemplares. Máis información en http://ieu.gal/presentacion-calendario-de-fauna-da-finca-de-quintas-palas-de-rei/

Por outra parte, a asociación O Sorriso de Daniel publicou tamén un calendario de 2024 sobre o patrimonio de Palas de Rei, neste caso de Vilar de Donas para conmemorar o 800 aniversario da súa fundación. As fotografías, como en anos anteriores, son de Soledad Felloza. Podedes mercalos en librerías ou online. Unha información máis completa en http://osorrisodedaniel.blogspot.com/

CAXOTO presenta ‘Grandes Éxitos’ na Casa-Museo Manuel María, este sábado 9 de marzo

ESPECTÁCULO DE NARRACIÓN ORAL E MUSICAL PARA CRIANZAS ENTRE 4 E 10 ANOS, ESTE SÁBADO, DÍA 9, ÁS 17 HORAS,  CON CAXOTO E OS SEUS GRANDES ÉXITOS

Neste ano 2024 Caxoto fai 20 anos enriba dos escenarios contando contos. En todo este tempo o conto foi o principal ingrediente do seu traballo… mais non o único! Se os contos foron o sal, a música foi a pementa.
A través das cantigas tradicionais, dos xogos musicados, dos instrumentos peculiares,… , Caxoto foi xuntando todo un amplo repertorio musical que vai desde o jazz chairego de Manuel María, á bossa nova mariñeira, pasando pola nosa rica tradición musical e as cantigas infantís de toda a vida. E todo co mellor acompañamento musical posíbel: gaita, pandeireta, ukelele, whistle, acordeón, birimbao, xilófono,…
Para celebrar na Casa-Museo Manuel María as dúas décadas vivindo do conto, Caxoto fai unha selección de todas estas cancións, contos e xogos neste “Grandes éxitos 2004-2024”.
Para asistir ao espectáculo é necesario reservar (billete 2 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621