Andanzas do Suso de Lameliña. CÁNDIDO DO FRESNO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

CÁNDIDO DO FRESNO

Cándido do Fresno era o home máis feo da bisbarra. Se me apurades, da provincia, mesmo do Planeta. A súa fealdade era tal, que a nosa lingua carece de cualificativos para describila. Mais, tiña outras cualidades non menos valiosas. Cualidades que foron descubertas por primeira vez por Rosiña dos Paderne. A familia dos Fresno e dos Paderne tiñan as leiras e os prados contiguos. Unha tarde destas cálidas de verán na que, moza e mozo, cada un na súa propiedade, estaban alindando as vacas, sentiron a necesidade de acalmar a ardente asura que de súpeto se apoderou deles e, alí mesmo, debaixo dunha rebola centenaria, propiedade dos Paderne, deron renda solta aos seus instintos máis básicos. A partir daquela a fama da virilidade do fillo máis novo dos Fresno, empezaría a espallarse por toda a comarca, coma se dun andazo se tratase. A encargada do feito foi Rosiña, que amiga coa que se atopaba alí lle ía co conto.

Cándido nunca chegou a casar. Que muller ía querer ser vista amarrada da man daquel espantallo? Xa digo, arrepiaba ollar para el, ata o punto que atoparse, de sorpresa con el, xa non digamos de noite, producía verdadeiro terror. Pero claro, despois do exposto por Rosiña, a quen non se lle apetecía comprobar as habelencias carnais do mozo?

Tras Rosiña viñeron outras e outras, engrandecendo así a lenda de Cándido do Fresno. Xa se sabe, “cría fama e bótate a durmir”; moitos dos casos eran certos, pero tamén un bo número deles falsos. O caso que neno que viña ao mundo, traía consigo a dúbida: “Mira que feíño é, para min que che é do Cándido”. Incluso se saían ben guapiños, sempre había algunha ou algún que lle sacaba un parecido co sospeitoso pai.

Pero non só eran as mulleres as que sentían atracción por el, dise que máis dun mozo gozou en carne propia das súas pericias amorosas. Historias que se comentaban moi en segredo, bisbando, mesmo con medo. Xa se sabe como estaban vistas naqueles tempos e, aínda hoxe, estas prácticas.Un dos sospeitosos de ter encontros deste tipo era o señor crego. Un home, uns dez anos maior ca el,con fama de mullereiro, a quen se lle atribuía a paternidade de todo aquel meniño que nacía antes do acontecido aquela tarde de verán debaixo da rebola dos Paderne. Fama que ficou eclipsada coa aparición en escena de Cándido. Desde entón non se lle volveu relacionar con ningún nacemento, aínda que todo o mundo sabía, que á parte de sentirse atraído polo do Fresno, non deixara de usar os seus encantos coas mozas e non tan mozas freguesas.

Foron pasando os anos e a lenda en aumento. Chegou a chamada do Señor e o bo do Cándido alá se foi. Hoxe, segundo os propios veciños, na parroquia ( non desvelarei o nome da mesma, por respecto), moitos e moitas son descendentes do noso protagonista. E abofé, que hai bastante de verdade neses ruxerruxes. Só chega con ollar para as facianas de moitos e moitas veciñas, e sospeitar a súa orixe. Algo que acabaron por levar con absoluta normalidade, ata o punto de que , quen máis, quen menos, vangloriarse de ser fillas ou fillos do xa lendario Cándido do Fresno.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: Se non somos quen

Miguel Díaz, Se non somos quen

Como follas a mercé do tempo, flotamos na desconsideración reiterada, no desafecto como rutina. Nunha deriva individualista que nos empurra a un cuarto xélido no que o desprezo se converte en hábito.

Asumimos como propia unha velocidade imposta que non cuestionamos, mentres a morte conquista espazos coa súa indolencia. Co seu paso firme e infalible.

Ante ela, nós, medorentos, teimamos en acelerar nun traxecto que ignora as beiras. Renunciando á pausa indispensable, ignorando a nosa condición de monicreques se non somos quen de parar. Se non somos quen de nos enfrontar ás formas que nos deshumanizan e de sublevarnos ante a tiranía das présas. Se non somos quen de comprender que cadaquén treme, baila, chora e ri a un ritmo propio, que a revolución comeza por deterse e que o amor precisa da espera.

A Casa-Museo Manuel María programa unha Observación Astronómica na Capela de Santa Isabel en Outeiro de Rei

Eu sei dunha estrela

cal outra non vin:

se eu ollo para ela,

ela olla pra min…!

Este sábado, 17 de xuño, desde a Casa-Museo Manuel María programarase unha OBSERVACIÓN ASTRONÓMICA na capela de Santa Isabel, no mesmo Outeiro de Rei, a partir das 23 horas. Observación guiada do ceo a simple vista e con prismáticos a cargo da Agrupación Astronómica Ío, entidade, esta, que impulsou a proposta, coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, para que a finais de 2019 a Unión Astronómica Internacional nomease unha estrela co nome Rosalíadecastro.

Martín Pawley, da Agrupación Ío, será a persoa que aprenderá a recoñecer algunhas constelacións características do ceo de verán e a orientar coa axuda do firmamento. Observarase, cos prismáticos, algúns obxectos do ceo profundo, entre eles a estrela Rosalíadecastro. Durante a actividade iranse explicando cuestións científicas sobre o ceo (tipos de estrelas, evolución estelar…), así como diferentes aspectos da cultura e as tradicións asociadas ao fimamento. Convídase ás persoas que asistan, que se teñen, traian os seus propios prismáticos para a observación. 

Previamente, e a partir das 21.30 horas, na mesma Casa-Museo Manuel María, Martín Pawley desenvolverá un obradoiro para montar un PLANISFERIO CELESTE (mapa das estrelas). Aprendendo, posteriormente, a usalo para identificar as constelacións que podemos ver no ceo de Galiza en calquera noite da nosa vida e comprender como varía o firmamento co paso das horas e dos días. O obradoiro vai dirixido para persoas maiores de once anos. 

As persoas interesadas pódense inscribir nas dúas ou nunha soa actividade, como desexen. As actividades son de balde e quen queira participar deberá anotarses en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Proxección da longametraxe AS BESTAS no Auditorio Municipal de Vilalba

O domingo 18 de xuño de 2023, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración con Concello de Vilalba, organiza unha nova proxección de cine galego coa longametraxe AS BESTASdo director RODRIGO SOROGOYEN. Nesta ocasión, para poder presenciar a película haberá que facer a reserva online na páxina https://entradasvilalba.es e, ademais, de xeito excepcional (ao igual que acontecera con Matria), aboar a cantidade de 3,50 € (cantidade que vai destinada á distribuidora do film). Así mesmo, pódese facer esta xestión na Casa da Cultura ou, o mesmo día da proxección, na billeteira do Auditorio. 

NOTA-INFORMATIVA_AS-BESTAS

Presentación do libro LUGO PHILADELPHIA, de Lois Pérez e Alba Díaz, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), continuando cos actos programados para este mes de xuño, organiza a presentación do libro “Lugo Philadelphia” (Xerais, 2023), cun recital a cargo do poeta Lois Pérez e da fotógrafa Alba Díaz, autores do libro, e de Lois Pérez (fillo) nos teclados. Poesía, música e humor para unha viaxe de ida e volta a Philadelphia, A Piringalla e a Terra Chá, coa música dos Stones e algunha outra sorpresa.

Será o venres 16 de xuño ás 20:00 h. na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA_INFORMATIVA_LOIS-PEREZ-LUGO-PHILADELPHIA