Caldo presenta ao vivo ‘Lugar A Ponte’ no Teatro Principal de Santiago

A cita terá lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal, no marco do festival ‘O que non se escribe’, e as últimas entradas dispoñibles están á venda en www.compostelacultura.gal 

Crnds, Antía Ameixeiras, Begoña Riobó, Claudia Abril, Marta Collazo, Flor Díez, Diego Alonso e Germán Díaz participarán no concerto 

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá este venres, 9 de xuño, a presentación ao vivo de Lugar A Ponte, o segundo traballo discográfico de Caldo. O concerto, que terá lugar no marco do festival O que non se escribe, comezará ás 20:30 horas e as últimas entradas dispoñibles están á venda no espazo web www.compostelacultura.gal

Lugar A Ponte,o segundo álbum do trío conformado por Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas, publicouse o pasado 12 de maio nas principais plataformas dixitais. Producido man a man con Alberto Cernadas (crnds), é un disco con dez cortes no que Caldo incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición. Neste sentido, o grupo adapta e toma como punto de inspiración melodías ou temas tradicionais recollidas en lugares de Gargamala, As Neves, Avión, Pontecaldelas e Pazos de Borbén. 

Así, Lugar A Ponte preséntase coma unha proposta íntima, moderna e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Con este traballo, Caldo abre paso e reinvidica o seu espazo no panorama actual coma unha das agrupacións imprescindibles á hora de entender a renovación e a posta en valor da música tradicional a través da experimentación sonora.

O concerto de presentación deste venres 9 contará, ao igual que sucede no propio álbum, con numerosas colaboracións e artistas convidadas. Así, ademais da participación do produtor e instrumentista crnds, sobre as táboas do Teatro Principal Caldo acompañarase de German Díaz (zanfona), Diego Alonso (saxo), Claudia Abril, Flor Díez e Marta Collazo (voz e pandeireta) e as violinistas Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) e Begoña Riobó (SonDeSeu). 

CALDO

María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público. 

O pasado mes de de maio o trío publicou Lugar A Ponte. Producido con Alberto Cernadas (crnds), neste álbum Caldo avanza na procura e experimentación do seu universo creativo para incorporar novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición, e incluíndo gravacións ao directo coma nos seus inicios.

Convo-09.06-Concerto-CALDO-