O grupo EXERIA participa no concurso de bandas do Trece Roeis Fest en Ferreira de Pantón e outras actuacións

Exeria, un grupo de grunge/rock 90´s en galego formado en 2021, paricipará este sábado 3 de xuño no concurso de bandas do Trece Roeis Fest en Ferreira de Pantón as 19:30h. E rematarán a festa en ORIGEN, O Porriño as 21:30h .

Esta banda xa lanzara o pasado 11 de marzo o seu primeiro sinxelo, Un novo nome acompañado dun videoclip dirixido polo artista multidisciplinar Wences Lamas.

Andanzas do Suso de Lameliña. ELOXIO AO BURRO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ELOXIO AO BURRO

Ti, que ao ancián Selenio, ás costas levaches, aquel que tivo a ben criar a Dionisio, deus do viño; que a Abrahan, Moisés e David, de igual xeito, carrexaches a lombo…

Ti, que por voz de Yaveh, fuches capaz de falar a Balaan, teu amo; que outro deus, Alá, ás che concedeu para que o profeta Muhammad ao ceo levaras…

Ti, que a Xesús salvaches de Herodes, lle deches calor e acougo, e logo con el entraches en Xerusalén…

Ti, noble e intelixente, asno de Apuleyo, Platero de Juan Ramón Jiménez, “rucio” de Sancho Panza …

Ti, que toleras inxustamente, humillacións e desprezos.

Ti, que por non soportar malos tratos, dinche, teimudo.

Ti, que desbordas sensibilidade…

Por que te chaman burro? Ou mellor, por que chaman “burro” a alguén que as túas cualidades non ten?

Porque non es dócil coma o cabalo, porque te plantas ante o abuso, porque non cedes, pola túa rebeldía…

É por iso, que en vinganza te transforman no que non es, é por iso que de ti se mofan…

De ti, por séculos, símbolo e emblema da nosa Galicia rural.

Por todo isto, louvado sexas, équido africano e por sempre vivas na nosa eterna nenez!

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Ultraluz

Autora: Ledicia Costas

Editorial: Centro PEN Galicia

Ano de publicación: 2022

Achégome a Ultraluz con certa curiosidade. Teño lido varias obras de Ledicia Costas, destinadas tanto ao público infantil- xuvenil coma ao adulto, mais sempre desde a narrativa. Descoñecía a súa faceta poética. Que podería atopar tras da mirada fixa desa nena da portada, que nos evoca a unha Alicia no País das Marabillas, sostendo unha enorme cunca?

Efectivamente, seguindo os pasos desa intuición, descubro que as páxinas de Ultraluz están impregnadas pola maxia da infancia. A autora artella, desde ese fío da fantasía, que tan ben manexa, un cosmos de luces e sombras, convidándonos a entrar nel e a beber, coma o resto de criaturas, da apócema da beleza.

Sorpréndeme novamente Ledicia Costas, porque aínda recoñecendo algúns dos trazos da súa escrita, é quen de ofrecernos unha poesía diferente. Unha poesía que chama por nós, coma un personaxe misterioso, para mergullarnos nun universo tan real e onírico asemade .

“alá onde remata o mundo
mordemos as costuras para ser libres”.