DE NINGHURES, en concerto, este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 25 de febreiro, ás 20 horas, De Ninghures, en concerto, presentarannos o seu traballo “Aquí” na Casa-Museo Manuel María. Oito mozos e mozas que nos marabillarán tocando as músicas de raíz e cunha grande variedade de instrumentos: viola caipira, bongos, frauta traveseira, violín, bombo, ukelele, acordeón, pandeireta, clarinete, gaita, guitarras, pandeiro, voces, cabás… 

Velaí algunha mostra da traxectoria musical deste grupo

Cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Dios Ke Te Crew celebra os seus ‘Tremendos Anos 20’ sobre os escenarios con concertos en Vigo e A Coruña en marzo

A banda máis emblemática do hip hop do país actuará o venres 3 na sala viguesa Masterclub, mentres que o sábado 18 visitará o Playa Club da cidade herculina; e as entradas xa están dispoñibles a través do portal www.enterticket.es 

Estes directos, punto de partida da nova xira coa que celebrarán as dúas décadas na escena musical, contarán coa enerxía rebordante que caracteriza á banda, que estará acompañada doutros destacados artistas galegos de reggae e trap

Dios Ke Te Crew, a banda máis emblemática do hip hop galego, regresa este mes de marzo aos escenarios para iniciar a celebración do seu vixésimo aniversario. As localidades de Vigo e A Coruña acollerán o venres 3 e o sábado 18 os dous primeiros concertos da nova xira do grupo, nomeada “Tremendos Anos 20”, na que revisarán as súas últimas creacións e, moi especialmente, os grandes éxitos da súa traxectoria. As entradas para as citas están dispoñibles a través da plataforma Enterticket.

Dios Ke Te Crew é historia do rap en galego. Desde a súa formación no 2003, a banda conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destacou polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Logo da publicación de tres LP e percorrer ducias de festivais e salas de concertos por toda Europa, DKTC publicou o pasado 2022 ‘En que ano estamos?’, un EP con cinco temas nos que os seus membros demostran por que é considerada como a banda máis mítica do hip hop do país. Entre os novos tracks, acompañados por pezas audiovisuais de Xaime Miranda, destaca un dos himnos dos últimos tempos: ‘OG’, con Boyanka Kostova.

Este mes de marzo, a banda de Ordes dará a coñecer os directos da súa nova xira acompañada, sobre o escenario, doutras figuras da escena musical galega vinculadas ao trap ou o reggae. O directo de “Tremendos Anos 20”, ademais, presenta unha potente posta en escena audiovisual: as imaxes creadas polo artista de renome internacional e precursor do Gif Art, A.L. Crego, arroupan e interactúan co contido das cancións de DKTC, aumentando de maneira exponencial ás xa de por si enérxicas actuacións que caracterizan á banda.

A primeira parada da xira ‘Tremendos Anos 20’ será na sala Masterclub de Vigo (rúa Urzáiz) o venres 3 de marzo. Dúas semanas despois, o sábado 18, DKTC chegará até o Playa Club da Coruña, cidade á que regresa logo dos seus exitosos directos no Festival Noroeste e nas festas veciñais do barrio de Monte Alto. As entradas xa se poden adquirir, de xeito anticipado e desde 15 euros, a través da plataforma www.enterticket.es, mentres que na billeteira, o día de concerto, os tickets terán un prezo de 18 euros. 

20230220-DKTC-Xira-Tremendos-Anos-20

Andanzas do Suso de Lameliña. O RAPOSHOME

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RAPOSHOME

    

Crese que o primeiro raposhome, unha mutación do vulpes vulpes, tivo a súa orixe pola zona de Piornedo- Balouta, na serra dos Ancares.

Este ser entre raposo e home empezou a ser visto a finais do 2010 nas aldeas abandonadas desta zona da montaña luguesa e berciana.

Ao parecer habita nas casas que quedaron sen dono, levando unha vida, un tanto misteriosa, entre salvaxe e humana, e sempre agochándose cando alguén se aproxima polo seu entorno, sen apenas deixar pegada. Motivo polo cal é moi difícil que poida ser avistado.

A pesar diso, puido ser sorprendido en momentos puntuais, sobre todo de noite, neses intres no que o estado de vixilia dá paso ao de acougo e adormecemento dos sentidos. Os que o viron, descríbeno coma un raposo de pel moi fina, con cabeza humana, camiñando a catro patas. Hai outros que aseguran que anda a dúas patas, cunha elegancia que chama a atención.

O que parece ser certo e o seu grande amor polos cemiterios. A xente do lugar está convencida de que ten trato co máis alá e que celebra xuntanzas cos defuntos. Aos sepulcros destes camposantos, onde nos últimos anos ninguén se achega, non lles faltan flores, que de cando en cando son renovadas.

Sospéitase tamén, por certos indicios, que os moradores dos citados cemiterios, se erguen pola noite dos sartegos e guiados polo raposhome, percorren a aldea e visitan os seus antigos apousentos.

Sexa como sexa, parece demostrada a súa existencia, e que desde hai uns dez anos, as casas das aldeas destas zonas, comezan a verse, como máis coidadas, con menos maleza no seu entorno, mesmo con certos arranxos e reformas. Incluso, apareceron algunhas leiras cultivadas con centeo, do que ninguén di ser propietario.

Haberá que seguir con atención a evolución dos acontecementos, pero non sería de estrañar cunha nova civilización, estivese dando os primeiros pasos. Ante a deserción dos vivos,  os mortos serían os encargados de tomar as rendas para sacar as nosas aldeas do alarmante estado en que se atopan. O raposhome, neste caso, sería unha especie de caudillo necesario para levar a misión a bo porto.

O arxentino Alejandro Civilotti gaña coa peza ‘Hibrys’ o premio internacional de composición para arpa e orquestra ‘Portus Apostoli’

O xurado do certame promovido polo Noia Harp Fest vén de fallar o premio, que conleva unha dotación económica de 2.000 euros e a estrea mundial da obra na vindeira edición do festival da man da Real Filharmonía de Galicia 

O tribunal, conformado polas arpistas Christine Icart, Céline Landelle e Susana Cermeño, ademais do director galego Diego García Rodríguez, salienta a excelencia dunha peza “que mostra unha elevada técnica orquestral” e cuxa partitura amosa “a linguaxe compositiva persoal” de Civilotti


A primeira edición do Premio internacional de composición ‘Portus Apostoli’ xa ten obra gañadora. O xurado do certame, impulsado polo Noia Harp Fest e patrocinado polo Concello de Noia, vén de fallar o seu ditame: ‘Hibrys’, do compositor arxentino Alejandro Civilotti, foi escollida polo tribunal como a peza máis destacada das recibidas pola súa “alta calidade e interese”, á vez que mostra unha “elevada técnica orquestral, onde a arpa e a orquestra concertan á perfeccción”. 

O xurado salientou a “linguaxe compositiva persoal” que reflexa a partitura de Civilotti, autor dunha ampla obra para orquestra e cámara, música escénica ou para cine; e gañador de galardóns como o Premio Reina Sofía de Composición Musical. Civiliotti, que reside en Cataluña desde os anos oitenta, é profesor de Composición, Harmonía e Historia da Música no Conservatorio Profesional de Badalona.

O Premio ‘Portus Apostoli’ nace impulsado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, dirixido por Rodrigo Romaní, como unha aposta por ampliar o repertorio de obras para arpa e orquestra. O galardón, dotado con 2.000 euros, conleva tamén un recoñecemento moi especial: a estrea mundial da obra da man da Real Filharmonía de Galicia, que estará acompañada para dita ocasión dun ou dunha intérprete solista. A composición poderase escoitar por vez primeira no marco da décima edición do Noia Harp Fest, da que se darán a coñecer os primeiros detalles nas próximas semanas. 

Esta primeira convocatoria recibiu dezaséis obras orixinais de compositores procedentes de Arxentina, Brasil, Estados Unidos, España, Finlandia e Malta. O xurado que escolleu ‘Hibrys’ como obra gañadora estivo conformado por artistas internacionais de prestixio. É o caso das intérpretes francesas Christine Icart -profesora do Conservatorio Superior de Música do País Vasco ‘Musikene’ de San Sebastíán- e Céline Landelle -arpa principal da Sinfónica de Galicia-, así como da catedrática e solista na Orquestra Sinfónica de Madrid, Susana Cermeño, ou mesmo do director de orquestra galego Diego García Rodríguez. Actuou como secretaria do tribunal Alba Barreiro, membro da Asociación Noia Harp Fest. 

Pola súa banda, Rodrigo Romaní pon en valor, alén da proxección que supón para o encontro musical, “a calidade” das obras presentadas, a variedade estilística e o perfil das e dos compositores, con curriculums “moi importantes”. “Sen dúbida esta primeira edición do ‘Portus Apostoli’ foi unha grata sorpresa, na que confluiu unha extraordinaria riqueza de visións diferentes da linguaxe musical para unha combinación complicada como é a de arpa solista con orquestra”, apunta o director.

NOIA HARP FEST

O Noia Harp Fest é o o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. No seu cartel conflúen, desde hai nove anos, artistas de estilos moi diversos procedentes do ámbito galego, estatal e internacional, mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. A súa décima edición terá lugar no verán de 2023.

Os concertos, de acceso libre e dunha notable calidade artística, celébranse tanto a ceo aberto coma no interior de recintos culturais da vila de Noia, cuxo Concello é patrocinador principal dun dos eventos máis singulares que se celebran na Ría da Estrela. Para máis información sobre o festival, pódese consultar o espazo web www.noiaharpfest.gal.

20230215-NP-Fallo-Premio-Portus-Apostoli

Comunicado do IESCHA no vinte aniversario da toma de posesión de Manuel María como membro da RAG

O IESCHA emite un comunicado co gallo do XX Aniversario da toma de posesión de Manuel María como membro da Real Academia Galega, e no que se insire unha nova solicitude remitida ao Concello de Vilalba para que a Casa da Cultura leve definitivamente o nome de MANUEL MARÍA.

NOTA-INFORMATIVA-CASA-DA-CULTURA-MANUEL-MARIA