Foliada de Inverno de Castiñeiro Milenario

O sábado 11 de marzo temos unha cita ineludible coa nosa música, o baile tradicional e coa festa arredor do noso.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un obradoiro cun deses instrumentos galegos tan propio da montaña como é a trompa ou birimbao. Daniel do Pando, recoñecido tocador da trompa, impartirá un obradoiro de iniciación a este instrumento. O obradoiro, de nivel iniciación, ten unha duración aproximada de catro horas e consta dunha parte teórica para tratar temas como a historia, afinación, limpeza… e outra práctica como o agarre, ritmos básicos, melodía, etcétera. A cada participante deixaráselle un instrumento para o obradoiro. O inicio está programado para as cinco de tarde. O prezo é de 15€ para as persoas asociadas de Castiñeiro e de 20€ para o público en xeral. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou por calquera das nosas redes sociais.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente Xaora será o grupo encargado de continuar a festa. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Perfect Match, o novo álbum de David Regueiro, xa está dispoñible nas plataformas dixitais

Gipsy jazz, swing americano ou be-pop conflúen en ‘Perfect Match!’, o novo álbum do guitarrista David Regueiro que se publica este venres 24

O músico ourensán, autor de todos os temas, inclúe pezas dedicadas á Casa das Crechas ou mesmo o pulpo á feira, un dos platos estrela da gastronomía galega

O disco conta coa colaboración do violinista belga Alexandre Cavaliere, un dos intérpretes máis prestixiosos a nivel internacional do jazz manouche

Na canle de Youtube de David Regueiro xa está dispoñible un novo vídeo da grabación do disco, no que o cuarteto interpreta ‘The Seagull and the Frog’

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O guitarrista de gipsy jazz David Regueiro vén de publicar nas principais plataformas dixitais ‘Perfect Match!’, o seu novo traballo discográfico. Un álbum con sete cortes, compostos polo propio Regueiro, nos que o guitarrista dá liberdade e deixa fluír as distintas influencias da súa traxectoria acompañado polo seu trío, no que participan Juyma Estévez e Gonçalo Mendoça, e polo violinista belga Alexandre Cavaliere, unha das figuras máis relevantes, a nivel internacional, do jazz manouche, e con quen Regueiro coincidiu na última edición do festival Jazz de Ría, celebrado en agosto de 2022 na Costa Ártabra. 

“En ‘Perfect Macht!’ hai temas que son 100% gipsy jazz, pero outros escapan máis deste estilo”, expón o guitarrista. Así, no álbum conviven as influencias do jazz manouche, o swing, o jazz americano, o be-pop, o rock ou a  música clásica, mais tamén as vivencias deste ourensán afincado en Santiago, e que se deixan entrever en temas como ‘Crechas Swing’, unha peza “100% manouche” inspirada no mítíco local compostelán Casa das Crechas, na que Regueiro organiza unha jam session mensual; ou ‘Octopus Blues’, unha peza “máis gamberra”, tal e como apunta Regueiro, e que toma como referencia un dos pratos estrela da gastronomía galega: o pulpo á feira.

Entre as novas composicións de Regueiro, atópanse ‘Elsa’, peza que dedica á súa nai e que conta “cun aire pouco escoitado neste ámbito estilístico”; ‘Tone it down turn it up!’, un swing inspirado na música de big band americana dos anos 30; ’Lisboa Rhythm’, dedicado á escena portuguesa na que se introduciu da man do seu compañeiro guitarrista Gonçalo Mendoça; e ‘The Seagull and the Frog’, tema do que xusto estrea este mesmo venres 24, na súa canle de Youtube, unha peza audiovisual. Finalmente, entre as sete pistas de ‘Perfect Match!’ hai unha que o público recoñecerá de ‘Areal’, o seu anterior traballo discográfico: trátase do ‘Bolero desesperado’ que se recupera desta quenda, con arranxos do propio Regueiro, para incorporar precisamente o violín de Cavaliere.


DAVID REGUEIRO

David Regueiro leva toda a vida dedicado ao jazz. A día de hoxe, é un dos intérpretes e compositores con maior proxección a nivel ibérico da escena do gipsy jazz, tamén coñecido como jazz manouche, o estilo que agromou da guitarra de Django Reinhardt e no que Regueiro desenvolve a súa voz propia ao incorporar influencias do swing americano ou do be-pop. Na súa traxectoria conviven máis dunha ducia de traballos discográficos de proxectos propios (‘Areal’, ‘O Camiño’) e colaboracións; así como numerosas participacións en festivais de toda Europa.

David Regueiro lidera un trío no que se acompaña de de Juyma Estévez no contrabaixo e de Gonçalo Mendoça á guitarra rítmica. Nesta ocasión, a formación transfórmase nun cuarteto para acoller, coas composicións propias de Regueiro, a un dos máis virtuosos violinistas do mundo deste estilo: o belga Alexandre Cavaliere. Para máis información sobre David Regueiro e a súa discografía pódese visitar a súa páxina web oficial, www.davidregueiro.gal.

20230224-NP-Perfect-Match-disponible-nas-plataformas-dixitais