Foliada de Inverno de Castiñeiro Milenario

O sábado 11 de marzo temos unha cita ineludible coa nosa música, o baile tradicional e coa festa arredor do noso.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un obradoiro cun deses instrumentos galegos tan propio da montaña como é a trompa ou birimbao. Daniel do Pando, recoñecido tocador da trompa, impartirá un obradoiro de iniciación a este instrumento. O obradoiro, de nivel iniciación, ten unha duración aproximada de catro horas e consta dunha parte teórica para tratar temas como a historia, afinación, limpeza… e outra práctica como o agarre, ritmos básicos, melodía, etcétera. A cada participante deixaráselle un instrumento para o obradoiro. O inicio está programado para as cinco de tarde. O prezo é de 15€ para as persoas asociadas de Castiñeiro e de 20€ para o público en xeral. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou por calquera das nosas redes sociais.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente Xaora será o grupo encargado de continuar a festa. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Perfect Match, o novo álbum de David Regueiro, xa está dispoñible nas plataformas dixitais

Gipsy jazz, swing americano ou be-pop conflúen en ‘Perfect Match!’, o novo álbum do guitarrista David Regueiro que se publica este venres 24

O músico ourensán, autor de todos os temas, inclúe pezas dedicadas á Casa das Crechas ou mesmo o pulpo á feira, un dos platos estrela da gastronomía galega

O disco conta coa colaboración do violinista belga Alexandre Cavaliere, un dos intérpretes máis prestixiosos a nivel internacional do jazz manouche

Na canle de Youtube de David Regueiro xa está dispoñible un novo vídeo da grabación do disco, no que o cuarteto interpreta ‘The Seagull and the Frog’

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

O guitarrista de gipsy jazz David Regueiro vén de publicar nas principais plataformas dixitais ‘Perfect Match!’, o seu novo traballo discográfico. Un álbum con sete cortes, compostos polo propio Regueiro, nos que o guitarrista dá liberdade e deixa fluír as distintas influencias da súa traxectoria acompañado polo seu trío, no que participan Juyma Estévez e Gonçalo Mendoça, e polo violinista belga Alexandre Cavaliere, unha das figuras máis relevantes, a nivel internacional, do jazz manouche, e con quen Regueiro coincidiu na última edición do festival Jazz de Ría, celebrado en agosto de 2022 na Costa Ártabra. 

“En ‘Perfect Macht!’ hai temas que son 100% gipsy jazz, pero outros escapan máis deste estilo”, expón o guitarrista. Así, no álbum conviven as influencias do jazz manouche, o swing, o jazz americano, o be-pop, o rock ou a  música clásica, mais tamén as vivencias deste ourensán afincado en Santiago, e que se deixan entrever en temas como ‘Crechas Swing’, unha peza “100% manouche” inspirada no mítíco local compostelán Casa das Crechas, na que Regueiro organiza unha jam session mensual; ou ‘Octopus Blues’, unha peza “máis gamberra”, tal e como apunta Regueiro, e que toma como referencia un dos pratos estrela da gastronomía galega: o pulpo á feira.

Entre as novas composicións de Regueiro, atópanse ‘Elsa’, peza que dedica á súa nai e que conta “cun aire pouco escoitado neste ámbito estilístico”; ‘Tone it down turn it up!’, un swing inspirado na música de big band americana dos anos 30; ’Lisboa Rhythm’, dedicado á escena portuguesa na que se introduciu da man do seu compañeiro guitarrista Gonçalo Mendoça; e ‘The Seagull and the Frog’, tema do que xusto estrea este mesmo venres 24, na súa canle de Youtube, unha peza audiovisual. Finalmente, entre as sete pistas de ‘Perfect Match!’ hai unha que o público recoñecerá de ‘Areal’, o seu anterior traballo discográfico: trátase do ‘Bolero desesperado’ que se recupera desta quenda, con arranxos do propio Regueiro, para incorporar precisamente o violín de Cavaliere.


DAVID REGUEIRO

David Regueiro leva toda a vida dedicado ao jazz. A día de hoxe, é un dos intérpretes e compositores con maior proxección a nivel ibérico da escena do gipsy jazz, tamén coñecido como jazz manouche, o estilo que agromou da guitarra de Django Reinhardt e no que Regueiro desenvolve a súa voz propia ao incorporar influencias do swing americano ou do be-pop. Na súa traxectoria conviven máis dunha ducia de traballos discográficos de proxectos propios (‘Areal’, ‘O Camiño’) e colaboracións; así como numerosas participacións en festivais de toda Europa.

David Regueiro lidera un trío no que se acompaña de de Juyma Estévez no contrabaixo e de Gonçalo Mendoça á guitarra rítmica. Nesta ocasión, a formación transfórmase nun cuarteto para acoller, coas composicións propias de Regueiro, a un dos máis virtuosos violinistas do mundo deste estilo: o belga Alexandre Cavaliere. Para máis información sobre David Regueiro e a súa discografía pódese visitar a súa páxina web oficial, www.davidregueiro.gal.

20230224-NP-Perfect-Match-disponible-nas-plataformas-dixitais

‘Código Emperador’, ‘O corpo aberto’, ‘Valentina’, ‘O home e o can’ e ‘Life is Live’, entre outras, volven á pantalla grande na IV Semana do Cinema Galego

  • A gran celebración cinematográfica non competitiva de Galicia proxectará na Coruña as mellores producións cinematográficas con selo galego do último ano, seleccionadas como finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo
  • Deste xeito, o programa da IV Semana do Cinema Galego estará conformado por un total de nove filme que suman 40 nominacións aos Mestre Mateo, entre eles, catro largos de ficción (Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can), catro documentais (A Foreign Song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe) e a película de animación gañadora do Goya en 2022 Valentina
  • Os pases, que terán lugar no Teatro Colón do 14 ao 19 de marzo, contarán coa presenza dos equipos artísticos e técnicos das películas
  • O acceso as proxeccións será gratuíto, con entrada libre, por orde de chegada á sala, ata completar o aforo

A Coruña acollerá do 14 ao 19 de marzo a IV Semana do Cinema Galego, a gran celebración cinematográfica non competitiva do país, que exhibe o máis salientable da produción audiovisual galega do último ano. Un total de nove filmes -os seleccionados como finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo, que xuntos suman 40 nominacións- vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes seis días, en sesións nas que participarán os equipos responsables das obras. 

Deste xeito, o programa contará cos largos de ficción Código Emperador, Live is Life, O corpo aberto e O home e o can; os documentais A Foreign SongMaría Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe; e a película de animación gañadora do Goya en 2022 Valentina. O acceso a todas as proxeccións do encontro será de balde, con entrada libre, por orde de chegada á sala, ata completar o aforo.

A presentación da programación tivo lugar esta mañá, xoves 24 de febreiro, no Café Copacabana, que operará como “Cantina da IV Semana do Cinema Galego” e espazo de encontro oficioso entre artistas e público durante todo o evento, para intercambio de impresións e conversas antes e despois dos pases. 

No acto participaron Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual (AGA); Inés Rey, alcaldesa da Coruña; e Xosé Regueira Varela, vicepresidente da Deputación da Coruña.

Na súa intervención, Pérez Becerra salientou o carácter “selecto e diverso dunha programación que condensa o mellor do panorama galego actual”, que regresa á gran pantalla grande en aberto para todos os públicos e que vai estar articulada en “sesións nas que os equipos artísticos e técnicos das películas poderán compartir co público a súa visión persoal sobre os traballos e tamén as anécdotas que non saen na pantalla”.

Pola súa banda, Xosé Regueira Varela, recalcou que para “a Deputación da Coruña é un orgullo colaborar coa Academia e reivindicar o papel do audiovisual galego, un motor de emprego e talento que xera o 25 % do PIB cultural”. Insistindo en que “desde as institucións debemos apoialo como algo fundamental, poñelo en valor e lograr encher as salas”. Finalmente, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, tomou a palabra para recordar que “A Coruña é a cidade galega do cinema porque aquí foi onde naceu da man de José Sellier, pioneiro do cinema e autor da primeira película galega, e dende o Concello seguiremos apostando por que a cidade siga na vangarda do audiovisual”.

6 días, 9 filmes

A actividade da IV Semana do Cinema Galego botará a andar con Código Emperador, película dirixida por Jorge Coira, que se exhibirá o martes 14 de marzo ás 20.00 h, tras o acto oficial de inauguración. A película, estreada no último Festival de Málaga, é unha reflexión sobre as cloacas do Estado, e nela Luis Tosar encarna a Juan, un home afeito a lidar cos asuntos turbios dos poderosos.

mércores 15, ás 20.00h, será a quenda do documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, unha ollada íntima e profunda de Xavier Villaverdesobre a vida da grande actriz coruñesa que se estreou na Seminci de Valladolid.

No ecuador da Semana, o xoves 16 de marzo, comezarán as sesións dobres no Teatro Colón. Ás 20.00 h vaise proxectar Onde máis doe, un documental de Manane Rodríguez no que a cineasta uruguaia afincada en Galicia analiza un caso de violencia vicaria que aconteceu en Oza no que un pai asasinou o seu fillo para danar a nai. Un chisco máis tarde, ás 22.00 h, exhibirase O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por un Manuel Manquiñanun rexistro inédito na súa carreira. O filme, que reflexiona sobre a soidade non elixida, a vellez e o abandono das aldeas, gañou seis galardóns na 31 edición do Festival de Cine de Madrid, incluído o Premio da Crítica.

O programa do venres 17 de marzo iniciarase coa proxección, ás 20.00 h, de A Foreign Song, de César Souto, filme inspirado na obra e biografía do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens. O documental obtivo os galardóns á mellor película española e ao mellor director español do FICXixón, certame onde tivo lugar a súa estrea mundial. 
Algo máis tarde, ás 22.00 h, o público poderá gozar de No somos nada, de Javier Corcuera, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk nacional.

A sesión do sábado 18 estará composta por un programa dobre de longametraxes de ficción con estilos moi diferentes. De primeiro, ás 19.30 h, a cita é con Live is Life, unha incursión de Dani de la Torre na comedia cunha historia ambientada nun verán inesquecible dun grupo de mozos na Galicia de 1985. E de segundo, ás 22.00 h, será O corpo aberto, de Ángeles Huerta, quen tome a pantalla do Colón, con Tamar Novas e María Vázquez como protagonistas dun filme gótico inspirado na obra Arraianos de Méndez Ferrín.

A clausura da IV Semana do Cinema Galego será a mañá do domingo 19, ás 11.30h, e virá da man de Valentina, a película de Chelo Loureiro gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no 2022. Grandes e pequechos están convidados a acompañar a Valentina, unha nena con síndrome de Down, na súa aventura para facer realidade o seu soño: ser trapecista.

Cita co talento

O programa desta cuarta edición da Semana do Cinema Galego inclúe nove traballos finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo que concede a Academia Galega do Audiovisual nas categorías de mellor longametraxe, documental e longametraxe de animación. Os títulos da programación suman un total de 40 candidaturas aos máximos galardóns do audiovisual galego, e dous deles, O corpo aberto e Código Emperador, con 16 e 8, respectivamente, parten como favoritos dos premios que se concederán no vindeiro mes de marzo.

Con esta nova cita, a Semana do Cinema Galego consolídase como mostra consagrada ao talento máis próximo, co foco na complicidade co espectador e cristalizando sinerxías coa cidade herculina, escenario e catalizador dos diálogos entre o público e os artistas. A Semana do Cinema Galego está impulsada pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e conta co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña e mais coa colaboración de Abanca.

Logo da boa acollida da súa pasada edición, con máis de 3.000 espectadoras e espectadores que encheron os pases dos dez filmes proxectados en 2022, a mostra repite fórmula neste 2023 e propón unha semana para celebrar a puxanza do audiovisual galego na compaña dos seus profesionais. Unha ocasión carismática, sedutora e máxica, con todo o glamour do mellor cinema, que se consolida na súa cuarta edición como unha das grandes citas cinematográficas da tempada. E que situará, de novo, á cidade da Coruña no eixe da Sétima Arte.

20230223-NP-Presentacion-IV-SCG

No seguinte enlace o acceso ao PROGRAMA

Programa-SCG-2023

A terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo celebrarase na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio

O EMHU, baixo a dirección artística de Luis Piedrahita, reunirá na cidade herculina ás figuras da comedia máis relevantes da escena galega e estatal 

A programación ofrecerá espectáculos únicos como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, incluirá algunhas das propostas máis vistas do momento e estreará novas producións

EMHU consolidouse no 2022 como o evento humorístico máis relevante de España ao xuntar na Coruña a máis de 19.000 espectadores

O humor, en maiúsculas, regresa á cidade da Coruña. O EMHU, o Encontro Mundial de Humorismo, celebrará a súa terceira edición do 28 de abril ao 7 de maio de 2023. A cidade herculina acollerá esta primavera, de novo, a gran cita coa comedia ao vivo, que reúne nun único evento ás figuras e espectáculos de humor máis relevantes do momento en España e que na súa última edición sumou máis de 19.000 asistentes. 

Impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e baixo a dirección artística de Luis Piedrahita, EMHU regresará aos escenarios coruñeses durante dez días con espectáculos únicos, novos formatos que achegarán as propostas máis divertidas, estreas absolutas e, por suposto, as funcións que máis público teñen no patio de butacas na actualidade. Entre as sesións exclusivas que se poderán ver na Coruña, producidas polo propio festival, atópanse galas como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, citas nas que EMHU reúne sobre o mesmo escenario a grandes figuras da comedia e para as que as e os asistentes esgotan, rapidamente, todas as entradas dispoñibles. 

Con dúas edicións ás costas, EMHU consolídase como a cita coa comedia máis relevante e multitudinaria de España, ao xuntar na súa pasada edición a máis de 19.000 espectadores que asistiron a unha vintena de espectáculos. Figuras como Andreu Buenafuente, Sílvia Abril, David Broncano, Héctor de Miguel, Ignatius Farray, Carolina Iglesias, Victoria Martín, Inés Hernand, Nerea Pérez de las Heras, Eva Hache ou Javier del Pino, entre outras moitas, visitaron A Coruña no 2022 para participar no EMHU. 

O Encontro Mundial de Humorismo dará a coñecer, proximamente, os nomes que conformarán o cartel da súa terceira edición, cuxa gráfica é obra de Riki Blanco e Rebeca Losada. A programación de espectáculos do EMHU 2023 completarase, tal e como é habitual, con diferentes actividades paralelas e de acceso libre, dirixidas a todos os públicos e que se desenvolverán en distintos recintos culturais da Coruña.

20230222-NP-GAL-EMHU-2023