por martinho | Feb 27, 2023 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
Este sábado presentarase en Vilalba, ás 12 h. na Casa da Cultura, o libro IRMÁS. Oito diálogos contra a desmemoria. Nesta obra, editada por Alvarellos Editora, coa axuda económica do Concello de Vilalba, oito autoras actuais renden homenaxe ás mulleres silenciadas das Irmandades da Fala (1916-1936).
As autoras participantes son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés.
As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza.
Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e coordinado por Beatriz Dourado. A capa é obra de Adolfina Mesa.
NP_G_Irmas_alvarellos-ed_2023
por Beatriz Dourado | Feb 27, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Celso Emilio Ferreiro. Escolma poética
Edición literaria: Ramón Nicolás
Ilustracións: Baldo Ramos
Editorial: Faktoría K de Libros
Ano de publicación: 2008
Hai xa máis dunha década que recibín este libro coma agasallo das familias da miña primeira promoción de alumnxs. Coido que deberon pensar, despois de tratar comigo durante tres anos, que coa poesía acertaban de pleno. E vaia que si acertaron.
Á marxe de formar parte dun recordo persoal moi fermoso, este é un dos libros ao que volvo varias veces. E é que Celso Emilio é un deses autores que segue vixente malia o inevitábel paso do tempo. O berro contra a criminalización da inmigración, a precariedade laboral ou o desmantelamento dos servizos públicos, que padecemos na actualidade, está vivo na voz deste célebre celanovés. Tamén a defensa pola lingua, testemuño que recollemos, conforma parte do seu legado poético. E mesmo os versos que chaman por Moraima, polo amor, seguen arrecendendo á frescura coa que nos recoñecemos, irremediabelmente, no campo dos afectos.
O marabilloso desta edición é a elegancia coa que se dispón a excelente escolla de trece poemas, coma trece lúas, coas ilustracións de Baldo Ramos nun ceo de papel, que chega a despregarse para ampliar os horizontes de quen aquí se asoma. Asemade, a combinación das cores, co predominio do negro e o vermello, amósanos o latexo incesante dun universo que non se apaga, que segue prendendo a vindeira alborada. Contra a inxustiza e a indiferenza, velaquí o universo de Celso Emilio Ferreiro.
Chove, chove na casa do probe
e no meu corazón tamén chove.