O EMHU, baixo a dirección artística de Luis Piedrahita, reunirá na cidade herculina ás figuras da comedia máis relevantes da escena galega e estatal 

A programación ofrecerá espectáculos únicos como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, incluirá algunhas das propostas máis vistas do momento e estreará novas producións

EMHU consolidouse no 2022 como o evento humorístico máis relevante de España ao xuntar na Coruña a máis de 19.000 espectadores

O humor, en maiúsculas, regresa á cidade da Coruña. O EMHU, o Encontro Mundial de Humorismo, celebrará a súa terceira edición do 28 de abril ao 7 de maio de 2023. A cidade herculina acollerá esta primavera, de novo, a gran cita coa comedia ao vivo, que reúne nun único evento ás figuras e espectáculos de humor máis relevantes do momento en España e que na súa última edición sumou máis de 19.000 asistentes. 

Impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e baixo a dirección artística de Luis Piedrahita, EMHU regresará aos escenarios coruñeses durante dez días con espectáculos únicos, novos formatos que achegarán as propostas máis divertidas, estreas absolutas e, por suposto, as funcións que máis público teñen no patio de butacas na actualidade. Entre as sesións exclusivas que se poderán ver na Coruña, producidas polo propio festival, atópanse galas como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, citas nas que EMHU reúne sobre o mesmo escenario a grandes figuras da comedia e para as que as e os asistentes esgotan, rapidamente, todas as entradas dispoñibles. 

Con dúas edicións ás costas, EMHU consolídase como a cita coa comedia máis relevante e multitudinaria de España, ao xuntar na súa pasada edición a máis de 19.000 espectadores que asistiron a unha vintena de espectáculos. Figuras como Andreu Buenafuente, Sílvia Abril, David Broncano, Héctor de Miguel, Ignatius Farray, Carolina Iglesias, Victoria Martín, Inés Hernand, Nerea Pérez de las Heras, Eva Hache ou Javier del Pino, entre outras moitas, visitaron A Coruña no 2022 para participar no EMHU. 

O Encontro Mundial de Humorismo dará a coñecer, proximamente, os nomes que conformarán o cartel da súa terceira edición, cuxa gráfica é obra de Riki Blanco e Rebeca Losada. A programación de espectáculos do EMHU 2023 completarase, tal e como é habitual, con diferentes actividades paralelas e de acceso libre, dirixidas a todos os públicos e que se desenvolverán en distintos recintos culturais da Coruña.

20230222-NP-GAL-EMHU-2023