‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Tui este venres 21 de outubro

‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Tui este venres 21 de outubro

  • Sobre o escenario estarán a soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario polo director musical da peza, Iago Hermo, compositor ademais da música e do libreto
  • A ópera será no Teatro Municipal de Tui ás 21.30 h e a entrada gratuíta pódese reservar na web tui.gal

Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este venres 21 de outubro, ás 21.30 h, no Teatro Municipal de Tui. Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

O espectáculo é gratuíto pero cómpre reservar a entrada na web tui.gal. Esta función enmárcase no programa ‘Con-fiando Cultura’ da Deputación de Pontevedra que tamén levará proximamente Papagena ata Gondomar (5 de novembro) e Bueu (19 de novembro).

Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical. 

Así, alén de Pontevedra, a xira de Papagena tamén ten previstas funcións en Oleiros (29 de outubro), Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.

20221018-NP-ButacaZero-Papagena-TUI

Máis de 6.600 persoas asisten ás actividades do Camiño Escena Norte 2022

O proxecto de intercambio de artes escénicas pecha a súa cuarta edición con récord de participantes en todas as súas propostas

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de danza, teatro e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra, acadou un novo récord na súa cuarta edición: CEN 2022 superou as 6.600 participantes, tanto nas funcións e encontros coas compañías, coma nos programas profesionais e formativos, o que supón un 47% máis de asistentes que no 2021. 

Diego Vázquez Meizoso, coordinador de Camiño Escena Norte, sinala que esta edición do CEN, cuxo programa de exhibición tivo lugar entre o 10 de setembro e o 9 de outubro, “comezou como a máis ilusionante da nosa pequena historia e, finalmente, superou amplamente todas as nosas expectativas”. Neste sentido, Meizoso salienta que esta cuarta edición, cuxo lema foi ‘Medran os sorrisos’, “fixo crecer o proxecto a todos os niveis coa incorporación da Comunidade Foral de Navarra e de novas sedes, ademais dun número récord (15) de compañías participantes no programa de exhibición”. “2022 é o ano que pode marcar o futuro deste proxecto plural de intercambio escénico”, asevera o coordinador.  

Precisamente este ano estreouse ESADS en Camiño, un proxecto que uniu o programa de exhibición Itinerario Constelacións co alumnado de Artes Escénicas de Galicia, Asturias e Euskadi. “Puxemos en contacto a case 60 estudantes coas compañías en xira a través de talleres e outras actividades”, apunta Meizoso. O resultado desta proposta foi, a ollos do coordinador, “enriquecedor” para o alumnado, pois o CEN achegou a posibilidade de coñecer, desde a proximidade, o traballo que unha compañía profesional realiza antes dunha función. A este respecto, Nacho Ortega, director da ESAD de Asturias, apunta que este novo programa “suma vantaxes pedagóxicas”. É unha sorte que agromara e que xere este tipo de sinerxías. Ao cabo, se unha escola de arte dramática non está en contacto coa profesión, non ofrece unha parte fundamental”, advirte.

No caso das actividades dirixidas especificamente ao público profesional, o CEN tamén experimentou un incremento notable de participación. O encontro Habitación Peregrina PRO acolleu en Lugo a 70 axentes escénicos (distribuidoras, técnicas de cultura, directoras de festivais, docentes e programadoras) e 40 compañías dos territorios implicados nesta edición (un 50% máis que na edición de 2021). En relación ao programa de estadías de creación Cruzamentos, recibiu neste 2022 un impulso económico, o que fortaleceu o intercambio escénico, artístico e profesional entre as compañías. Completando a participación profesional, CEN ofreceu cinco conversas en liña coas compañías, que están á disposición do público, en aberto, na canle de YouTube do proxecto.

Camiño Escena Norte 2022 

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das comunidades autónomas implicadas, como son a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación Provincial de Lugo, a Deputación Provincial da Coruña, o Goberno do Principado de Asturias, o Goberno de Cantabria, a Deputación Foral de Araba, a Deputación Foral de Bizkaia, a Deputación Foral de Gipuzkoa e o Goberno de Navarra;  ademais do Goberno de España a través do INAEM e de Vegalsa-Eroski como patrocinador oficial. Este ano, CEN tamén contou coa colaboración das casi 40 sedes locais nas que se desenvolveu. En Galicia CEN contou co apoio dos concellos de Lugo Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro; ademais do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Centro Dramático Galego. 

Presentación do libro PIL-PIL Y LACÓN CON GRELOS (Colección Letras en su punto) na Libraría Biblos de Lugo

A Librería Biblos e Literarte Editorial organizan a presentación do libro PIL-PIL Y LACÓN CON GRELOS (Colección Letras en su punto) o vindeiro xoves, 20 de outubro, ás 19:30 horas en Lugo.
Os escritores participantes no libro son Tamara Andrés, Milagros Bará, Juan Bas, Fina Casalderrey, Javier Maura, Francisco Narla, Encar Roda, Silvida Rodríguez, Juanjo Romano y Mª Eugenia Salaverri.

Inauguración da exposición EXCÉNTRICAS, de Álvaro de la Vega, no Castelo de Pambre

O IEU organiza a exposición EXCÉNTRICAS, de Álvaro De la Vega, que se inaugurará o vindeiro sábado, 22 de outubro, ás 12 h. na Sala de exposicións do Castelo de Pambre.

Dita exposición permanecerá aberta desde o 22 de outubro ao 17 decembro de 2022.

Diptico-Excentricas-Alvaro-de-la-Vega-castelo-de-Pambre-Instituto-de-Estudos-Ulloans

Celebración do II Magosto Cal Da Loba este sábado, 22 de outubro, en Pino

O vindeiro sábado, 22 de outubro, a Asociación Recretativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración coa web Caldaloba e Culturalia GZ, e o apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Cospeito e outras entidades privadas, organiza o II Magosto Cal Da Loba en Pino (Cospeito), con actividades que se desenvolverán ao longo da xornada nas proximidades da Torre de Caldaloba.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Persoas premiadas no II Certame de Debuxo Infantil ”A túa Caldaloba” e no II Certame de Caligramas ”Constanza de Castro”

Vídeo promocional do II Magosto Cal Da Loba