O proxecto de intercambio de artes escénicas pecha a súa cuarta edición con récord de participantes en todas as súas propostas
Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de danza, teatro e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra, acadou un novo récord na súa cuarta edición: CEN 2022 superou as 6.600 participantes, tanto nas funcións e encontros coas compañías, coma nos programas profesionais e formativos, o que supón un 47% máis de asistentes que no 2021.
Diego Vázquez Meizoso, coordinador de Camiño Escena Norte, sinala que esta edición do CEN, cuxo programa de exhibición tivo lugar entre o 10 de setembro e o 9 de outubro, “comezou como a máis ilusionante da nosa pequena historia e, finalmente, superou amplamente todas as nosas expectativas”. Neste sentido, Meizoso salienta que esta cuarta edición, cuxo lema foi ‘Medran os sorrisos’, “fixo crecer o proxecto a todos os niveis coa incorporación da Comunidade Foral de Navarra e de novas sedes, ademais dun número récord (15) de compañías participantes no programa de exhibición”. “2022 é o ano que pode marcar o futuro deste proxecto plural de intercambio escénico”, asevera o coordinador.
Precisamente este ano estreouse ESADS en Camiño, un proxecto que uniu o programa de exhibición Itinerario Constelacións co alumnado de Artes Escénicas de Galicia, Asturias e Euskadi. “Puxemos en contacto a case 60 estudantes coas compañías en xira a través de talleres e outras actividades”, apunta Meizoso. O resultado desta proposta foi, a ollos do coordinador, “enriquecedor” para o alumnado, pois o CEN achegou a posibilidade de coñecer, desde a proximidade, o traballo que unha compañía profesional realiza antes dunha función. A este respecto, Nacho Ortega, director da ESAD de Asturias, apunta que este novo programa “suma vantaxes pedagóxicas”. É unha sorte que agromara e que xere este tipo de sinerxías. Ao cabo, se unha escola de arte dramática non está en contacto coa profesión, non ofrece unha parte fundamental”, advirte.
No caso das actividades dirixidas especificamente ao público profesional, o CEN tamén experimentou un incremento notable de participación. O encontro Habitación Peregrina PRO acolleu en Lugo a 70 axentes escénicos (distribuidoras, técnicas de cultura, directoras de festivais, docentes e programadoras) e 40 compañías dos territorios implicados nesta edición (un 50% máis que na edición de 2021). En relación ao programa de estadías de creación Cruzamentos, recibiu neste 2022 un impulso económico, o que fortaleceu o intercambio escénico, artístico e profesional entre as compañías. Completando a participación profesional, CEN ofreceu cinco conversas en liña coas compañías, que están á disposición do público, en aberto, na canle de YouTube do proxecto.
Camiño Escena Norte 2022
Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.
CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das comunidades autónomas implicadas, como son a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación Provincial de Lugo, a Deputación Provincial da Coruña, o Goberno do Principado de Asturias, o Goberno de Cantabria, a Deputación Foral de Araba, a Deputación Foral de Bizkaia, a Deputación Foral de Gipuzkoa e o Goberno de Navarra; ademais do Goberno de España a través do INAEM e de Vegalsa-Eroski como patrocinador oficial. Este ano, CEN tamén contou coa colaboración das casi 40 sedes locais nas que se desenvolveu. En Galicia CEN contou co apoio dos concellos de Lugo Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro; ademais do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Centro Dramático Galego.