Comunicado do IESCHA

Debido a situación sanitaria motivada pola COVID na que se atopa nestes momentos o Concello de Vilalba, desde o IESCHA comunicámosvos que queda ADIADO, sine díe, o segundo día das Xornadas Museísticas previsto para o sábado 21 de novembro.

Disculpade.

Xunta Directiva do IESCHA

Presentación do libro ABRIL, de Luz Darriba, no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo

O xoves 26 de novembro, ás 20 horas no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo, celebrarase a presentación do libro ABRIL, do que é autora a artista multidisciplinar Luz Darriba. O acto de presentación está organizado pola Editorial Belagua e a Libraría Trama, e nel participarán, ademais da autora do libro, a tamén escritora Marica Campo.

Debido as restricións establecidas pola pandemia da COVID-19, haberá limitación da capacidade a trinta persoas como máximo.

AELG. V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias

O 20 e 21 de novembro terá lugar a V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias, actividade organizada pola AELG, co patrocinio co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

Esta edición, debido ás restricións sanitarias provocadas pola Covid-19, terá un formato virtual, retransmitíndose en directo pola canle de Youtube da AELG, nesta ligazón.

O programa é o seguinte:

SEXTA FEIRA, VENRES, 20 DE NOVEMBRO

Emisión en directo desde a canle de Youtube da AELG.

– 16:30 Apertura da IV Xornada.

– 16:45 Mesa redonda As literaturas para teatro e danza fronte ás crises.

Presentación e moderación: Afonso Becerra.

Interveñen: Branca Novoneyra e AveLina Pérez.

– 17:50 Mesa redonda A cultura é un ben necesario en tempos de crise?​

Presentación e moderación: Cilha Lourenço Módia.

Interveñen: Mercedes Queixas e Mercedes Rosón.

– 19:15 Aula maxistral a cargo de Mickael de Oliveira. Dramaturgo e Director artístico do END, Festival Encontros de Novas Dramaturgias de Portugal. Presentación a cargo de Afonso Becerra.

SÁBADO 21 DE NOVEMBRO

Desde a canle de Youtube da AELG.

Entre as 09:55 e as 13:30.

III Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática.

Convocatoria aberta a 7 proxectos de escrita dramática ou dramaturxia, para teatro, danza, circo ou outras modalidades escénicas, individuais ou colectivos, de dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público, achegando un fragmento ou unha mostra desta. 4 proxectos de Galiza e 3 proxectos de Portugal.

Este festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima 15 minutos.

Neste 2020, o formato será virtual, polo que se publicarán previamente uns vídeos de cada proposta das/os dramaturgas/os ou equipas de dramaturxia na canle de Youtube da AELG. O propio día 21, nas franxas horarias que sinalamos a continuación, retransmitirase cada vídeo e haberá unha conversa por videoconferencia duns 15 minutos cos/as autores/as, onde se lle trasladarán os comentarios máis relevantes publicados previamente na canle. Deste xeito, búscase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabamento desas pezas en proceso. Neste sentido, animávosvos a que comentedes as vosas opinións na propia canle de Youtube, de cara a facilitar e contribuír a que o seu proceso de creación poida abrirse ás vosas ideas, pensamentos e perspectivas.

Estas son as pezas escollidas, e os horarios en que terá lugar o visionado dos vídeos enviados previamente e a conversa posterior, sempre o día 21 de novembro na canle de Youtube da AELG:

– De 09:55 a 10:00 h. Breve presentación do Festival de Pezas 2020.

– De 10:00 a 10:30 h. Mudras familiares. Borja Fernández.

– De 10:30 a 11:00 h. Mulleres que bailan na néboa. Ana Abad de Larriva.

– De 11:00 a 11:30 h. Museo-viveiro. Helena Salgueiro.

– De 11:30 a 12:00 h. Vendo Opel Corsa. Pornós Teatro: Alba Pérez, Carlota Mosquera, Lucas Simón, Lydia Prada, Noelia González, Uxía Algarra e Yago Durán.

– De 12:00 a 12:30 h. Anti-Benjamin. Ricardo Cabaça.

– De 12:30 a 13:00 h. Declaração de Amor. Isabel Milhanas Machado.

– De 13:00 a 13:30 h. DIY. Projeto Casa: Cátia Faísco.

Segunda Conferencia da Rede do Patrimonio (19 de novembro): O IMATERIAL TEN A PALABRA

Segue o ciclo de conferencias da Rede do Patrimonio Cultural

O IMATERIAL TEN A PALABRA

No ciclo de charlas de divulgación, no marco da conmemoración do Día do patrimonio, chega a quenda do patrimonio inmaterial.

Cando hai unha vaga de incendios, cando se producen diferentes agresións no territorio, nunca aparece na lista de “caídos” unha cifra que reflicta o número de lendas , toponimia, mitos, crenzas ou rituais perdidos.

Sempre falamos de pedras, árbores, vivendas, pero a perda da memoria do territorio é tan terrible como a perda dos bens patrimoniais materiais.

Recoñecida pola Unesco, a cultura inmaterial forma parte da identidade das nacións e debe ter garantías de protección por parte dos organismos pertinentes. Con todo, a defensa e preservación das tradicións non é unha constante nas accións dos distintos organismos vinculados ao patrimonio. En tempos de globalización é fundamental, identificar, documentar e protexer unha cultura que é patrimonio vivinte. A súa preservación permite manter a diversidade cultural e a creatividade.

Por iso nesta segunda conferencia o destacado  antropólogo, investigador, escritor e profesor Rafael Quintía, falará sobre

“O valor do patrimonio inmaterial e a súa relación co patrimonio material e natural”.

Será  o xoves 19 de novembro ás 20.00 no facebook da Rede do Patrimonio e na canle de youtube  da ACP Roxin Roxal. Moderará a palestra, Emi Cagiao Sánchez  da Asociación Entroido de Samede.

Contacto

635952820-Rede do Patrimonio Cultural

PAKOLAS, este sábado na Casa-Museo Manuel María, con “Ramona Órbita, a dona do tempo”

Pakolas estará este sábado, día 21 de novembro, ás 17 hrs, na Casa-Museo Manuel María para nos presentar coa súa forza interpretativa e o seu humor o seu último traballo “Ramona Órbita, a dona do tempo”. Un espectáculo individual, creado polo propio autor, e dirixido para nenas e nenos entre 4 e 9 anos.

Contaranos e cantaremos a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas, e ademais ten  unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, mais ecolóxico e con enerxías limpas. Así, a través das cancións e a narración levaranos por diferentes épocas. Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario que acaba de descubrir o lume, visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento, acode ao Antigo Exipto cun tal  Ramsés que lle cheiran os pés, ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time, etc, todo até chegar a Benvidas ao Futuro en que cantaremos por unha sociedade mais ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natura.

Pakolas combinará a narración, a interpretación e caracterización de moitas personaxes, e a música; e tamén animará os nenos e nenas e todo o público a participar coas mans, cos ritmos do corpo e coa voz (retrousos, sons, etc). Así, podemos compartir entre todos e todas a música e as historias cantadas e contadas. En definitiva, un xeito divertido de aprender e de gozar.

 É imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. O aforo do auditorio da Casa-Museo Manuel María verase reducido considerabelmente polas indicacións sanitarias motivadas pola COVID-19. O billete ten un prezo de 2 euros

A duración do espectáculo será entre 40 e 50 minutos

As persoas que asistan terán como condicións de obrigado cumprimento:
-o uso de máscara (excepto as persoas exentas pola lexislación vixente)
-lavar as mans con xel hidroalcólico á entrada
-manter a distancia de seguranza, sobre todo á entrada e á saída para evitar amontoamentos
-non mudarse das cadeiras asignadas
-seguir as indicacións do persoal da Casa-Museo Manuel María

Recoméndase, tamén, limitar o máximo posíbel o uso dos baños