Este sábado na Casa-Museo Manuel María presentación do libro “A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira”, de Montse Fajardo

Este sábado, día 7, ás 18 hrs, presentamos na Casa-Museo Manuel María o libro “A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira”, do que é autora Montse Fajardo, que estará presente no acto.

O libro reconstrúe o pensamento e a loita da compañeira de Castelao, unha persoa que percorreu o mundo na defensa da dignidade e dos dereitos do pobo galego fronte ao fascismo e a impunidade.

Tras a presentación, manteremos coa autora un coloquio. A entrada é libre, mais por mor das limitacións de aforo, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do whatsapp 698177621.

Montse Fajardo Pérez (Vilagarcía, 1973) é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, mais a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada ao xornalismo.

Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo e é colaboradora habitual de faladoiros radiofónicos.

Na actualidade forma parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellaría de Patrimonio e Memoria Histórica do Concello de Pontevedra. No seu marco participou no libro Do gris ao violeta. Achega á historia das mulleres pontevedresas co texto, As que quedaron, no que analiza a repercusión da represión franquista sobre as familias afectadas. Nesa liña imparte por centros educativos e asociacións culturais galegas a charla A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36.

En solitario é a autora dos libros Matriarcas. Mulleres en pé de vida (2012), Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015), Invisibles. Relatos do maltrato (2017) e O escalón de Ulises. A Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros (2018)

Ademais, foi a comisaria da exposición itinerante Rexas, mulleres baixo o terror franquista, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra en 2017.

En outubro de 2018 gañou a II edición do premio de Xornalismo “Lueiro Rey” que organiza o Concello de Fornelos de Montes, co seu artigo “O universo de Carlos”, protagonizado por un neno con autismo.

Os contos do Festival Atlántica regresan este xoves a Galicia

Os contos do Festival Atlántica regresan este xoves a Galicia

·       A programación de Santiago comeza coa retransmisión en liña do espectáculo de Fernando Saldaña nas redes sociais dos centros socioculturais de Santiago

·       A partir das 20.30 horas será a quenda de José Luis Gutiérrez ‘Guti’ no Centro Xove da Almáciga

·       Todas as funcións son gratuítas pero cómpre reservar por adiantado o convite

·       O espectáculo de Charo Pita xa esgotou as súas reservas e outros están a piques de completar o aforo

Este xoves, 5 de novembro, os contos do Festival Atlántica volverán a Galicia para completar a súa oitava edición, interrompida de súpeto pola declaración do estado de alarma. Malia as restricións sanitarias vixentes, o veterano encontro de narración oral vai dar programado 24 espectáculos, que se van desenvolver os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e mais o 5 e o 6 de decembro cun formato híbrido que compaxinará as sesións presenciais coas actuacións en liña.

Fernando Saldaña

No caso de Santiago, a primeira cita será este xoves, 5 de novembro, co narrador Fernando Saldaña, que brindará unha función en liña do ‘Peixe de ouro’ que se retransmitirá a través das redes dos centros socioculturais de Santiago de Compostela. Trátase dun espectáculo para nenos de entre 3 e 8 anos que está baseado no conto clásico co mesmo título. Nel nárrase a historia de avaricia dunha familia que, tras recibir un desexo por parte dun peixe, quere máis e máis e máis.

O salmantino Fernando Saldaña é, ante todo, e sobre todo, contacontos. Tamén é mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico. Saldaña ten traballado na radio e en televisións locais, foi deseñador gráfico, locutor, profesor de circo e de programas informáticos… Pero o que máis lle gusta é contar historias. A todos. Para todas as idades: desde os bebés ata os que hai tempo que chegaron aos cen.

Nos seus cofres, baúis e maletas ten contos gardados para todos e cada un. Saldaña asenta a narración nos obxectos cotiáns, nos xogos de maxia, en bonecos e monicreques, no seu corpo e na súa voz, para que o espectador viva cada unha das súas palabras, como el as goza cando sobe a un escenario ou se coloca diante do seu público nunha escola, biblioteca, xardín ou praza.

Tradición oral zamorana

José Luis Guitiérrez ‘Guiti’

Algo máis tarde, ás 20.30 horas, José Luis Gutiérrez ‘Guti’ levará ata o Centro Xove da Almáciga as súas ‘Historias de filandar’ (reserva anticipada en festivalatlantica.gal). Neste espectáculo o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, e de cada vella que entra e sae do escenario da man deste zamorano. Funciona como un exercicio de agradecemento a quen lle regalou o testemuño dun mundo oral, e aspira a ser, para quen escoita, unha volta ao tempo feliz no que a palabra do vello era necesaria

José Luis Gutiérrez é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Todos os contos e romances que usa recolleunos directamente de narradores tradicionais, os máis deles de anciáns do mundo rural cos que compartiu moitos bos intres. Procura conservar o carácter dialectal de cada narración e mais a atmosfera que envolvía o narrador tradicional, carente de artificios nun mundo sen tele nin radio. ‘Guti’ traballa principalmente no ámbito rural procurando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.

Entradas esgotadas

O Festival proseguirá nos vindeiros días con máis actuacións nos concellos de Ferrol, Ourense, Lalín, Pazos de Borbén, Brión, A Coruña, Teo e Vigo, alén de Santiago de Compostela. Algúns dos espectáculos xa teñen o cartel de entradas esgotadas, como no caso da función de Charo Pita, pero aínda quedan prazas para as restantes.

Outro evento que completou o seu aforo foi o de Pablo Díaz na Nave de Vidán (Santiago) pero por mor das novas restricións que entrarán en vigor o venres, a actividade vai ser adiada. As persoas que tiñan entrada terán preferencia para a nova data que será comunicada máis adiante pola organización.

A información sobre os artistas pódese consultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén están dispoñibles o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites das funcións presenciais.

Agás no caso de Ferrol e Teo, a maioría das funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita a modificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.