Iria Misa Peralba gañadora do IV Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade

Iria Misa Peralba

Este venres 30 de outubro, ás 18 horas, reuniuse, de maneira telemática dada a situación sanitaria derivada da pandemia, o Xurado do IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Dª Antía Yáñez Rodríguez, D. Manuel Bragado Rodríguez e Dª. María Xesús Fernández Fernández. Unha vez rematada a reunión emiten o seguinte DITAME:
O Xurado acorda, por unanimidade, outorgar o IV Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada A CIDADE DO ÁTOMO presentada baixo o lema ou seudónimo de A MÁSCARA.
Unha vez aberta a plica, resultou ser o/a seu/súa autor/a IRIA MISA PERALBA.
O xurado salienta a alta calidade media das obras presentadas e recomenda tamén apublicación dos orixinais baixo os lemas «Monadas cuánticas», «Bartolina Sisa» e «Vega». Respecto a obra gañadora, «A cidade do átomo» destaca a orixinalidade do
tratamento do tema, a paisaxe abandonada da cidade ucraína de Prípiat, tras o accidente o 27 de abril de 1986 da central nuclear de Chernóbil. Destaca ademais a nivel estilístico a alta calidade da lingua empregada, así como a amenidade dun relato no que se mesturan textualidades diversas. «A cidade do átomo», dirixido a un público infantil, pode interesar sen dúbida ao lector ou lectora de calquera idade, amolando que é posible conocer outras realidades dende a nosa lingua e ampliando así o horizonte temático da nosa LIX.

Acceso ao comunicado do ditame do xurado.

A Asociación Cultural CALDALOBA e Alvarellos Editora coeditarán o libro “MANIFESTO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller”

A Asociación Cultural CALDALOBA e Alvarellos Editora coeditarán o libro MANIFESTO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Nesta edición contarán coa achega económica das Áreas de Cultura do Concello de Vilalba e da Deputación Provincial de Lugo, e a colaboración divulgadora da web Culturalia GZ.

Este libro nace co motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. Unha antoloxía que amosará desde unha vertente poética e crítica (textual, imaxinativa, gráfica) a visión particular de 25 artistas da palabra e/ou da imaxe arredor do 25 N.

Cada persoa só poderá achegar UNHA única obra ao seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com.

A data límite para a recepción de obras será o mesmo 25 de novembro. A continuación realizarase unha selección de 25 obras de todas as achegadas, e que, segundo o criterio da organización, mellor reflictan o sentido da convocatoria.

Cada persoa seleccionada recibirá DOUS exemplares do libro editado, quedando os restantes para a realización, dentro do posible, de presentacións da publicación e como xeito de concienciación fronte a esta lacra social.

O Festival Atlántica volve este outono para completar a súa oitava edición

O Festival Atlántica volve este outono para completar a súa oitava edición

·       O programa desenvolverase en formato híbrido polas restricións sanitarias, compaxinando funcións en liña coas presenciais

·       Nove concellos serán sede das actividades: Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns

·       Dez contadores de Venezuela, Portugal, Huesca, Salamanca, Zamora e Galicia protagonizarán a vintena de actuacións programadas

Tras a interrupción de marzo por mor da declaración do estado de alarma, o Festival Atlántica vén de anunciar a continuación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre novembro e decembro. A presentación tivo lugar este xoves, 29 de outubro, nunha rolda de prensa na que participaron Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.

Na súa intervención, Mercedes Rosón lembrou que Atlántica naceu en Santiago no ano 2013 e que daquela mantén “a súa esencia de encontro de voces e historias que suman tradición oral á cultura atlántica”. Logo da interrupción de marzo, o Festival vai regresar a Galicia “os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e o 5 e 6 de decembro con actuacións en formato híbrido, ou sexa, en liña e presenciais, nas que se garantirá, en todo momento, o cumprimento das medidas anticovid e a seguridade das persoas asistentes”.

A concelleira destacou que na sede de Santiago “están programadas actuacións no Teatro Principal, na Igrexa da Universidade, nos centros socioculturais de Fontiñas, de Santa Marte e de Vite; no Centro Xove da Almáciga; na biblioteca Ánxel Casal; na Igrexa da Universidade e na Nave de Vidán”.

Novas medidas, mesma ilusión

Na súa quenda, Soledad Felloza, a directora do Festival, subliñou o feito de que “Atlántica, no mesmo ano e co mesmo orzamento, vai ser quen de sacar adiante dúas veces o Festival grazas á xenerosidade do equipo técnico e dos artistas, que volven para cumprir co seu compromiso co público”. Unha volta que se fai “con todas as medidas de seguridade, con moita ilusión e, sobre todo, con moito respecto: coidándonos e coidando ao público”.

Felloza tamén quixo salientar que “os artistas desta edición, como moita xente da cultura, compartiron o seu traballo nas redes para aliviar o tempo de confinamento” e agora, aínda que sexa nestas condicións, o que desexan é “volver a estar en contacto coa xente”. A directora do Festival animou á participación, pregando polo seguimento das normas e recomendacións sanitaria.

No tocante aos aforos, Felloza lembrou a necesidade de “facer un uso responsable das prazas dispoñibles, que por mor das medidas de seguridade son reducidas”. Nos espectáculos presenciais “cómpre inscribirse por adiantado e avisar se non se pode acudir, porque hai moito interese e hai persoas en lista de espera”. Os horarios das funcións tamén “se deseñaron tendo en conta o toque de queda e que se poida regresar a casa con calma”.

Malia non poder participar na rolda de prensa, Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, quixo deixar patente o apoio da súa entidade aos festivais polo seu labor como plataformas de difusión da cultura. Un apoio que no caso do Festival Atlántica ten unha dimensión especial “polo seu contido tan vinculado á tradición oral”. Alén diso, Couto agradeceu tamén o traballo da organización para desenvolver un programa cultural nestas circunstancias e aproveitou para lembrar “que a cultura non contaxia e é saudable”.

Actualización continua

A información sobre os artistas deste ano xa está publicada na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén está dispoñible o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites das funcións presenciais.

A programación vaise desenvolver os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e, alén diso, para o 5 e o 6 de decembro están previstas outras dúas funcións que completarán a edición deste ano do Festival Atlántica. Serán en total 24 espectáculos nos que participarán os narradores Noelia Carioca (Salamanca), José Luis Gutiérrez ‘Guti’, (Zamora), Rubén Martínez Santana (Venezuela), Fernando Saldaña (Salamanca), Sandra Araguas (Huesca) e mais os galegos Ramiro Neira, Charo Pita, Pablo Díaz, Santi Prego e Sole Felloza.

En función das restricións sanitarias de cada concello, as actuacións serán en liña ou presenciais. Polo de agora, xa está previsto que a programación de Ferrol e Teo se desenvolva telemáticamente. No que respecta ao resto dos concellos, as funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita a modificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.

Rolda de prensa dispoñible en https://youtu.be/QF-kR7p1j4Y

Sobre as fotos: De esquerda a dereita, Mercedes Rosón, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica

Presentación en liña da VIII Edición do FESTIVAL ATLÁNTICA DE NARRACIÓN ORAL

O Festival Atlántica, que se interrompeu en marzo por mor da declaración do estado de alarma, vai completar a súa oitava edición os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e o 5 e 6 de decembro con actuacións en formato híbrido (presencial e en liña). Máis información na rolda de prensa que será emitida en directo por Internet:

DATA E HORA: xoves 29 de outubro do 2020 ás 12 h

WEB E CANLE DE YOUTUBE DO CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA:

·       www.santiagodecompostela.gal

·        https://www.youtube.com/channel/UCSrcC2UgDHIb80vVVRtvoDw

PARTICIPAN:

· Mercedes Rosón Ferreiro, Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela.

· Soledad Felloza | Directora do Festival Atlántica.



Prensa Festival Atlántica

Beatriz Pérez | 604 070 409 | festivalatlantica.prensa@gmail.com

festivalatlantica.gal | Facebook | Twitter | Flickr

DÚAS PEDRAS NO CAMIÑO, de Mofa & Befa, na Casa-Museo Manuel María

Este próximo sábado, día 31 de outubro, o auditorio da Casa-Museo Manuel María ten a sorte de acoller, ás 20 hrs, o dúo Mofa & Befa que levarán a cabo un espectáculo antolóxico titulado Dúas pedras no Camiño.

Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo representarán pezas que se manteñen na memoria do público, comezando por “Os 33 reiseñores da Porqueira”, que é o prólogo ideal para calquera evento e un dos números máis sutís e celebrados do dueto. Após deste virán números culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema ou escritores inmorredoiros. O título, Dúas pedras no Camiño, xoga coas alusións á música popular e a súa fiosofía, que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme, aídna que tamén lembra a función dos cómicos de seren unha pedra no zapato…

Mofa & Befa son dous clowns para adultos que foron creados por Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo á volta do ano 92 do século pasado. O talento da composición cómica, a vinculación co real, a confidencia co público e as dotes adxectivas, como o canto e a pantomima, que posúen os dous artistas fixeron deles unha referencia da comedia e do que se dá en chamar o cabaret literario.

É imprescindíbel facer reserva previa a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. A actividade é gratuíta.