O 20 e 21 de novembro terá lugar a V Xornada da Sección de Literatura Dramática. As artes escénicas e as súas literaturas ante crises e pandemias, actividade organizada pola AELG, co patrocinio co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

Esta edición, debido ás restricións sanitarias provocadas pola Covid-19, terá un formato virtual, retransmitíndose en directo pola canle de Youtube da AELG, nesta ligazón.

O programa é o seguinte:

SEXTA FEIRA, VENRES, 20 DE NOVEMBRO

Emisión en directo desde a canle de Youtube da AELG.

– 16:30 Apertura da IV Xornada.

– 16:45 Mesa redonda As literaturas para teatro e danza fronte ás crises.

Presentación e moderación: Afonso Becerra.

Interveñen: Branca Novoneyra e AveLina Pérez.

– 17:50 Mesa redonda A cultura é un ben necesario en tempos de crise?​

Presentación e moderación: Cilha Lourenço Módia.

Interveñen: Mercedes Queixas e Mercedes Rosón.

– 19:15 Aula maxistral a cargo de Mickael de Oliveira. Dramaturgo e Director artístico do END, Festival Encontros de Novas Dramaturgias de Portugal. Presentación a cargo de Afonso Becerra.

SÁBADO 21 DE NOVEMBRO

Desde a canle de Youtube da AELG.

Entre as 09:55 e as 13:30.

III Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática.

Convocatoria aberta a 7 proxectos de escrita dramática ou dramaturxia, para teatro, danza, circo ou outras modalidades escénicas, individuais ou colectivos, de dramaturgas/os que estean a escribir algunha peza nova ou que teñan unha peza recente e queiran abrila ao público, achegando un fragmento ou unha mostra desta. 4 proxectos de Galiza e 3 proxectos de Portugal.

Este festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima 15 minutos.

Neste 2020, o formato será virtual, polo que se publicarán previamente uns vídeos de cada proposta das/os dramaturgas/os ou equipas de dramaturxia na canle de Youtube da AELG. O propio día 21, nas franxas horarias que sinalamos a continuación, retransmitirase cada vídeo e haberá unha conversa por videoconferencia duns 15 minutos cos/as autores/as, onde se lle trasladarán os comentarios máis relevantes publicados previamente na canle. Deste xeito, búscase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabamento desas pezas en proceso. Neste sentido, animávosvos a que comentedes as vosas opinións na propia canle de Youtube, de cara a facilitar e contribuír a que o seu proceso de creación poida abrirse ás vosas ideas, pensamentos e perspectivas.

Estas son as pezas escollidas, e os horarios en que terá lugar o visionado dos vídeos enviados previamente e a conversa posterior, sempre o día 21 de novembro na canle de Youtube da AELG:

– De 09:55 a 10:00 h. Breve presentación do Festival de Pezas 2020.

– De 10:00 a 10:30 h. Mudras familiares. Borja Fernández.

– De 10:30 a 11:00 h. Mulleres que bailan na néboa. Ana Abad de Larriva.

– De 11:00 a 11:30 h. Museo-viveiro. Helena Salgueiro.

– De 11:30 a 12:00 h. Vendo Opel Corsa. Pornós Teatro: Alba Pérez, Carlota Mosquera, Lucas Simón, Lydia Prada, Noelia González, Uxía Algarra e Yago Durán.

– De 12:00 a 12:30 h. Anti-Benjamin. Ricardo Cabaça.

– De 12:30 a 13:00 h. Declaração de Amor. Isabel Milhanas Machado.

– De 13:00 a 13:30 h. DIY. Projeto Casa: Cátia Faísco.