Comunicado do IESCHA.- Ofrenda floral Irmandades da Fala. Xornadas Lingua e identidade

OFRENDA FLORAL IRMANDADES-XORNADAS LINGUA E IDENTIDADE

Este ano, debido á situación sanitaria motivada pola pandemia, non se pudieron levar a cabo as Xornadas que dende hai tres anos organizan o Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e o Consello da Cultura Galega. Todo estaba preparado para este fin de semana. A temática das mesmas ía ser sobre lingua e identidade. Ao final, polos motivos mencionados, houbo que adialas. Agardamos poder levalas a cabo máis adiante, cando a situación así o permita.

Non obstante, quixemos manter a tradición de realizar a ofrenda floral diante do monolito situado ao carón do Parador de Vilalba colocado con ocasión do Centenario da creación das Irmandades da Fala e que rende homenaxe aos membros do grupo da Irmandade formado na nosa vila. Por esa razón, a presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, en representación das tres entidades organizadoras, depositou este sábado pola mañá un ramo de rosas ao pé do monolito, tal como se pode apreciar nas fotografía que se adxuntan.

O Galician Film Forum de Londres estrea en liña ‘Eroski Paraíso’ para todo o mundo

O Galician Film Forum de Londres estrea en liña ‘Eroski Paraíso’ para todo o mundo

●      A organización londiniense estrea formato en liña por mor da pandemia coa proxección de ‘Eroski Paraíso’, dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron

●      A película estará dispoñible os días 27, 28 e 29 de novembro para todos os países agás España, onde Filmin ten a exclusividade

O Galician Film Forum (GFF) de Londres segue a promocionar o audiovisual galego malia as restricións impostas pola pandemia. Xa que logo, a organización vai retomar as súas proxeccións pero desta volta na modalidade en liña e vaino facer coa estrea internacional de ‘Eroski Paraíso’ na plataforma Vimeo On Demand. Así, os días 27, 28 e 29 de novembro a película de Jorge Coira e Xesús Ron vai estar dispoñible para todo o mundo na devandita web agás no caso de España, onde se pode atopar en Filmin. No que respecta ao percorrido internacional de ‘Eroski Paraíso’, a película só foi proxectada na sección oficial do Festival Cinespaña de Toulouse alén de en España.

O filme vai estar en versión orixinal con subtítulos en galego e o aluguer por 48 horas terá un custo de 3,95 €. Toda a recadación vai ir destinada aos creadores da película. Con esta actividade o GFF retoma a súa actividade, interrompida polo lockdowm imposto no Reino Unido, que impediu a proxección desta película o pasado abril nun evento que ía contar coa presenza in situ da actriz protagonista, Patricia de Lorenzo.

Precisamente, tanto de Lorenzo como Jorge Coira vanlles dar continuidade ás habituais conversas que se establecían logo das proxeccións físicas coa preparación dun vídeo onde responderán as preguntas e os comentarios que o público envíe durante estes días a través das redes do Galician Film Forum.

‘Eroski Paraíso’ está baseada na obra teatral homónima da compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014). Logo dunha xira por España e de máis de 30.000 espectadores, os directores Jorge Coira e Xesús Ron convertérona nunha longametraxe. Nela nárrase a rodaxe dun documental que Álex (Cris Iglesias) está filmando nun decorado onde se superpoñen a antiga discoteca Paraíso, na que se coñeceron os seus pais, Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira), e mais o actual supermercado Eroski. O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Na última edición dos Mestre Mateo a película acadou o premios á Mellor Actriz e Mellor Actor para de Lorenzo e de Lira. Tamén gañou o Premio á Mellor Longametraxe Galega no Festival Primavera de Cine de Vigo.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

Entradas: https://vimeo.com/ondemand/eroskiparaiso

Rede do Patrimonio Cultural.- Conferencia “Campesiñas e loitadoras. Unha visión dende a Arqueoloxía de Xénero”, o xoves 26 de novembro

Finaliza o ciclo de conferencias do mes do Patrimonio  coa presenza da arqueóloga Celtia Rodríguez Gonzales

Unha das correntes teóricas que está a mudar o pensamento tradicional do pasado son os estudos de xénero en arqueoloxía, que dende hai máis de 20 anos están desenvolvendo novas formas de achegarnos ao pasado dende un punto de vista inclusivo. Desta maneira, a nosa palestra tratará de ver como a través dunhas teorías e metodoloxías arqueolóxicas seremos capaces de entender o pasado a través desta nova mirada. Para iso, o que propoñemos é unha interpretación da materialidade en dous lugares cronoloxicamente distintos, pero que a través dos restos asociados, e das fontes das que dispoñemos, podemos entender o pasado dende esta perspectiva. Estes lugares sitúanse na comarca de Valdeorras e son o asentamento tardoantigo de O Castelo (Valencia do Sil, Vilamartín de Valdeorras) e La Ciudad de la Selva en Casaio. 

Celtia Rodríguez González

Graduada en Historia pola Universidade de Murcia (2015), realiza os estudos de mestrado en Arqueoloxía na Universidade de Granada (2016). Actualmente, está levando a cabo o seu proxecto de tese de doutoramento “Arqueología de Género en Galicia. Un estudio de las relaciones de género y las Actividades de Mantenimiento en la transición de la Tardoantigüedad al mundo Alto Medieval” na USC. As súas principais liñas de investigación céntranse nos estudos de mulleres e de xénero en Galicia a través da arqueoloxía dos séculos IV-VI d.C.

Dende o ano 2017 forma parte do grupo de investigación Sputnik Labrego, onde coordina as tarefas relacionadas coa súa especialidade. Organizadora do Congreso IXAP do 2019 (I Xornadas de xénero arqueoloxía e Patrimonio de Galicia) e do congreso internacional das JIA19 (Jornadas de Jóvenes Investigadores en Arqueología de 2019). Ten co-dirixido escavacións arqueolóxicas no asentamento de O Castelo en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras). Conta con varias publicacións en diferentes revistas científicas relacionadas co período de transición entre a final do Imperio Romano e a Alta Idade Media de Galicia. 

Toda esta labor investigadora compatibilízase co seu traballo como arqueóloga profesional en diferentes empresas galegas dende o 2018. Un exemplo sería o seu traballo para Árbore, s. coop. Galega; Estela, Arqueoloxía e Patrimonio; ou Tempos Arqueólogos.

Para ver a conferencia

Facebook da RPC : https://www.facebook.com/rededopatrimoniocultural

En Youtube: ACPL Roxin Roxal https://www.youtube.com/channel/UCGctq4mJw3TgoCfYv8gWT-A

Concerto de Ugja Pedreira, o sábado 28 de novembro, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 28 de novembro, ás 19 h, na Casa-Museo Manuel MaríaA Pedreira en concerto. Nova proposta escénica da artista Ugia Pedreira. Guitarra en mao pasará por múltiples misturas sonoras, desde unha dama vintage do blues da galeguidade á cantautora de numen folk americano, ou latinoamericano, unha rapera trad ou unha sofisticada pandereteira galega con reminiscencias africanas.

A Pedreira é o proxecto en solitario de Ugia (despois de 12 discos con diversas formacións como Nordestinas, Marful, Chouteira…) e que contará este sábado coa colaboración do músico bretón Pierre-Yves Rougier.

Aforo limitado. Billete: 5 euros. Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsaap 698177621