7º Convivio da Cultura Galega. Quico Cadaval este sábado, ás 16 hrs, con “O complexo de Edipo”, na Casa-Museo Manuel María

A Federación Galiza Cultura e a Casa-Museo Manuel María organizan para este sábado, 26 de setembro, unha nova edición, a sétima, do Convivio da Cultura Galega, en Outeiro de Rei da Terra Chá.

Dentro da xornada, ás 16 hrs, está programada, en principio na horta da Casa-Museo, unha actuación de Quico Cadaval que levará a cabo a narración oral “O complexo de Edipo”. Un espectáculo que comezou como un comentario de texto escolar para acabar convertido nun diálogo imaxinario do narrador coa sua nai sobre o mito de Edipo e o triste destino da familia real de Tebas (Grecia). Gastronomía! Épica! Alta Cultura! Mexericos! Psicanálise! Noticias sorprendentes sobre a monarquía española! Todo en 71 trepidantes minutos, nun monólogo traxi-ridículo.

Esta actividade, dirixida para público adulto, é de entrada libre mais é necesario facer previamente reserva que se poderá realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621, xa que para manter as medidas  preventivas da COVID-19 o número de prazas para presenciar o espectáculo é menor.

CINZA, Miguel Díaz

CINZA

Miguel Díaz

Queimemos os libros,

apaguemos as historias,

desprecemos calquera son

que nos achegue á poesía…

Reduzamos a cinza

cada carta de amor,

afastemos a mirada

que nos embelece.

Declaremos a guerra

ós corazóns que aman…

Sintamos o orgullo

de ser caladas ovellas

dun rabaño desprezable…

Anulemos a nosa esencia

e vivamos na superficie

dunha lagoa noxenta…

E deste xeito tamén

conseguirán gañar eles.

Proxección en autocine do film MARÍA SOLINHA, no Campo da Feira de Vilalba

O vindeiro mércores 16 de setembro de 2020, ás 21:00 horas, no Campo da Feira de Vilalba, está prevista a proxección en formato autocine de MARÏA SOLIÑA, un film de IGANCIO VILAR. O acto está organizado polo Instituto de Estudos Chairegos e a Vicepresidencia-Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, en colaboración co Concello de Vilalba, e coa loxística da produtora do film, VÍA LÁCTEA.

Velaquí a nota informativa de dita proxección.

Manifesto a prol do recoñecemento a Manuel María outorgándolle á Casa da Cultura de Vilalba o seu nome

No solemne e multitudinario acto académico celebrado o día 15 de febreiro de 2003 no Auditorio Municipal “Carmen Estévez” de Vilalba, o Ilustrísimo Señor Don Manuel María Fernández Teixeiro, ao que reivindicamos como o noso Manuel María, validou ante os membros da Real Academia Galega a razón de ser para que o seu discurso académico fose pronunciado na capital da chairega.
Os que asinamos este manifesto e solicitamos a vosa adhesión, fomos testemuña privilexiada e, como moitos outros vilalbeses, sentímonos orgullosos de que o Cantor da Terra Chá elixira a nosa vila para pronunciar o discurso que o elevaba a membro de Real Academia Galega, convertendo ese día nunha data esculpida en ouro para a nosa historia, ao igual que o Día das Letras Galegas de 2016 no que foi homenaxeado como referencia cultural de Galiza.
A demora é longa. Van transcorridos dezaseis anos dende que o noso Manuel María fose traído dende o Panteón de Galegos ilustres en Santiago de Compostela até a súa vila natal de Outeiro de Rei, onde descansan os seus restos á sombra dos castiñeiros e do rumoroso, chairego e universal río Miño.
Nos versos do noso Manuel María, no poema “Pranto pola Terra Cha”, o poeta di:

Eu son chairego. E chairegos son os meus.
¡Chairegos meu avó, meu pai, miña muller!
Denantes na Chaira reinaba a paz de Deus
e eu tiña, na Terra Cha, o meu querer.

¡Agora non podo recoñecer a terra miña!
¡Non podo recoñecer lugares que tripei!
Eu amo unha Terra Cha humildosiña
cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.

De boa lei, os abaixo asinantes considerándonos herdeiros do seu legado. Conscientes da eiva que supón que Vilalba, a Capital da Terra Chá, non preste merecente recoñecemento ao “xeneroso, fidel e de boa lei” Manuel María, sentíndonos co dereito e a obriga moral de reivindicar a súa relevante figura para a historia de Vilalba e a Terra Chá. Considerámolo o noso pai literario e máximo expoñente do que se deu en identificar como “Subescola Poética Vilalbesa” inaugurada polo crego Xosé María Chao Ledo.
Porén, dende o respecto e a humildade, pero coa forza moral de ser os seu fillos literarios en Vilalba – Xosé Miguel Barrera e María Xosé Lamas – solicitamos a adhesión de cantos e cantas consideredes coma nós unha xusta reparación na estima da figura de Manuel María.
Os abaixo asinantes (poetas, escritores, artistas de Galiza e dos confíns do mundo onde chegou a palabra do noso Manuel), pedimos aos poderes locais de Vilalba que reconsideren o seu rexeitamento para que Vilalba, como capital da Terra Cha, recoñeza ao noso bardo universal aprobando o nome de CASA DA CULTURA MANUEL MARÍA como monumento á concordia, á cultura, e ao home que amou unha Terra Chá humildosiña cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.

*Enlace ao Manifesto

AELG.- Convite á XXVI Homenaxe “O Escritor na súa Terra – Letra E” a Vítor Vaqueiro: Santiago, 19 de setembro

A Homenaxe “A/O Escritor/a na súa Terra – Letra E“, que cada ano impulsa a AELG, chega neste 2020 á súa XXVI edición, recaendo por decisión da Asemblea de Socias e Socios na figura de Vítor Vaqueiro.

A actividade terá lugar o sábado 19 de setembro, en Santiago de Compostela. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos previsto, que se pode descargar aquí:

11:30 Parque de Galeras (Santiago)

Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do carballo (árbore simbólico do escritor).

– Intervención do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

– Intervención do homenaxeado, Vítor Vaqueiro.

– Intervención do Alcalde de Santiago de Compostela, ou persoa en quen delegue.

12:30 Concello de Santiago de Compostela

Acto de entrega da “Letra E”

– Lectura da acta de concesión, Anna R. Figueiredo, vicepresidenta da AELG en funcións.

– Intervención do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

– Xabier PazLaudatio.

– Entrega da peza escultórica da artista Soledad Penalta.

– Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Vítor Vaqueiro.

– Intervención do Alcalde de Santiago de Compostela, ou persoa en quen delegue.

Cumprindo os protocolos relacionados coa excepcional situación sanitaria que estamos vivindo, no acto que terá lugar no interior do Concello só poderán estar presentes 12 persoas, a expensas de posíbeis modificacións das medidas existentes en cada momento en canto á saúde pública.

Dadas as actuais circunstancias derivadas da situación sanitaria provocada pola Covid-19, suspéndese o tradicional xantar de confraternidade.

*Información achegada desde a Secretaría Técnica da AELG.