Doazón do Museo de Monterroso ao IEU e ao Concello

D. Carlos Méndez, fundador do Museo Parroquial de Monterroso, e Francisco Pardo, director do IEU, asinando o documento de doazón do museo (Xullo 2020)

O sacerdote e historiador D. Carlos Méndez Vázquez, fundador e propietario do Museo Parroquial de Monterroso doou o seu museo ao Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) e ao Concello, coa condición de que as pezas da súa extensa colección pasen a ser propiedade do Concello de Monterroso e a xestión do futuro museo sexa realizada en exclusividade polo Instituto de Estudos Ulloáns.

A colección está formada por pezas de grande interese histórico (muíños prerromanos, verracos, ídolos, tégulas, pezas de tear romano, ventás visigóticas, capiteis románicos…) que D. Carlos Méndez  recolleu e catalogou durante décadas, algunhas encontradas ou mercadas polo historiador, e outras doadas polos veciños de Monterroso  ou cedidas en depósito. A tipoloxía das pezas é moi variada, abrangan restos históricos de diferentes épocas,  e de moi diferentes temas (culinario, espiritual, festivo, artístico, documental).

Como herdeiros deste prezado legado, o IEU e o concello de Monterroso proxectan a creación dun gran complexo museístico integrado por un Centro de Interpretación da Feira, o Museo Carlos Méndez (arqueoloxía, historia e etnografía), unha Aula-taller de restauración, a biblioteca, o arquivo e unha sala de usos multíplices, agrupados todos eles baixo a denominación xeral de Museo de Monterroso.

O Museo de Monterroso será instalado no edificio do antigo centro de saúde da vila (actual sede do IEU), ocupando as tres plantas do mesmo. Na planta baixa instalarase a Aula-Taller de restauración e a sala de actos e exposicións, e na planta segunda a biblioteca especializada e o arquivo. Na planta primeira localizaranse o Centro de Interpretación da Feira, con tres grandes salas (“O enclave da feira”, “Os feirante”s e “As mercadorías”) e o Museo Carlos Méndez, con outras tres salas (“Etnografía comarcal”, “Dende as orixes de Monterroso ata a década dos 20 do século pasado”, “O último século da historia monterrosina”).

O Instituto de Estudos Ulloáns será o responsable da xestión, motivo polo que a Xunta de Goberno creou a Comisión de Xestión do Museo de Monterroso, integrada por unha directiva (directora, dous vicedirectores e conservador), unha ampla representación do concello de Monterroso e unha serie de vogais socios do IEU e de asesores externos. A directora do Museo do Monterroso será a historiadora María José Gómez Alvite e os vicedirectores serán o presidente e vicepresidente do IEU, Francisco Pardo Teijeiro e Jesús Otero Calvo.  A D. Carlos Méndez se lle concederá a distinción de director honorario.

 Trátase dun ambicioso proxecto museístico interactivo, dirixido ao público en xeral pero tamén a investigadores e estudosos das feiras e da historia da comarca da Ulloa. Un complexo museístico que pretende ser un referente de dinamización cultural da Galicia rural.

IEU.- Flora da Ulloa: Excursión botánica ás brañas da Serra do Careón o domingo 30 agosto

Despois da exitosa excursión do pasado domingo 16 de agosto pola ribeira do Ulla (12 persoas e encontro dun importante núcleo da ameazada Scrophularia herminii), o IEU prepara para o próximo domingo 30 de agosto, dentro do proxecto FLORA DA ULLOA outra andaina polo monte coa ansia de procurar e identificar plantas polas brañas da Serra do Careón e o seu contorno.

Á mañá visitarán a braña do Puxeiro, lindante con Friol e Toques, onde se poderán ver plantas raras na Ulloa e tamén en Galicia, como unha especie de toxo das brañas (Genista berberidea, exclusiva da Galicia atlántica e norte de Portugal) ou a pimpinela maior (Sanguisorba officinalis).

A tarde será máis aventureira e exploratoria, buscando lugares brañentos pola zona central da serra e polo contorno das aldeas de Dorra, Ermita, Émora e Labagueira (parroquia de Cuíña).
Farase case imprescindible o uso de botas e pantalón largo. Polas condicións actuais, tamén será obrigatorio o uso da máscara sanitaria

Xerardo Quintiá Pérez gaña o XLVI Premio de Poesía do Certame Literario de Vilalba

O escritor Xerardo Quintiá Pérez coa “Obra inacabada de Dosinda Christensen (I)” resultou gañador do XLVI Premio de Poesía do Certame Literario de Vilalba.
Xerardo Quintiá, natural de Friol, é poeta, narrador e autor de literatura xuvenil e infantil. En 1984 trasládase a Lugo para realizar estudos de Bacharelato, cidade na que reside desde entón. Está casado, ten un fillo e traballa como axente comercial. Publicou os seus primeiros traballos na sección cultural “Táboa Redonda” de El Progreso (1988) e colaborou en revistas como Dorna ou Xistral. Da man da editorial Galaxia, ven a luz “Unha soa man e otros intres” (1999) e, no ano 2001, “Un rabaño de ovellas brancas”. En Franka Editora publica “O libro dos aparecidos” (2002). No ano 2012 volve á narrativa para adultos
e de novo en Galaxia publica “Hotel Cidade Sur”, traducido ao castelán por Pulp Books. En maio do 2015 publica, en Galaxia, “O Viaxeiro Radical”, traducida ao catalán por Editorial Gregal (2018). No eido da literatura infantil, na colección ARBORE da Editorial Galaxia, publica “A verdadeira historia do burro Feldespato” (2002) e, en 2007, na mesma colección edítase “Ke-Tumba Ke-Tamba”, finalista do premio Raíña Lupa.
Para primeiros lectores escribiu “Titiritesa”, publicado por OQO Editora (2007) e traducido ás principais linguas europeas. Como poeta ten publicado “ailalalalelo de auga”, Do4 Edicións (2001); “Poesía en Ruta”, premio Fermín Bouza Brey, Espiral Maior 2007; “FORNELOS & FORNELOS, primeira fundación”, premio Fiz Vergara Vilariño, Espiral Maior (2011). FORNELOS & FORNELOS, segunda fundación, premio Eusebio Lourenzo Baleiron, Sotelo Branco (2016); “FORNELOS & FORNELOS, terceira
fundación”, premio Lueiro Rey, Xerais (2019).

Adxúntase a acta co fallo emitido polo xurado do XLVIPremio de Poesía do Certame Literario de Vilalba.

*Información facilitada pola área de Comunicación do Concello de Vilalba.

*Imaxe da noticia recollida do Facebook do propio Xerardo Quintiá.

A FERA, por Miguel Díaz

A FERA

Miguel Díaz

Territorio hostil.

Constrúome na rebeldía

e tamén no enfrontamento.

Son o branco perfecto

de balas indiferentes

e a fera inadaptada

ouveando no monte…

Son a póla que esgaza

dun carballo ignorado

e teimuda voz que discrepa

entre a riada insensible…

Son viaxante que camiña

en dirección prohibida…

Son o que non entende

a persistencia do odio

e o corazón que se abafa

cando a rabia se revela…

Son o estraño desnortado

na terra da vosa palabra

e arrímome ó silencio

da diferenza desprezada…

Son a pel incomprendida

e a man que agarda…

Son o verso que non les

e o libro que se esconde

porque existo nun poema

construído con feridas…