O espectáculo “Historias con susto para durmir a gusto” este sábado na Casa-Museo Manuel María

HISTORIAS CON SUSTO PARA DURMIR A GUSTO, con Vero Rilo e Sonsoles Penadique

O novo espectáculo da contadora Vero Rilo e da intérprete musical Sonsoles Penadique Historias con susto para durmir a gusto chega este sábado, ás 18 hrs, á Casa-Museo Manuel María. A nova proposta, chea de humor e medo, vai dirixida para público familiar (a partir de 5 anos).

Trátase dun espectáculo que se desenvolve na escuridade e en que a compañía prepara o ambiente para ofrecer a súa peculiar ollada sobre as historias de sempre, fuxindo do politicamente correcto que non deixa de ver fantasmas onde non os hai.

Vero Rilo e Sonsoles Penedique, o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, veñen colaborando, nos últimos anos, en distintos proxectos onde combinan a narración, o canto e a música de historias e contos dirixidos ás crianzas.

As entradas pódense reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal e o prezo de billete é de 2 euros.

*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.

Filandón Poético en Santervás de Campos

O vindeiro venres, 22 de novembro ás 21 h., celebrarase en Santervás de Campos un Filandón Póetico, co gallo de conmemorar os 175 anos da queima do Priorato situado no referido lugar de Valladolid.

Evento patrocinado polo propio Concello de Santervás de Campos, contará coa presenza de poetas procedentes desde Galicia, Asturias, León, Valladolid, Burgos, Palencia e Salamanca. E a colaboración de Juan Márquez.

*Información facilitada pola Ágora de Poesía de León.

Curtametraxes galegas recentes protagonizan o Galician FilmForum de Londres

Cinco curtametraxes galegas de recente creación protagonizan a undécima edición do Galician Film Forum en Londres

●      Os títulos ‘A nena azul’, ‘Marusía’, ‘‘Son unha tumba’’, ‘Limbo’ e ‘Beautiful Boy’ configurarán o programa do evento

●      A cita será o venres 22 de novembro, a partir das 19 horas, no King´s College London con entrada gratuíta

●      Ao rematar a proxección haberá un coloquio con Sandra Sánchez, directora de ‘A nena azul’, que estará presente no evento

O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa undécima edición, titulada ‘Shorts Edition’, cun programa centrado en curtametraxes do audiovisual galego que viron a luz recentemente. A actividade terá lugar o venres, 22 de novembro, na universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand Campus, WC2R 2 LS]. Os títulos seleccionados para a ocasión son ‘A nena azul’ de Sandra Sánchez, ‘Marusía’ de Pedro Sancho, ‘Son unha tumba’ de Khris Cembe, ‘Limbo’ de Daniel Viqueira e ‘Beautiful Boy’ de Fran X. Rodríguez. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio coa directora e montadora Sandra Sánchez, que se desprazará a Londres para participar nesta edición.

Como é habitual, todos os filmes proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e galego. A entrada do evento é gratuíta pero cómpre reservala con antelación nesta ligazón. Esta undécima edición do GFF conta co apoio do Departament of Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College London, o patrocinio de ABANCA e a colaboración da Oficina para Asuntos Culturais e Científicos da Embaixada de España en Londres.

O programa da Shorts Edition trae ata Londres unha escolma de recentes curtametraxes galegas que destaca pola súa diversidade de xéneros. Coa ficción como fío condutor, o público vai ter a oportunidade de gozar con obras cheas de humor como ‘Beautiful Boy’ ou ‘Marusía’. Tamén haberá espazo para a reflexión poética que planea en ‘A nena azul’, e mesmo pezas de estilos pouco habituais na curtametraxe galega como a animación ou o terror e dos que son bos exemplos ‘Son unha tumba’ e ‘Limbo’, respectivamente.

Curtas multipremiadas

Amais do seu carácter recente, os títulos que se van proxectar no Galician Film Forum comparten unha exitosa traxectoria en festivais cinematográficos. Neste sentido, hai que salientar a participación de ‘Limbo’ en máis dun cento de encontros, que polo de agora se traduce nunha vintena de galardóns. Entre eles destacan o de mellor curtametraxe no Grimmfest Manchester’s Festival of Fantastic Films; mellor director no Cryptshow Festival; a Calaverita de Bronce no Morbido Film Fest; o Premio Xurado Novo do Festival Ibérico de Cinema, a Mellor Curtametraxe en Terrorificamente Curtos ou o de Scariest Film no Desmond District Demons, entre outros.

O éxito de ‘Son unha tumba’ tamén merece unha mención especial, xa que, amais de poder presumir de ser nomeada na categoría de Mellor curtametraxe de animación nos Premios Goya deste ano, atesoura un palmarés que non para de medrar ao seu paso por festivais. Nesa listaxe destaca o premio á Mellor Curtametraxe de Animación nos XVII Premios Mestre Mateo; Mellor Curtametraxe de Animación no Festival de Curtametraxes La Fila de Valladolid; Mellor Curtametraxe Nacional en Cortoons Gandia 2019; Mellor Curtametraxe Nacional e Mellor Curtametraxe de Animación no Festival Nacional de Cidade de Ávila Ávilacine; Mellor Guión en Anima Deba Animazio Zinemaldia; o primeiro premio no Ourense Film Festival; ou o de mellor curtametraxe de animación no XX Festival de Curtametraxes Asier Errasti, por citar algúns.

Pola súa banda, ‘A nena azul’ aterra en Londres coa Mención Especial do Xurado Planeta GZ e o Premio CREA á mellor dirección Galega XV do Curtocircuíto International Film Festival (Santiago de Compostela); o Premio Mestre Mateo á Mellor Curtametraxe na XVII edición destes galardóns que concede a Academia Galega do Audiovisual; e os premios á Mellor Fotografía e o Mellor Son no VI Festival Nacional de Curtametraxes de Talavera de la Reina (Madrid).

No tocante a ‘Beautiful Boy’, a curta foi recoñecida en varias ocasións co premio do público, como por exemplo no XVI Festival de Cans e no Primavera do Cine, e tamén recibiu galardóns como o Premio ao Mellor Guión da Mostra de Curtas Vila de Noia. Para rematar, ‘Marusía’, a curtametraxe máis recente das seleccionadas, tivo a súa estrea internacional no 8º Resistencia Film Festival de Chile e conseguiu este outubro o Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega na XLI Semana do Cinema de Lugo.

Mirada atlántica

A convidada especial desta edición do Galician Film Forum é a directora e montadora Sandra Sánchez. No ano 2011 presentou o seu proxecto máis persoal, o documental ‘Tralas luces’, unha obra á que lle dedicou catro anos e que foi estreada na sección de novos directores do Festival de San Sebastián. Posteriormente continuou traballando como montadora en series, documentais e películas como ‘Miolos de pan’, ‘Esquece Monelos’, ‘Querida Gina’ ou ‘Rafael’. Tamén dirixiu as curtametraxes ‘Matías’, dentro do encontro de cineastas Chanfaina Lab, e ‘A nena azul’’.

Na actualidade, Sandra Sánchez traballa no Laboratorio de Produción Audiovisual dos Museos Científicos Coruñeses e está a escribir o guión da que será a súa primeira longametraxe de ficción, ‘A nadadora’, un proxecto intimamente ligado a ‘A nena azul’, pois os dous filmes teñen a mesma protagonista.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

·        Entradas: https://gffshortsedition.eventbrite.co.uk

·       A nena azul: http://anenaazul.com/

·       Limbo: https://www.facebook.com/curtametraxelimbo

·       Son unha tumba: https://www.facebook.com/soyunatumba/

·       Marusía: https://www.facebook.com/contarteproduce/

·       Beautiful Boy: https://www.nenobonito.info/

AELG.- Actividades da semana do 18/11 a 24/11

  • Hoxe luns abre o prazo para se inscribir no último Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, o que Antonio Sandoval guiará o 30 de novembro con título As naturezas da Torre. Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!
    A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es.
  • Continúan de Encontros no Ensino co apoio do Concello da Coruña:  o martes 18 Antía Yáñez visitará o IES A Sardiñeira, e Séchu Sende o IES de Elviña o xoves 20.
  • Está aberto o prazo de inscrición da IV Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción, a celebrar na Coruña este sábado 23 de novembro.
  • Tamén o sábado rematan os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019 co titutulado A cidade imaxinada: unha memoria familiar, que guiará MN Soutelo a partir das 11.30. Para se inscribir é necesario enviar os seus datos (nome completo, enderezo e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseos queren apuntarse a partir do 25 de setembro. A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico. Prazas limitadas: 50 persoas.
  • Seguen en desenvolvemento tres obradoiros de creación literaria da Escola de Escritoras-es da AELG, en San Sadurniño, Rianxo e Pontevedra

*Información facilitada desde a Secretaría Técnica da AELG.

122 ANOS DE AVELINO DÍAZ

A Asociación Cultural Avelino Díaz desenvolverá o sábado, 16 de novembro de 2019, un programa de actividades que conmemorarán o 122º aniversario do nacemento de Avelino.
O programa consta de dúas conferencias impartidas, respectivamente, polos lingüistas Bernardo Penabade e Antón Santamarina, sobre diferentes aspectos da obra poética e xornalística de Avelino Díaz.
A actividade completarase cun recital poético de Teresa Ramiro e de Antom Laia, e coa intervención musical do Cuarteto de Saxofóns da Banda de Música de Meira.
O acto desenvolverase na Casa da Cultura de Meira.

Máis información en www.poetaavelinodiaz.gal