O vindeiro venres, 22 de novembro ás 21 h., celebrarase en Santervás de Campos un Filandón Póetico, co gallo de conmemorar os 175 anos da queima do Priorato situado no referido lugar de Valladolid.
Evento patrocinado polo propio Concello de Santervás de Campos, contará coa presenza de poetas procedentes desde Galicia, Asturias, León, Valladolid, Burgos, Palencia e Salamanca. E a colaboración de Juan Márquez.
*Información facilitada pola Ágora de Poesía de León.
●
Os
títulos ‘A nena azul’, ‘Marusía’, ‘‘Son unha tumba’’, ‘Limbo’ e ‘Beautiful Boy’
configurarán o programa do evento
●
A
cita será o venres 22 de novembro, a partir das 19 horas, no King´s College
London con entrada gratuíta
●
Ao
rematar a proxección haberá un coloquio con Sandra Sánchez, directora de ‘A
nena azul’, que estará presente no evento
O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa undécima edición, titulada ‘Shorts
Edition’, cun programa centrado en curtametraxes do audiovisual galego que
viron a luz recentemente. A actividade terá lugar o venres, 22 de novembro, na
universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand
Campus, WC2R 2 LS]. Os títulos seleccionados para a ocasión son ‘A nena azul’ de
Sandra Sánchez, ‘Marusía’ de Pedro Sancho, ‘Son unha tumba’ de Khris Cembe,
‘Limbo’ de Daniel Viqueira e ‘Beautiful Boy’ de Fran X. Rodríguez. Ademais,
tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio coa
directora e montadora Sandra Sánchez, que se desprazará a Londres para
participar nesta edición.
Como é habitual, todos os
filmes proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro
celebrarase en inglés e galego. A entrada do evento é gratuíta pero cómpre
reservala con antelación nesta ligazón. Esta undécima edición do GFF conta co apoio do
Departament of Spanish, Portuguese and Latin American Studies do King´s College
London, o patrocinio de ABANCA e a colaboración da Oficina para Asuntos
Culturais e Científicos da Embaixada de España en Londres.
O programa da Shorts
Edition trae ata Londres unha escolma de recentes curtametraxes galegas que
destaca pola súa diversidade de xéneros. Coa ficción como fío condutor, o
público vai ter a oportunidade de gozar con obras cheas de humor como
‘Beautiful Boy’ ou ‘Marusía’. Tamén haberá espazo para a reflexión poética que
planea en ‘A nena azul’, e mesmo pezas de estilos pouco habituais na
curtametraxe galega como a animación ou o terror e dos que son bos exemplos
‘Son unha tumba’ e ‘Limbo’, respectivamente.
Curtas multipremiadas
Amais do seu carácter
recente, os títulos que se van proxectar no Galician Film Forum comparten unha
exitosa traxectoria en festivais cinematográficos. Neste sentido, hai que
salientar a participación de ‘Limbo’ en máis dun cento de encontros, que
polo de agora se traduce nunha vintena de galardóns. Entre eles destacan o de
mellor curtametraxe no Grimmfest Manchester’s Festival of Fantastic Films;
mellor director no Cryptshow Festival; a Calaverita de Bronce no Morbido Film
Fest; o Premio Xurado Novo do Festival Ibérico de Cinema, a Mellor Curtametraxe
en Terrorificamente Curtos ou o de Scariest Film no Desmond District Demons,
entre outros.
O éxito de ‘Son unha
tumba’ tamén merece unha mención especial, xa que, amais de poder presumir
de ser nomeada na categoría de Mellor curtametraxe de animación nos Premios
Goya deste ano, atesoura un palmarés que non para de medrar ao seu paso por
festivais. Nesa listaxe destaca o premio á Mellor Curtametraxe de Animación nos
XVII Premios Mestre Mateo; Mellor Curtametraxe de Animación no Festival de
Curtametraxes La Fila de Valladolid; Mellor Curtametraxe Nacional en Cortoons
Gandia 2019; Mellor Curtametraxe Nacional e Mellor Curtametraxe de Animación no
Festival Nacional de Cidade de Ávila Ávilacine; Mellor Guión en Anima Deba
Animazio Zinemaldia; o primeiro premio no Ourense Film Festival; ou o de mellor
curtametraxe de animación no XX Festival de Curtametraxes Asier Errasti, por
citar algúns.
Pola súa banda, ‘A
nena azul’ aterra en Londres coa Mención Especial do Xurado Planeta GZ e o
Premio CREA á mellor dirección Galega XV do Curtocircuíto International Film
Festival (Santiago de Compostela); o Premio Mestre Mateo á Mellor Curtametraxe
na XVII edición destes galardóns que concede a Academia Galega do Audiovisual;
e os premios á Mellor Fotografía e o Mellor Son no VI Festival Nacional de
Curtametraxes de Talavera de la Reina (Madrid).
No tocante a ‘Beautiful
Boy’, a curta foi recoñecida en varias ocasións co premio do público, como
por exemplo no XVI Festival de Cans e no Primavera do Cine, e tamén recibiu
galardóns como o Premio ao Mellor Guión da Mostra de Curtas Vila de Noia. Para
rematar, ‘Marusía’, a curtametraxe máis recente das seleccionadas, tivo
a súa estrea internacional no 8º Resistencia Film Festival de Chile e conseguiu
este outubro o Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega na XLI Semana do
Cinema de Lugo.
Mirada atlántica
A convidada especial
desta edición do Galician Film Forum é a directora e montadora Sandra
Sánchez. No ano 2011 presentou o seu proxecto máis persoal, o documental
‘Tralas luces’, unha obra á que lle dedicou catro anos e que foi estreada na
sección de novos directores do Festival de San Sebastián. Posteriormente
continuou traballando como montadora en series, documentais e películas como
‘Miolos de pan’, ‘Esquece Monelos’, ‘Querida Gina’ ou ‘Rafael’. Tamén dirixiu
as curtametraxes ‘Matías’, dentro do encontro de cineastas Chanfaina Lab, e ‘A
nena azul’’.
Na actualidade, Sandra
Sánchez traballa no Laboratorio de Produción Audiovisual dos Museos Científicos
Coruñeses e está a escribir o guión da que será a súa primeira longametraxe de
ficción, ‘A nadadora’, un proxecto intimamente ligado a ‘A nena azul’, pois os
dous filmes teñen a mesma protagonista.
Galician Film Forum
O GFF naceu no 2015 no
seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo
para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade
articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da
nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión
sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.