AELG.- Actividades da semana do 25/11 a 01/12

  • Hoxe, martes 26 de novembro, ás 12.30, conferencia Cóntamo cun conto. Os mecanismos da narración oral a cargo de Paula Carballeira. Será no salón de actos da Escola Universitaria CEU de Maxisterio  (Estrada Vella de Madrid, 8, Vigo –como chegar).
  • O sábado, 30 de novembro, último Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, que Antonio Sandoval guiará con título As naturezas da Torre. Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!
    A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es.
  • Seguen en desenvolvemento tres obradoiros de creación literaria da Escola de Escritoras-es da AELG, en San Sadurniño, Rianxo e Pontevedra.

*Información facilitada desde a Secretaría Técnica da AELG.

A Casa-Museo Manuel María organiza a andaina Polos Camiños da Tribo

A CASA-MUSEO MANUEL MARÍA ORGANIZA PARA ESTE DOMINGO UNHA CAMIÑADA POR ALGÚNS DOS LUGARES DE OUTEIRO DE REI MÁIS ÍNTIMOS DE MANUEL MARÍA

A actividade, que leva por título “Polos camiños da tribo”, será guiada e dinamizada por Orlando Viveiro, estudoso e divulgador cultural. O percurso, de seis quilómetros, e cunha dificultade baixa, terá a súa saída ás 10 hrs, desde a Casa-Museo, e a súa chegada ao mesmo lugar entre as 12.30-13.00 hrs

O regato do Cepelo, A Barciela, as beiras do Miño, o Campo de Santa Isabel…serán algúns dos lugares polos que pasarán as persoas que participen no roteiro, en que se intercalarán explicacións do patrimonio natural e cultural do lugar coa lectura dalgúns poemas e textos de Manuel María. Outeiro de Rei, cos seus distintos espazos e persoeiros, significou para Manuel María non só o inicio vital, senón tamén as primeiras descubertas e ensoñares para a súa creación literaria.

A actividade é gratuíta e cómpre inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información desde a Casa-Museo Manuel María.