• Hoxe luns abre o prazo para se inscribir no último Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, o que Antonio Sandoval guiará o 30 de novembro con título As naturezas da Torre. Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros!
    A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es.
  • Continúan de Encontros no Ensino co apoio do Concello da Coruña:  o martes 18 Antía Yáñez visitará o IES A Sardiñeira, e Séchu Sende o IES de Elviña o xoves 20.
  • Está aberto o prazo de inscrición da IV Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción, a celebrar na Coruña este sábado 23 de novembro.
  • Tamén o sábado rematan os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2019 co titutulado A cidade imaxinada: unha memoria familiar, que guiará MN Soutelo a partir das 11.30. Para se inscribir é necesario enviar os seus datos (nome completo, enderezo e correo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com e indicar a que paseos queren apuntarse a partir do 25 de setembro. A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico. Prazas limitadas: 50 persoas.
  • Seguen en desenvolvemento tres obradoiros de creación literaria da Escola de Escritoras-es da AELG, en San Sadurniño, Rianxo e Pontevedra

*Información facilitada desde a Secretaría Técnica da AELG.