IEU.- Flora da Ulloa: Excursión botánica As Somozas-Farelo

Como a pasada fin de semana resultou imposible organizar a excursión inicialmente prevista polo río Seco, nas serpentinas que lindan Palas con Santiso e onde son frecuentes as principais rarezas botánicas da Ulloa, e como aínda apenas choveu, desde o IEU (dentro do proxecto Flora da Ulloa) adiaron esa excursión para o sábado 19 , de maneira que este próximo sábado 12, as persoas que asistan patearán as ladeiras do Farelo, por onde hai máis dun século o cura Baltasar Merino rexistrou algunhas das primeiras plantas das que a ciencia botánica ten coñecemento na Ulloa.

As poucas excursións que farán no inverno serán os sábados, xa que desde o domingo 20 o monte convértese nun perigoso campo de combate que acostuma provocar accidentes mortais, aínda que non estarán libres de topar con batidas ao porco bravo, que tratarán de evitar.

Seguirán a procurar brañas e gándaras, onde varias especies raras aínda poden estar en flor, como as orballiñas do xénero Drosera, unhas curiosas plantas insectívoras que non se viron este ano.

Neste comezo do outono, seguramente tamén se encontrará e se aprenderá a distinguir as dúas tollemerendas que aparecen no cartel anexo: Crocus serotinus, unha especie de zafrán bravo, que xa se observou en flor desde o pasado día 27; e Merendera montana, dunha familia distinta, cando menos aberta desde o día 20.

*Información achegada desde o IEU.

AELG.- Apertura de prazo de novas actividades

Desde a AELG infórmase de que están abertos os prazos para se inscribir en:

Sábado, 12 de outubro

Ás 17:00, en Taboada, na Casa do Romualdo, (Vilar, 6 – Vilela –como chegar), con entrada libre, Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras.

Nesta ocasión haberá a posibilidade de gozar dun programa previo que podedes consultar na web da Polafía e para o que se hai que anotar.

Sábado, 26 de outubro

Desde as 10.15 no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8 –como chegar), XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú. Entrada libre.

Neste caso hai dúas modalidades de inscrición:

1. Para o profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario, a matrícula, gratuíta, farase desde o 3 de outubro até o 24 de outubro a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.

2. Para as persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG desde o 3 de outubro até o 24 de outubro a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.30), e a Asociación de Escritoras e Escritores emitiralles un diploma acreditativo de asistencia.

*Información achegada desde a Secretaría Técnica da AELG.

REGA-UK.- A YouTuber e escritora Isabel Villanueva presenta o libro’Palabras da miña vida’ en Londres

A YouTuber e escritora coruñesa Isabel Villanueva presenta o seu libro “Palabras da miña vida” en Londres

O evento, organizado pola asociación Rede Galega en UK (REGA-UK), será este domingo no St John´s Hill Centre da capital británica

O vindeiro domingo, día 6 de outubro, entre as 11,30 e as 13 horas, terá lugar a presentación do primeiro libro da YouTuber Isabel Villanueva, mais coñecida coma “Isashopaholic”, no St John´s Hill Centre de Londres [Clapham Estate, St John’s Hill, London, SW11 1TY]. Trátase dun evento organizado pola asociación Rede Galega en UK (REGA-UK) en colaboración coa Axencia de Representación da escritora.

Trala presentación o 2 de maio na Fnac da Coruña e despois de levar o seu “O galego mola. Palabras da miña vida” ás feiras mais importantes de Galicia, “Isashopaholic” da o salto a Londres, cidade pola que ten un agarimo especial.

A presentación ten entrada libre ata completar aforo. Ademais, servirase café, té e biscoito caseiro. As persoas que asistan á terán a oportunidade de falar coa autora, mercar o libro e levalo firmado. Tamén poderán descubrir en primicia unha pequena mostra da liña de complementos que, baixo a súa marca de “Isashopaholic” e “O galego mola”, a autora ten previsto lanzar a finais deste ano.

Isabel Villanueva Mariño, nacida en Carballo, lánzase ao mundo 2.0 no 2010 cun vídeo en YouTube. A modo de hobbie ía subindo vídeos variados, de cousas cotiás que lle gustaba compartir. Pouco a pouco vai medrando en todas as redes sociais, pero hai dous anos foi cando deu o salto definitivo para dedicarse profesionalmente á xestión da súa marca persoal “Isashopaholic” e, posteriormente, crea “O galego mola”, un lugar onde comparte cos seguidores o idioma, lembranzas, impresións, reflexións, receitas en galego e lugares de Galicia. “O Galego Mola. Palabras da miña vida” é o seu primeiro libro e foi editado este mesmo ano por Hércules de Ediciones.

A autora, Isabel Villanueva, está dispoñible para facer entrevistas.

Contacto: Laura Costoya Santos 620 12 42 57