Acto de presentación do libro AS FEIRAS DE MONTERROSO, do Instituto de Estudos Ulloáns

Este pasado sábado, 18 de maio, ás 19:00 horas o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) presentou o libro AS FEIRAS DE MONTERROSO na súa sede situada na vila monterrosina.

No acto de presentación participaron:

María José Gómez Alvite e Francisco Pardo Teijeiro, como coordinadores da publicación, foron desfiañando de xeito breve as colaboracións das persoas que participaron nesta publicación, ao tempo que agradecían as mesmas.

Adolfina Mesa, poeta e artista multidisciplinar, autora da ilustración do cartaz anunciador, que tamén se amosa na portada do libro, e que xunto a outras máis, aparecen en páxinas interiores incluídas nun bloque temático da Pintura. Adolfina, ademais de agradecer a súa colaboración neste libro, aproveitou para dar unha breve explicación do contido reflectido nas publicacións e recitar un poema da súa autoría sobre a temática das feiras de Monterroso.

Paco Ledo, o poeta labrego, declamou, co sentir propio dunha persoa enraizada á terra e ás tradicións, os dous poemas cos que colaborou.

O tamén escritor e poeta Toño Núñez amenizou momentos da xuntanza co seu recitado e, por veces, cantado do “cantar de cego” SE TI VISES O QUE EU VIN, que el mesmo escribiu como galano literario para esta publicación do IEU.

Outras voces que participaron foron as do sacerdote Carlos Méndez Vázquez, socio fundador do IEU, Jesús Otero Pereiras, Xosé Luís Santiso García, Montserrat Pérez Paredes, Fernando García Penas, Divina Pérez Viña, Cristina Varela Cadahía… e Miguel Rico, alcalde de Monterroso.

Velaquí unha breve galería fotográfica que recolle momentos do acto de presentación do libro AS FEIRAS DE MONTERROSO.

*Información recollida na sede do Instituto de Estudos Ulloáns.

REGA-UK Rede Galega no Reino Unido. Celebración do Día das Letras Galegas en Londres

NOTA DE PRENSA | 16 de maio do 2019

Personalidades da cultura galega apoian a celebración do Día das Letras en Londres

·       Na canle de YouTube de REGA-UK hai vídeos de xornalistas, músicos e actores como Guadi Galego, Gayoso, Bieito Romero, Xabier Díaz, Pablo Pose, Tati Moyano, Alfonso Hermida ou Touriñán, entre outros

·       O programa inclúe o concerto do grupo Zeltia, un recital poético a cargo de Isaac Xubín, a proxección da curtametraxe ‘Filomena’ de Fon Cortizo, unha foliada e obradoiros, entre outras accións

·       A festa será este sábado, 18 de maio, de 13 a 19 horas, no YAA Youth Centre de Londres

Numerosas personalidades da cultura galega están a apoiar a celebración do Día Das Letras Galegas en Londres que vai ter lugar este sábado, 18 de maio, e que está organizada pola asociación Rede Galega en UK (REGA-UK). Na canle de YouTube do colectivo pódense ver xa os vídeos de Guadi Galego, Gayoso, Bieito Romero, Xabier Díaz, Pablo Pose, a familia Seivane, Tati Moyano, Alfonso Hermida ou Touriñán, entre outros, amosando publicamente o seu apoio á comunidade galega na diáspora.

Este é o segundo ano no que REGA-UK organiza na cidade do Támese un evento no que se mesturan manifestacións culturais diversas, como a literatura, a música, o cine ou a gastronomía. Igual ca na edición anterior, a actividade conta coa colaboración doutras organizacións socioculturais galegas da capital británica, como a Asociación A Caramiña, Galegos Morriñentos, Galego en Londres, Galician Film Forum e Troula.

Están previstas cinco horas de actividades nas que haberá tempo para o concerto do grupo Zeltia, a intervención de Isaac Xubín, que brindará un recital poético e presentará a súa última novela, a proxección da curta ‘Filomena’ de Fon Cortizo, foliada, obradoiros, xogos interxeracionais, actividades para nenos e moito máis.

A festa vaise desenvolver en The YAA Centre [1 Chippenham Mews, Londres, W9 2AN] de 13 a 19 horas. A entrada anticipada ten un prezo de 10 libras e de mercarse na porta, o seu custo será de 12 libras. En ambos os dous casos, o tícket inclúe unha bebida e unha tapa. O acceso é gratuíto para os menores de 15 anos. Para a compra anticipada é preciso realizar o ingreso na conta bancaria de REGA-UK co número 30695760 (sort code 30-90-99) e poñer como ‘payee reference’ LETRAS-Nome-Apelido. A recadación destinarase integramente á organización de actividades socioculturais no Reino Unido promovidas por REGA-UK.

Un Día das Letras multidisciplinar

O dúo Zeltia está formado por Laura Zeltia Acuña e Miguel Carballido e comezou a súa andaina no ano 2018. Nas súas composicións mestúranse o folk, o rock e o blues con sons tribais. Inspíranse no legado cultural da nosa terra pero deixando sentir as súas influencias vitais, de aí a alternancia entre temas en galego e en inglés, unha herdanza do paso de Zeltia por Irlanda. Polo de agora teñen dous traballos publicados: Irevire e Kúzlo Duše.

Póla súa banda, Isaac Xubín ten publicadas as obras de relato curto Château Bobcat e Le pied de Julien DuPuy, ambos os dous primeiro premio do certame Os Viadutos, amais da novela Non hai outro camiño, Premio da crítica Española. Na súa faceta lírica cómpre salientar os poemarios Con gume de folla húmida, Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e A cadencia da fractura, Premio Manuel Lueiro Rey. Como tradutor, profesor e investigador elaborou un dicionario bilingüe galego-éuscaro e foi lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de Irlanda (University College Cork). Tamén publicou traducións, entre as que destacan Sete poemas vascos e Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, polas que gañou os premios Lois Tobío e Etxepare, respectivamente. Neste evento vai presentar a súa última novela: Os largos e longos campos de liño azul.

No que respecta a ‘Filomena’ de Fon cortizo, trátase dunha curtametraxe documental centrada na figura de Filomena, a poeta labrega. En apenas dez minutos, Cortizo retrata a importancia da memoria oral a través das lembranzas da protagonista, unha muller de 91 anos que vive soa na súa aldea do interior de Galicia.

MÁIS INFORMACIÓN: Web | Facebook | Twitter | YouTube

Presentación do libro AS FEIRAS DE MONTERROSO, do Instituto de Estudos Ulloáns

O vindeiro sábado 18 de maio ás 19:00 horas o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) presenta o libro AS FEIRAS DE MONTERROSO.

No acto de presentación, que se celebrará na sede do citado IEU en Monterroso, intervirán:

María José Gómez Alvite e Francisco Pardo Teijeiro, como coordinadores da publicación;

Adolfina Mesa, poeta e artista multidisciplinar;

Paco Ledo, poeta;

o escritor e poeta Toño Núñez;

Carlos Méndez Vázquez, socio fundador do IEU;

Jesús Otero, socio fundador do IEU;

Miguel Rico, alcalde de Monterroso.

A ilustración do cartaz, que tamén se amosa na portada do libro, é obra da artista Adolfina Mesa. Esa ilustración, xunto a outras máis, aparece en páxinas interiores incluída nun bloque temático propio.

Durante o desenvolvemento do acto terá lugar unha lectura de textos, con recitado de poemas por parte de poetas xa mencionados, como Adolfina Mesa ou Paco Ledo.

*Información facilitada polo Instituto de Estudos Ulloáns.

Entrega de premios do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019

Este pasado venres 10 de maio celebrouse na Casa da Cultura de Vilalba a partir das 20 horas do serán a cerimonia de entrega de premios do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019, convocado polo Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ.

Dito acto de entrega, conducido polo escritor e administrador de Cultura GZ, Martiño Maseda, contou tamén coa presenza de Patricia Teijeiro Álvarez, concelleira de Educación de Vilalba, e o escritor e crítico literario Armando Requeixo, membro do xurado, canda Ánxela Gracián e Mercedes Queixas Zas. Sen esquecer, entre o numeroso público que ateigaba o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba, a asistencia das persoas premiadas nas distintas categorías. (Véxase enlace á acta do xurado)

A continuación vexamos unha galería fotográfica, obra de Adolfina Mesa, onde se recollen momentos vividos durante o acto de entrega de galardóns.