Faia Díaz e Vero Rilo, APATACÓN, presentan o sábado 18 de maio “Por unha peseta”, na Casa-Museo Manuel María

Segue a medrar o número de actividades que se desenvolven na Casa-Museo Manuel María dentro da súa programación cultural.

A seguinte será o sábado 18 de maio, ás 20.30 hrs., e contará coa vocalista Faia Díaz (Coro Encaixe, Devacas…) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa, Rilo&Penadique…), APATACÓN, que presentarán o espectáculo “Por unha peseta”, un traballo onde voz narrada e cantada achégase por menos de nada para encontrar canto vale unha peseta.

Historias de vida recollidas na nosa contorna e no universal que nos achegan a partes iguais ao humor, á sensibilidade e á tenrura propias da nosa xentes. “Por unha peseta” lévanos aos tempos dos nosos devanceiros, mais desde un punto de vista actual que respecta os seus saberes, tradicións, historias e retranca.

O prezo do billete é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información: Casa-Museo Manuel María

Presentación do libro A GOTIÑA VIAXEIRA, de Toño Núñez, na Librería Nube de Papel de Vilalba

O vindeiro xoves, 16 de maio, data anterior ao DÍA DAS LETRAS GALEGAS, a partir das 19:30 horas na Librería Nube de Papel de Vilalba celebrarase a presentación do novo libro do escritor Toño Núñez, A GOTIÑA VIAXEIRA. Acto organizado conxuntamente por Culturalia GZ e Nube de Papel.

Nese acto acompañarán ao citado autor, o escritor Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ, e Lorena Lagüela, por Nube de Papel.

Amenizará o desenvolvemento do evento a actuación do cuarteto poético-musical Corredores de Sombras (Pilar Maseda, Carme Mato, Baruk Domínguez de Naveiras e Rosana Domínguez).

A GOTIÑA VIAXEIRA é un “conto infantil que narra as aventuras dunha gotiña de auga que, durmida un día na praia evapórase e perde ás súas compañeiras. Inclúe cd audiovisual con imaxes, narración e canción”.

*A autoría do cartel anunciador é da artista Adolfina Mesa.