Bus Creactivity en Vilalba

Os vindeiros días 4, 5, 8 e 9 de Xullo de 2019 o espazo itinerante Creactivity, deseñado pola Obra Social «la Caixa», visitará VILALBA, e queremos convidarte a participar cos alumnos do teu centro escolar, asociación, anpa…

A Obra Social «la Caixa», a través do seu programa EduCaixa, ofrece á comunidade educativa recursos, actividades e programas educativos dirixidos ao alumnado e profesorado de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio, coa finalidade de promover o desenvolvemento competencial dos máis novos.

Creactivity é unha das actividades que se impulsan desde EduCaixa, e está dirixida a grupos escolares de 1.º a 6.º de primaria e 1.º e 2.º ciclo de educación secundaria. Un facilitador acompaña os alumnos a través dun proceso de creación, en sesións gratuítas de 90 minutos por clase (25 alumnos aprox.).

Que ofrece?

A través dun contexto innovador de aprendizaxe inspirada no movemento Tinkering do Exploratorium de San Francisco, Creactivity propón atopar solucións orixinais para problemas sinxelos, e anima a ser creativos e aprender dos erros, potenciando a innovación a través da experimentación e o pensamento crítico e creativo.

O espazo permite investigar, formular retos concretos, pensar solucións, inspirarse, compartir, colaborar, improvisar, traballar en equipo e moito máis.

Os alumnos traballarán competencias transversais no ámbito matemático, científico e tecnolóxico.

Onde se realiza?

O espazo itinerante Creactivity estará situado na Praza da CONSTITUCIÓN

Para concertar visitas e reservar datas ou realizar calquera consulta, podes chamar ao teléfono gratuíto 900 101 493, no que poderás reservar ou informarte.

*Información achegada desde a área de Cultura do Concello de Vilalba.

CASTIÑEIRO MILENARIO.- Visita guiada ao Vello Cárcere de Lugo

Este vindeiro sábado 29 de xuño faremos unha visita guiada ao Vello Cárcere de Lugo, para que nos conten a súa historia como prisión franquista e como se levou a cabo a súa recuperación como edificio adicado á memoria e á cultura.  A visita comezará ás sete da tarde polo que pedimos puntualidade e ademais é mellor anotarse, enviando un correo electrónico, porque o número de prazas é limitado.

Deixamos toda a info na nosa páxina e adxuntamos o cartaz, obra de Brais García.

Visita guiada ao Vello Cárcere de Lugo
Despois de ver “Camilo, o último guerrilleiro” tivemos un interesante debate sobre a memoria histórica e sobre a incrible vida de Camilo de Dios. Nese debate unha das asistentes falou d… castinheiromilenario.wordpress.com

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

*Información facilitada por Castiñeiro Milenario.

Convivio da Cultura Galega, o sábado 13 de xullo, en Outeiro de Rei

A romaría de Santa Isabel na claridade
eslumeante do ardoroso xullo,
antes de comezar a dureza
e a ledicia da seitura, conmovíame
dun xeito sutil e imperceptíbel.
A música das bandas mesturábase
co lento e xordo salmodiar do Miño

O sábado 13 de xullo, CONVIVIO DA CULTURA GALEGA

Unha xornada lúdica e festiva, de encontro e recuperación do espírito comunitario das tradicionais romarías, de foliada e xantar demorado…, ao redor da figura de Manuel María, para celebrarmos a cultura do noso país, Galiza.

O encontro, aberto a todas as persoas e todo o asociacionismo cultural de base, desenvolverase, por sexto ano, entre a Casa-Museo Manuel María, no centro da vila de Outeiro, onde se acollerá os participantes a partir das 11.30 da mañá, e a carballeira de Santa Isabel, unha fermosa paraxe natural, situada a menos de 1 quilómetro da casa natal de Manuel María, onde conflúen as augas do río Ladra e de río Miño. Transformada hoxe nunha magnífica área recreativa, o Campo de Santa Isabel foi tradicionalmente o lugar da festa e tamén o lugar dos xogos infantís e das descubertas da natureza, de aí que para Manuel María fose sempre un lugar moi querido e tan presente na súa obra.

O programa para este día será o seguinte:
11.30 Acollida na horta da Casa-Museo Manuel María co coro da asociación cultural e musical SOLFA
12.30 Ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro. Intervén Felipe Senén
13.00 Concerto da Banda Municipal de Música “Sons e Soños” de Rábade-Begonte-Outeiro na carballeira de Santa Isabel.
14.00 Xantar campestre na carballeira (cada quen ten que traer a súa comida e bebida)
17.00 Foliada, para cantar e bailar, con distintos grupos de música tradicional

ÁS 12.15, no auditorio da Casa-Museo, haberá un encontro das entidades culturais que forman parte da Federación GALIZA CULTURA.

O 13 DE XULLO vémonos no CONVIVIO!

*Información facilitada desde a Casa-Museo Manuel María.

IESCHA-Presentación do libro “Hai que roelo”, de Antonio Cendán, na Casa da Cultura de Vilalba

O vindeiro venres, 28 de xuño de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “HAI QUE ROELO” de Antonio Cendán. Intervirán, ademais do autor: Armando Requeixo, crítico literario, investigador do CSIC e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Alberto Galego, licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Velaquí o cartaz e a nota informativa do devandito acto de presentación.

*Información achegada polo IESCHA e polo Concello de Vilalba.

Teatro VILALBA FASHION WIII no Auditorio Municipal de Vilalba

Teatro en Vilalba.

Soñas cun futuro no mundo da moda? Entón, non deberías perderte a VILALBA FASHION WIII.

Unha comedia protagonizada por o noso grupo de adultos da Escola Municipal de Teatro de Vilalba. A cita será este xoves 27 ás 21:30h, no auditorio Carmen Estévez.

Sinopse

No epicentro da Chaira existe un concello chamado Vilalba, A deseñadora local Carme Fouzas recebe o Premio Nacional de Deseño do Moda, ocasión que aproveitará a alcaldesa para organizar un desfile de renome internacional, para deste xeito, afastar a opinión pública local doutros temas de interese.

Comedia satírica que presenta distintas situacións que viven os personaxes en torno a Vilalba Fashion Wiii.

Un reparto de 17 actores do grupo de adultos da Escola Municipal de Teatro.

Dirección…… Guillermo Cancelo.

Espectáculo apto para todos os públicos

*Información achegada desde a área de Cultura do Concello de Vilalba.