IESCHA: Conferencia de Carlos Henrique Fernández Coto sobre URBANISMO E PATRIMONIO na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración co Concello de Vilalba, organiza unha conferencia sobre URBANISMO E PATRIMONIO que imparte CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ COTO. Dita conferencia está prevista para o vindeiro xoves, 16 de maio de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

Velaquí o cartaz e a nota informativa.

*Información facilitada polo IESCHA.

Faia Díaz e Vero Rilo, APATACÓN, presentan o sábado 18 de maio “Por unha peseta”, na Casa-Museo Manuel María

Segue a medrar o número de actividades que se desenvolven na Casa-Museo Manuel María dentro da súa programación cultural.

A seguinte será o sábado 18 de maio, ás 20.30 hrs., e contará coa vocalista Faia Díaz (Coro Encaixe, Devacas…) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa, Rilo&Penadique…), APATACÓN, que presentarán o espectáculo “Por unha peseta”, un traballo onde voz narrada e cantada achégase por menos de nada para encontrar canto vale unha peseta.

Historias de vida recollidas na nosa contorna e no universal que nos achegan a partes iguais ao humor, á sensibilidade e á tenrura propias da nosa xentes. “Por unha peseta” lévanos aos tempos dos nosos devanceiros, mais desde un punto de vista actual que respecta os seus saberes, tradicións, historias e retranca.

O prezo do billete é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información: Casa-Museo Manuel María

Presentación do libro A GOTIÑA VIAXEIRA, de Toño Núñez, na Librería Nube de Papel de Vilalba

O vindeiro xoves, 16 de maio, data anterior ao DÍA DAS LETRAS GALEGAS, a partir das 19:30 horas na Librería Nube de Papel de Vilalba celebrarase a presentación do novo libro do escritor Toño Núñez, A GOTIÑA VIAXEIRA. Acto organizado conxuntamente por Culturalia GZ e Nube de Papel.

Nese acto acompañarán ao citado autor, o escritor Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ, e Lorena Lagüela, por Nube de Papel.

Amenizará o desenvolvemento do evento a actuación do cuarteto poético-musical Corredores de Sombras (Pilar Maseda, Carme Mato, Baruk Domínguez de Naveiras e Rosana Domínguez).

A GOTIÑA VIAXEIRA é un “conto infantil que narra as aventuras dunha gotiña de auga que, durmida un día na praia evapórase e perde ás súas compañeiras. Inclúe cd audiovisual con imaxes, narración e canción”.

*A autoría do cartel anunciador é da artista Adolfina Mesa.

Fallo do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019

Hoxe, 7 de maio de 2019, fanse públicos os premios do Certame de Microrrelatos organizado polo Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ, con motivo da celebración do Día do Libro 2019.


O xurado, que estivo formado, por:


– Armando Requeixo, escritor e crítico literario.

– Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG.

– Ánxela Gracián, escritora e tradutora.

– Martiño Maseda, poeta e administrador de Culturalia GZ (con voz e sen voto).

– Patricia Teijeiro, concelleira de Educación e Participación Cidadá (con voz e sen voto).

determinou os seguintes premios:

CATEGORÍA INFANTIL:

1º PREMIO para Nerea Villar Ferreiro polo microrrelato A historia da Pravia, “pola capacidade imaxinativa e forza simbólica”.

2º PREMIO para África Montenegro Leal polo microrrelato O paraugas máxico, “polo sorprendente tecido marabilloso e as referencias literarias”.

3º PREMIO para María Otero Díaz polo micorrelato Un ancián feliz, “pola emotiva mensaxe e a calidade poética da prosa”.


CATEGORÍA XUVENIL:

1º PREMIO para Mariña Maceiras Segovia polo microrrelato Perspectiva, “pola mostra sensible á problemática migratoria e intelixente xogo de contrastes”.

2º PREMIO para Nee Barros Fernández polo microrrelato Relax-acción, “polo argumento de indubidable tensión climática con final brutal e abraiante”.

3º PREMIO para Sandra Rodríguez Macía polo micorrelato A pantasma, “pola inesperada resolución e hábil inserción de elementos fantásticos”.

CATEGORÍA ADULTOS:

1º PREMIO para Patricia Torrado Queiruga polo microrrelato Da estirpe ágrafa, “pola poderosa evocación da estirpe familiar dende o herdo das mulleres e aposta pola cultura alén da letra impresa”.

2º PREMIO para Raquel Fernández Fernández polo microrrelato Silencio, “por ser unha historia de final insospeitado que fai converxer, luminosamente, o mundo do pictórico e o literario”.

3º PREMIO para Beatriz López Dorado polo micorrelato Polo recheo ao forno, “pola posta en valor do calado e esencial labor das mulleres no eido do lar cunha escrita de forte pegada lírica”.

O xurado salientou a alta participación en canto ao número de orixinais presentados, así como a boa calidade narrativa dos mesmos, en liñas xerais.

Moitos parabéns a todos/as!

A entrega de premios será o venres día 10 de maio de 2019 ás 20: 00 horas na Casa da Cultura de Vilalba.

Castiñeiro Milenario: Os Maios e Foliada de Primavera

Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera, do xeito que merece e como nos presta: organizando unha nova edición da Foliada de Primavera.

Comezaremos pola tarde, a partir das seis facendo un pequeno paseo para apañar flores e fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares faremos un maio, probaremos a facer algún “maio vivo” e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera. Un chocolate quentiño daranos forzas para seguir ata que a Foliada chegue.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das oito e media, comezará a festa con dous grupos, desde Outeiro de Rei con sangue e forzas propias da mocidade virá Filseira, con moitas gañas de cantar e bailar, e para rematar, desde Lugo, a Asociación Arrincadeira. Despois, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/