Este pasado sábado, 18 de maio, ás 19:00 horas o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) presentou o libro AS FEIRAS DE MONTERROSO na súa sede situada na vila monterrosina.
No acto de presentación participaron:
María José Gómez Alvite e Francisco Pardo Teijeiro, como coordinadores da publicación, foron desfiañando de xeito breve as colaboracións das persoas que participaron nesta publicación, ao tempo que agradecían as mesmas.
Adolfina Mesa, poeta e artista multidisciplinar, autora da ilustración do cartaz anunciador, que tamén se amosa na portada do libro, e que xunto a outras máis, aparecen en páxinas interiores incluídas nun bloque temático da Pintura. Adolfina, ademais de agradecer a súa colaboración neste libro, aproveitou para dar unha breve explicación do contido reflectido nas publicacións e recitar un poema da súa autoría sobre a temática das feiras de Monterroso.
Paco Ledo, o poeta labrego, declamou, co sentir propio dunha persoa enraizada á terra e ás tradicións, os dous poemas cos que colaborou.
O tamén escritor e poeta Toño Núñez amenizou momentos da xuntanza co seu recitado e, por veces, cantado do “cantar de cego” SE TI VISES O QUE EU VIN, que el mesmo escribiu como galano literario para esta publicación do IEU.
Outras voces que participaron foron as do sacerdote Carlos Méndez Vázquez, socio fundador do IEU, Jesús Otero Pereiras, Xosé Luís Santiso García, Montserrat Pérez Paredes, Fernando García Penas, Divina Pérez Viña, Cristina Varela Cadahía… e Miguel Rico, alcalde de Monterroso.
Velaquí unha breve galería fotográfica que recolle momentos do acto de presentación do libro AS FEIRAS DE MONTERROSO.
*Información recollida na sede do Instituto de Estudos Ulloáns.