Recital Poético DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2019 no Museo das Aves de Cospeito




O vindeiro 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía de Castro, unha celebración promovida pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). Coma en edicións anteriores haberá distintas actividades por toda a xeografía galega. E unha desas actividades vai ter lugar no Concello de Cospeito, concretamente no Museo das Aves de dito concello.

O acto, organizado conxuntamente polo mencionado Concello de Cospeito e Culturalia GZ, en colaboración coa AELG, consistirá primeiramente na lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019, elaborado nesta ocasión pola escritora Ana Romaní. Deseguido virá o momento do recital de poemas rosalianos ou de autoría da/-o participante e que aludan á autora homenaxeada. Ademais dun grupo de poetas convidadas/-os, tamén se contará coa participación de estudantes do colexio de Cospeito e/ou arredores e calquera outra persoa que desexe recitar ou amosar o seu aprecio pola figura de Rosalía de Castro.

Para a divulgación deste evento poético contamos coa cesión dunha imaxe de Rosalía realizada dixitalmente pola artista Adolfina Mesa, quen tamén traballou na elabororación do cartaz anunciador.

Ao remate do acto tamén se ten previsto a entrega de diplomas ás persoas participantes para deixar constancia da súa intervención neste día de celebración rosaliana.

Presentación do libro CAMPOS DE BATALLA, de Sonia Arias López, na Casa da Cultura de Vilalba

O vindeiro venres, 8 de febreiro, a partir das 20 horas terá lugar a presentación do libro Campos de Batalla, de Sonia Arias López no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba. Presentación que está organizada por Culturalia GZ en colaboración co Concello de Vilalba.

Esta obra, editada por Angels Fortune, supón a segunda incursión da autora natural de Paradela no xénero poético, despois da publicación, ou mellor dito a autopublicación de Parque de atracciones.

Neste segundo poemario, Sonia Arias diversifica a súa temática e tenta amosar a madurez creativa da escritora.

Na presentación en Vilalba de Campos de Batalla participarán, ademais da propia autora do libro, a escritora Rocío López Núñez, o profesor e escritor José Carlos Ulloa García e Martiño Maseda, escritor e administrador de Culturalia GZ.

As curtas do Chanfaina Lab estréanse o sábado 9 de febreiro na Casa da Cultura do Concello de San Sadurniño

Xa hai data para degustar os riquísimos pratos de chanfaina visual que nos teñen preparados os realizadores e realizadoras que percorreron San Sadurniño na primeira fin de semana de setembro. O sábado 9 de febreiro a partir das 17.00h. a Casa da Cultura converterase nun cine de sesión continua onde se proxectarán un total de 23 pezas con distintas duracións e tamén temáticas, aínda que sempre co nexo común do territorio local. A estrea das curtas suporá, ademais, o arranque da sexta edición do encontro audiovisual.

O programa da tarde na Casa da Cultura comezará coa presentación de cada peza por parte dos seus autores e autoras e coa entrega dos agasallos a cada participante. O momento é aproveitado habitualmente para repasar a súa biografía creativa e para dar unhas pinceladas sobre a intencionalidade das pezas, unhas veces documental, outras veces ficticia, outras experimental. De feito, o Chanfaina Lab só pon como condición que os produtos se graven en espazos de San Sadurniño, xa sexa con historias que reflictan algún vencello co territorio ou no que este se poña ao servizo do argumento como simple escenario.

Tamén se pide que as curtametraxes sexan iso, curtametraxes, entendendo como tales aquelas producións inferiores a 30 minutos, aínda que se recomende tamén que non pasen de 10 para que a xornada das estreas sexa máis fluída e tamén para que despois funcionen ben nunha plataforma tan orientada á brevidade como é youtube.

Fóra do condicionante da duración e a esixencia espacial, o resto é cousa de cadaquén: os medios técnicos que queira dedicar, a orientación visual, a elección temática… Por iso o día da estrea esperta tanta expectación. As olladas dos realizadores e realizadoras  son sempre sorprendentes e engadan a curiosidade do público local propoñéndolle  retratos de San Sadurniño trazados desde fóra, pero tamén desde dentro. E é que no Chanfaina conviven creacións de directoras e directores de referencia no audiovisual galego con outras feitas por xente nova e non tan nova do propio concello, compartindo vivencias durante os tres días de gravación e despois impresións sobre o resultado no día da premiere.

Uns e outras -en total 32 persoas das que 15 son da casa- están citadas para o sábado 9 de febreiro ás 17.00h. na Casa da Cultura. E, se a cousa é tan puntual coma nas anteriores edicións, a iso das 17.30h. estaremos degustando xa as súas obras, que aínda estes días lle están chegando á organización do Chanfaina Lab.

O pase cinematográfico compóñeno 23 curtametraxes, polo que é posible que máis ou menos pola metade se faga unha pequena pausa, igual que nas antigas salas cando era obrigado parar para cambiar o rolo de celuloide.  O programa da sesión é o seguinte:

  • “Cabeceira” – Roberto Bouza
  • “A rapaza que borboriñaba aos cabalos” – Catalina Rodríguez
  • “Rexistros (xeografía de San Sadurniño)” – Adrián Canoura
  • “Sen orde nin ficción” – Natalia Fernández
  • “A vista de cabalo do demo” – Bieito Beceiro
  • “Síntese” – Ángela Arnosa
  • “Xente bonita #1” – Cibrán Tenreiro
  • “The Sansa Stomp” – Iago Lourido
  • “Breixo” – Javier Seoane e Kevin Lorenzo
  • “Dereito a sermos vellas” – Irene Beceiro
  • “A chamada” – Simone Saibene
  • “Insomnio” – Sebastián Rodríguez
  • “Non teño dono” – The Sungirls
  • “Electra” – Carmen Bouza, Carmen Couce, Consuelo Picos e Cruz Piñón
  • “E fíxose a luz” – Fran Bermúdez
  • “O silencio dos eólicos” – Aser Álvarez
  • “Arrolo” – Lucía Estévez
  • “Unha casa de aldea” – Abel Vega
  • “Nena-Dina” -Andrés Goteira
  • “Conectado” – Pablo Martínez
  • “Irmandade” – Helena Girón e Samuel Delgado
  • “Nimbo” – Mar Catarina e Rubén Domínguez
  • “Soñadores” – Gabriel Tizón

As pezas correspóndense co remate da quinta edición do Chanfaina Lab, que vai encabalgando anos gravando sempre na primeira fin de semana de setembro e estreando a primeiros de febreiro do ano seguinte. A proxección das pezas filmadas o ano pasado supón o inicio do sexto Chanfaina, do que seguramente se nos adiante algo o propio día 9. A partir da semana seguinte as curtametraxes iranse subindo á canle de youtube do proxecto a razón de unha estrea cada venres.

*Información facilitada desde o Concello de San Sadurniño.

Inauguración da exposición pictórica CROMATOPÍA, de Adolfina Mesa, no Museo das Aves de Cospeito

Este pasado sábado, 2 de febreiro, desde as 19 horas quedou inagurada no Museo das Aves de Cospeito a Exposición de Pintura CROMATOPÍA, da artista Adolfina Mesa. Exposición organizada polo Concello de Cospeito en colaboración con Culturalia GZ. 
Un grupo numeroso de persoas déronse cita neste evento pictórico, no que o alcalde do Concello de Cospeito, Armando Castosa, deu a benvida a todos os asistentes a aquela “paisaxe intervida polas mans do home”, en palabras da propia pintora Adolfina Mesa, que é o Museo das Aves de Cospeito. Ademais indicou que aquela exposición sería o encete de moitos outros proxectos que poderían tomar vida naquel espazo reconvertido para a cultura. Pola súa banda, Adolfina Mesa amosou a súa ledicia ao ver como CROMATOPÍA abría as portas daquela galería particular e convidou ao público en xeral a pasear polo camiño cromático e emocional que desprende cada cadro do seu novo proxecto pictórico.

CROMATOPÍA desenvólvese coma un relato emocional no que o escenario de cor-espazo provoca que poidan coexistir distintos cronotopos que se artellan e relacionan na trama textual e cromática, creando unha atmósfera especial e un determinado efecto nas emocións dentro dun diálogo entre a obra e o espectador. Destaca a busca da artista orientándose cara a novas dimensións emotivas e concenptuais, afastándoa da realidade sen deixar de concebila.

CROMATOPÍA leva á artista Adolfina Mesa a sentir a necesidade de non ser pintora simplemente, senón integrarse na estrutura diálogo e cromatismo, no que cor, forma, espazo e tempo transcendan dende o inédito cara ao permanente, aínda que sexa a costa de renunciar ás máis clásicas estéticas e diálogos, para acadar a sensibilidade de xeito harmónico. Unha construción onde ‘arte’, represente máis que pintura e se expanda ao lirismo da poesía.

Lembrar tamén que a devandita exposición permanecerá á vista do público durante todo o mes de febreiro en horario habitual do Museo das Aves, ou mediante chamada telefónica previa ao Concello de Cospeito para concertar unha visita fóra dese horario de apertura.