por martinho | Mar 8, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Publicacións, Xeral
Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller 2018, Culturalia GZ e NPG decidiron publicar unha serie de textos poéticos de distintos autores, onde a temática se centra na figura da muller dentro da sociedade. Ditos textos, que non acadan a calificación de libro, nin iso pretenden, si amosan a fondura que suscita a urxencia pola reivindicación da igualdade e dos dereitos da muller.
Neste enlace podemos visualizar os versos que compoñen o FOLLETO POÉTICO.
Medre a Poesía!
por Pilar Maseda | Mar 7, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
REFLEXIÓN EN FEMININO DENDE A CHAIRA
Hai unha pandemia de ignorancia espallada polos camiños do progreso,
polas fiestras abertas nos mundos virtuais, nas habitacions pechadas sen respiros.
Onde o machismo e o patriarcado dominante, dende hai séculos, podre, polas dominacións bélicas e o rendemento económico da escravitude, negociando coas mulleres e cos diferentes, denominándonos seres débiles. Ao abeiro de Imperios, e das distintas relixións e correntes de pensamento máis opresoras ao longo da
historia.
Que van deixando un tufo a podremia e a gangrena machista onde só queda lugar para membros amputados.
Hai tempo que se vén notando dende os diferentes escaparates de cotío ese cheiro
fedorento que odia á liberdade, á igualdade que segue a mallar e abusar por norma,
sobre todo ás mulleres en tódolos aspectos da vida, incluso facéndonos a nós mesmas ofrecernos coma o produto ou subproduto á carta.
Con esa falsa impostura nos fotocools facendo imprescindible ler nos corpos femininos a súa firmeza e tersura para soñadores onanistas, coas imaxes das súas iconas.
E nos garitos do común, calquera beodo abafento pode calcular as medidas dos corpos femininos faltándolles ao respecto.
Hai un tufo nalgúns intelectuais que fai pensar que os narcisos están en flor todo o ano, que as rúas vístense de gala e alfombras vermellas para chamala atención das deprimidas, faltas de Serotonina e de espellos. Seguindo os estudos de mercado.
Por onde os adolescentes van pisando para ir ao instituto, aburríndose nas sestas de metodoloxías do século XX… coas programacións programadas do século XX…nos libros do século XX…
Cando a gramática perde toda a esencia entre sinónimos, hiperónimos e a sintaxis de aborremento.
Porque os quebrados racharon coas calculadoras e a álxebra e cousa de vellos, que non saben interrogar ao smarphone polo resultado dun problema, sen dar tantas voltas…
Preguntábame, por que, algún rapaz pasa horas facendo preguntas e logo di que non atura a filosofía…de nomes e anos, nomes e datas…de “chapatoria” sen diálogo socrático.
E agora… Só sei que non sei nada.
Mentres, nas prácticas do laboratorio os futuros homes, na súa idiotez adolescente, lles mandan fregar os cacharros ás cativas, porque os machos adoutrinados teñen que demostrar o seu poder cos puños e coa súa entreperna.
Agora… entendín que xa sei algo.
Logo de ter eu, vivido dúas xeracións, as mulleres aínda temos que loitar pola igualdade até que moitos individuos non usen os miolos, que están dentro do cranio. É o corazón, que está dentro do peito, protexido pola caixa torácica. Porque son os nosos bens máis prezados.
Sabendo que só temos unha vida propia, única, intransferible, nun corpo propio, que se vai delatando en queixa fría co tempo e que este, pasa máis rápido cun meteoro.
Que os séculos da nosa existencia como especie, xa van acadando o tramo final e non somos quen de defender a nosa igualdade coma seres humanos , só podo concluír nesta reflexión.
Que formamos parte dun fracaso, un grande fracaso social e vivencial.
…..PILAR MASEDA
por martinho | Mar 7, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
Onte fixo 14 anos do pasamento da poeta Luísa Villalta. Na sua memória.
MODULACION DE ORFEU
Carexei na escuridade o teu cantar Eurídice
e o futuro devolveu o nome do meu propio arpexio.
Souben de ti por un can que xemeu manso
pola leve batedela do teu pé no río ao avanzares
e o ton ingrávido da luz no sangue
no momento de non poder ser xa quen son
senón a corda acróbata do desexo entre os meus dedos
Estaba o ar imposíbel tinxido en soños de paxaros
tal era a vontade de ascender as escalas das esferas
axudándonos só do propio timbre
medido contra o eco dos abismos
No teu andar pulsaba o corazón
E a idea loira do silencio te agardaba
con palabras sen esquinas
campo aberto a países encontrados
na redonda maravilla de si mesmos
A idea de nacer ao non morrer desde onde viñas
traía eu entre os compases dos meus pasos
percutidos sobre o ébano do tempo no violino:
o ritmo e a columna, o balanzo e o redemuíño
cara ao xogo da risa na Galiza liberada
Mas
na Fisterra do mundo onde o mar nos esperaba
cegoume o ruído infernal roto en instantes
de motores, en cristais de cidades sen orixe
rotos, en tempo roto a melodía desde sempre
rota, as palabras desfeitas entre os dentes
rotos de tantos seres rotos de almas rotas
na paisaxe dun povo que por roto marchaba
co son roto das árvores nos ollos
A melodía, e non eu nen a dor nen a saudade
quixo volver sobre si mesma até onde estabas
serpe arrolada no murmullo contínuo deste vento
que arrasa e volve e destrúe e levanta no deserto
as súas moreas de olvido como triunfos xa vencidos
Ao fundo, ao fundo volvo eu a non perderte
e ser agora eu Eurídice outra vez para esperarte.
Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1
por martinho | Mar 6, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
O vindeiro 21 de marzo, a partir das 20h., Culturalia GZ e o Concello de Vilalba convídante a celebrar o Día da Poesía 2018, baixo o lema #senteapoesía.
Medre a Poesía!