REFLEXIÓN EN FEMININO DENDE A CHAIRA

REFLEXIÓN EN FEMININO DENDE A CHAIRA

 

Hai unha pandemia de ignorancia espallada polos camiños do progreso,

polas fiestras abertas nos mundos virtuais, nas habitacions pechadas sen respiros.

Onde o machismo e o patriarcado dominante, dende hai séculos, podre, polas dominacións bélicas e o rendemento económico da escravitude, negociando coas mulleres e cos diferentes, denominándonos seres débiles. Ao abeiro de Imperios, e das distintas relixións e correntes de pensamento máis opresoras ao longo da

historia.

Que van deixando un tufo a podremia e a gangrena machista onde só queda lugar para membros amputados.

Hai tempo que se vén notando dende os diferentes escaparates de cotío ese cheiro

fedorento que odia á liberdade, á igualdade que segue a mallar e abusar por norma,

sobre todo ás mulleres en tódolos aspectos da vida, incluso facéndonos a nós mesmas ofrecernos coma o produto ou subproduto á carta.

Con esa falsa impostura nos fotocools facendo imprescindible ler nos corpos femininos a súa firmeza e tersura para soñadores onanistas, coas imaxes das súas iconas.

E nos garitos do común, calquera beodo abafento pode calcular as medidas dos corpos femininos faltándolles ao respecto.

 

Hai un tufo nalgúns intelectuais que fai pensar que os narcisos están en flor todo o ano, que as rúas vístense de gala e alfombras vermellas para chamala atención das deprimidas, faltas de Serotonina e de espellos. Seguindo os estudos de mercado.

Por onde os adolescentes van pisando para ir ao instituto, aburríndose nas sestas de metodoloxías do século XX… coas programacións programadas do século XX…nos libros do século XX…

Cando a gramática perde toda a esencia entre sinónimos, hiperónimos e a sintaxis de aborremento.

Porque os quebrados racharon coas calculadoras e a álxebra e cousa de vellos, que non saben interrogar ao smarphone polo resultado dun problema, sen dar tantas voltas…

Preguntábame, por que, algún rapaz pasa horas facendo preguntas e logo di que non atura a filosofía…de nomes e anos, nomes e datas…de “chapatoria” sen diálogo socrático.

E agora… Só sei que non sei nada.

Mentres, nas prácticas do laboratorio os futuros homes, na súa idiotez adolescente, lles mandan fregar os cacharros ás cativas, porque os machos adoutrinados teñen que demostrar o seu poder cos puños e coa súa entreperna.

Agora… entendín que xa sei algo.

Logo de ter eu, vivido dúas xeracións, as mulleres aínda temos que loitar pola igualdade até que moitos individuos non usen os miolos, que están dentro do cranio. É o corazón, que está dentro do peito, protexido pola caixa torácica. Porque son os nosos bens máis prezados.

Sabendo que só temos unha vida propia, única, intransferible, nun corpo propio, que se vai delatando en queixa fría co tempo e que este, pasa máis rápido cun meteoro.

Que os séculos da nosa existencia como especie, xa van acadando o tramo final e non somos quen de defender a nosa igualdade coma seres humanos , só podo concluír nesta reflexión.

Que formamos parte dun fracaso, un grande fracaso social e vivencial.

                     …..PILAR MASEDA

Na memória de Luísa Villalta, por Antón de Guizán

Na memória de Luísa Villalta, por Antón de Guizán

Onte fixo 14 anos do pasamento da poeta Luísa Villalta. Na sua memória.

 

MODULACION DE ORFEU

 

Carexei na escuridade o teu cantar Eurídice

e o futuro devolveu o nome do meu propio arpexio.

 

Souben de ti por un can que xemeu manso

pola leve batedela do teu pé no río ao avanzares

e o ton ingrávido da luz no sangue

no momento de non poder ser xa quen son

senón a corda acróbata do desexo entre os meus dedos

 

Estaba o ar imposíbel tinxido en soños de paxaros

tal era a vontade de ascender as escalas das esferas

axudándonos só do propio timbre

medido contra o eco dos abismos

 

No teu andar pulsaba o corazón

E a idea loira do silencio te agardaba

con palabras sen esquinas

campo aberto a países encontrados

na redonda maravilla de si mesmos

 

A idea de nacer ao non morrer desde onde viñas

traía eu entre os compases dos meus pasos

percutidos sobre o ébano do tempo no violino:

o ritmo e a columna, o balanzo e o redemuíño

cara ao xogo da risa na Galiza liberada

 

Mas

na Fisterra do mundo onde o mar nos esperaba

cegoume o ruído infernal roto en instantes

de motores, en cristais de cidades sen orixe

rotos, en tempo roto a melodía desde sempre

rota, as palabras desfeitas entre os dentes

rotos de tantos seres rotos de almas rotas

na paisaxe dun povo que por roto marchaba

co son roto das árvores nos ollos

 

A melodía, e non eu nen a dor nen a saudade

quixo volver sobre si mesma até onde estabas

serpe arrolada no murmullo contínuo deste vento

que arrasa e volve e destrúe e levanta no deserto

as súas moreas de olvido como triunfos xa vencidos

 

Ao fundo, ao fundo volvo eu a non perderte

e ser agora eu Eurídice outra vez para esperarte.

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1