A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.
Para este 2018, alén de seguir animando a cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día (con actos propios -incluíndo a ofrenda floral a Rosalía de Castro no Panteón dos Galegos Ilustres-), a AELG promoverá que os centros de ensino de toda Galiza realicen nos propios centros de ensino ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais desas lecturas da obra rosaliana, outro tipo de actividades sobre a nosa escritora das que imos dando conta nesta páxina da web da AELG. Podes ver o traballo feito neste sentido por esta Asociación desde 2011 aquí.
A AELG propón celebralo baixo o lema #AbrideAFiestra. Así, propúxose aos centros do ensino a inclusión nese día de actividades escolares na súa programación, convidando a comunidade escolar a realizar actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana.
A AELG celebrará o seu acto central o mesmo día 24 de febreiro, sábado, ás 12.00 no Panteón de Galegos Ilustres, acto no que se dará lectura ao Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro, este ano elaborado por María Reimóndez e que vos anexamos.
Tamén para o sábado 24 de febreiro promove, a través da súa base asociativa, outros actos en diversas cidades e vilas do país. Se tes interese en organizar ese día unha lectura colectiva da obra rosaliana na túa vila ou cidade, por favor, fáinolo saber antes do 17 de febreiro en oficina@aelg.org; desde a secretaría técnica facilitarémosche un cartel específico, ademais de colaborar na difusión a través da prensa local e redes sociais e web da AELG.
Por outra banda, desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número superior a 50, sumándose tamén as Deputacións Provinciais da Coruña e Lugo. A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.
Máis información no seguinte enlace.