X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia

X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia

 X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia

Como persoa interesada na Literatura de Tradición Oral, informámoste de que desde hoxe e até o día 19 de outubro de 2017 está aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para Socios-as da AELG e da AS-PG, da décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral, que se desenvolverá no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8 – Lugo) o 21 de outubro co lema Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia. En calquera caso, a entrada é libre.

Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un nome e uns apelidos; sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos no universo, porque pisamos territorios nomeados. Relacionámonos case exclusivamente con palabras que son consecuencia de ideas, pensamentos e accións verbalizábeis. Moitas veces este vivir acelerado fai que, sen decatarnos, esquezamos, que borremos da memoria a música de moitas das palabras que foron arrolo no berce das nosas vidas.
Para recuperar e actualizar esa memoria, nesta décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral –da man de coñecidas/os especialistas en toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía–, decidimos evocar a memoria das palabras que, tanto se as usamos coma se non, aínda están impresas no noso mapa emocional. Porque unha parte decisiva da nosa persoal e particular historia está rexistrada na alma das palabras.

Hai dúas modalidades de inscrición:

  1. O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título homologado pola Consellaría de Educación (8 horas), deben inscribirse na web da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG):

http://www.as-pg.gal/Xestion/Curso/EncontrarCursos.do?identifierType=CURSO_ID&identifier=411

2. Aquelas persoas que non se atopen entre as anteriores poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.

 

Toda a información, aquí.

Co apoio da Deputación Provincial de Lugo.

Agardamos que resulte do teu interese.

 

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente
Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral
Antonio Reigosa e Isidro Novo, coordinadores da Xornada

*Información facilitada pola AELG

IX LÚAS DE OUTONO

Próximos a entrarmos na estación do Outono, tan especialmente amada e sentida por Manuel María, voltamos, máis un ano, a celebrar LÚAS DE OUTONO. Esta homenaxe ao noso escritor que acolle a cidade da Coruña será o 20 de setembro, mércores, ás 20.30, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada libre até completar o aforo disponíbel.

Nesta novena edición contaremos coa presenza da compañía lucense Lucecús Teatro que representarán “A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna”. Unha obra que parte de textos e poemas de Manuel María e que representa unha viaxe divertida e curiosa de varias historias que lle acontecen ao máxico personaxe de Manuel de Paderna. Este posúe o enfeitizo poético e o dominio da palabra para, entre outras cousas, parar as augas dos ríos, variar a situación dos mares, abrollar as fontes , sandar as persoas…

*Información facilitada pola CASA-MUSEO MANUEL MARÍA

TEMPOS NO CORAZÓN

TEMPOS NO CORAZÓN

A Galicia aquela dos meus devanceiros, chea se maxia, de ollos que vixian nos soutos pechados pola vexetacion, cristal das fontes, man que apreixa flores, montes e serras onde o vento da volta, murmurio de contos na orella dun val que respeta.

Campos de pedras lexendarias, ritos no tempo, pregarias a choiva, milenarias muiñeiras.

Amenceres no corazón, lúa baleira, sombra da néboa en manto banco, ollos de Galicia, vento do norte, bicos da auga en bágoas dunha gaita.

Ferida aberta, lirios da montaña, cabelo ao vento, berce e arado, herba no leito, morriña da pedra, camiño retorto peito do mundo.

Historia en cada recuncho, estrelas, terra é silencios, chamada dunha folla, naquel camiño onde vive a máis fermosa lenda.

Ana Mar Fraga Rábade.

DEUSA DEVA

DEUSA  DEVA.

Sentimento de auga, reloxo da vida, soño de bágoa salgada , roda cósmica, ritmo das noites nun intre do infinito, cunca dourada, Deusa do amor, do mar e sentimento, maxia e segredo, camiño e solpor, silencio no océano. ….durme DEVA.

Ven a marea, no abeiro Deva, bágoas salgadas, desabrida magnitude, cantiga fermosa de mil linguas, brétema prendida en alfiletes  de perlas, abrazo invisibei e duradeiro contra a onda.

Fontes que agroman dos soutos galegos, dende a Atalaia do oeste goberna Deva, calma da noite, misterio e lenda, xerfa do mar, ¿ ou cabelo da Deusa? ,como lenzo de pintor engaiolado no mar.

Escribindo a historia nunha folla verde.

Ana Mar Fraga Rábade.

Exposición ASPNAIS, 50 ANOS

Exposición ASPNAIS, 50 ANOS

Este xoves, 7 de de setembro, ás 20 horas na Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo inaugurarase a Exposición ASPNAIS, 50 ANOS, na que tiven a honra de participar xunta a outras persoas para conmemorar o quincuaxésimo aniversario desta asociación solidaria.

Invitación e Información nestes enlaces.

 

*A autoría da imaxe do 50 Aniversario de ASPNAIS corresponde a dobleuve. estudio de diseño y publicidad