X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia
Como persoa interesada na Literatura de Tradición Oral, informámoste de que desde hoxe e até o día 19 de outubro de 2017 está aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para Socios-as da AELG e da AS-PG, da décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral, que se desenvolverá no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8 – Lugo) o 21 de outubro co lema Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia. En calquera caso, a entrada é libre.
Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un nome e uns apelidos; sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos no universo, porque pisamos territorios nomeados. Relacionámonos case exclusivamente con palabras que son consecuencia de ideas, pensamentos e accións verbalizábeis. Moitas veces este vivir acelerado fai que, sen decatarnos, esquezamos, que borremos da memoria a música de moitas das palabras que foron arrolo no berce das nosas vidas.
Para recuperar e actualizar esa memoria, nesta décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral –da man de coñecidas/os especialistas en toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía–, decidimos evocar a memoria das palabras que, tanto se as usamos coma se non, aínda están impresas no noso mapa emocional. Porque unha parte decisiva da nosa persoal e particular historia está rexistrada na alma das palabras.
Hai dúas modalidades de inscrición:
- O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título homologado pola Consellaría de Educación (8 horas), deben inscribirse na web da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG):
http://www.as-pg.gal/Xestion/Curso/EncontrarCursos.do?identifierType=CURSO_ID&identifier=411
2. Aquelas persoas que non se atopen entre as anteriores poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.
Toda a información, aquí.
Co apoio da Deputación Provincial de Lugo.
Agardamos que resulte do teu interese.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente
Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral
Antonio Reigosa e Isidro Novo, coordinadores da Xornada
*Información facilitada pola AELG