Culturalia GZ publicará as VILARIÑAS

Culturalia GZ publicará as VILARIÑAS

 

CULTURALIA GZ publicará na súa páxina as <VILARIÑAS> participantes no 1°Certame de micropoesía da Chaira. Así o acordaron os organizadores, NPG Nova Poesía Guitirica e Os Vilares, Lareira de soños cos responsables do proxecto Culturalia GZ, que estreará con esta publicación unha sección de creación literaria.

Dase así cumprimento a un dos puntos das bases do certame que compromete a edición dos poemas nun blog ou páxina dixital.

Culturalia GZ, un proxecto de clara vocación literaria e cultural no que están involucrados creadores e estudosos da nosa cultura, establece desta maneira pontes de colaboración tamén con entidades que se distinguen polo seu traballo na sociedade, neste caso dúas das máis activas de Guitiriz e da Chaira, como son o grupo NPG Nova Poesía Guitirica e a Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, parroquia de nacencia do poeta chairego Xosé María Díaz Castro, inspirador deste novidoso certame de <VILARIÑAS>. Este acordo é un exemplo de traballo cooperativo que suma para o conxunto e contribúe a difundir máis e mellor a xa grande produción poética na Terra Chá, tentando a participación a través de pequenos poemas daquelas persoas con inquedanzas poéticas non necesariamente especializadas.

É o primeiro de futuros acordos de traballo en común aberto a sumar outras entidades que atopen neste soporte un recurso acaído aos seus proxectos e actvidades. Co remate do prazo de recepción de <VILARIÑAS>, o día 31 de marzo e unha vez que o xurado decida cales son os micropoemas gañadores, todas as <VILARIÑAS> poderán ser lidas en rigurosa estrea no CULTURALIA GZ.

 

 

Fallo do II Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro

Fallo do II Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro

O poemario O FILÓSOFO COXO de Eduard Velasco resultou gañador na segunda edición do Certame de Poesía Xosé María Díaz Castro convocado polo Concello de Guitiriz. O xurado formado por Miguel Anxo Fernán Vello, Ánxela Gracián e Armando Requeixo tomaron tal decisión esta mesma tarde. Eduard Velasco, nado en Barcelona, aínda que residente na Galiza, é Licenciado en Filoloxía Catalá e Filoloxía Galega pola Universitat de Barcelona. Tradutor, colaborador xornalístico, profesor de galego para estranxeiros son algunhas das actividades realizadas até o presente por este escritor. Literariamente, xa conta no seu haber con outros premios. Así, no 2014 gañou a III certame de poesía Leiras Pulpeiro do Concello de Mondoñedo, e co seu primeiro poemario, Ruído de trens, acadou o XXVII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o cal se publicou en Espiral Maior no mes de abril do ano 2015.

 

*Autoría da fotografía: Alessandro Ardovini (2012)