OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O País do Gran Furado

Autora: Xerardo Quintiá Pérez

Editorial: Baía Edicións

Ano de publicación: 2019

É a literatura infantil territorio exclusivo do público máis miúdo? Coido que certas etiquetas están, a maior parte das veces, para obvialas. Por iso, hoxe, traio unha pequena mostra de que xs adultxs podemos e debemos deleitarnos con textos pensados, en primeira instancia, para a infancia.

No País do Gran Furado de Xerardo Quintiá hai poesía, xustiza, igualdade e, sobre todo, fantasía. Interésame moito este último ingrediente porque creo que é do que debe servirse a literatura, desa capacidade inesgotábel para evocar outros mundos e personaxes que transgridan as pautas convencionais. Ademais, as ilustracións de Noemí López Vázquez contribúen a potenciar o fabuloso imaxinario deste libro.

Sen dúbida, estamos ante unha historia moi ben contada –merecedora do II Premio Fina Casalderrey- que nos devolve unha mirada crítica da sociedade actual. Sóavos de algo o país en que as mulleres pasan todo o tempo traballando? Ou as ameazas que reciben aquelas que desde asociacións, institucións ou outros movementos sociais pretenden mudar as estruturas patriarcais?

Insisto en que, ademais de ler este libro ás crianzas, debemos lelo para nós, para non deixarnos vencer por ese perigoso conformismo que tende a instaurarse en determinadas etapas da vida, para crer en todas as Toribias e ESKORNA- KABRAS que loitan día a día por un mundo mellor.

O País do Gran Furado cabe en calquera bolso ou mochila. Podemos lelo mentres agardamos polo autobús ou tomamos un café nun bar. E quen sabe, quizais tras a súa lectura, recuperemos algo do espírito rebelde que tanta falla nos fai.

Presentación do libro “Obra inacabada de Dosinda Christensen”, de Xerardo Quintiá, na Casa da Cultura de Vilalba

Este venres 28 de maio celebrarase a presentación do libro Obra inacabada de Dosinda Christensen, de Xerardo Quintiá, ás 20 horas na Casa da Cultura de Vilalba. Dita obra, que fora a gañadora no XLVI Certame de Poesía do Concello de Vilalba, está editada baixo o selo de Alvarellos Editora.

Por limitacións de capacidade derivadas da pandemia do COVID-19, as persoas interesadas en asisitir a dita presentación deberán inscribirse previamente no teléfono 982510761 ou no mail cultura@vilalba.es

Xerardo Quintiá Pérez gaña o XLVI Premio de Poesía do Certame Literario de Vilalba

O escritor Xerardo Quintiá Pérez coa “Obra inacabada de Dosinda Christensen (I)” resultou gañador do XLVI Premio de Poesía do Certame Literario de Vilalba.
Xerardo Quintiá, natural de Friol, é poeta, narrador e autor de literatura xuvenil e infantil. En 1984 trasládase a Lugo para realizar estudos de Bacharelato, cidade na que reside desde entón. Está casado, ten un fillo e traballa como axente comercial. Publicou os seus primeiros traballos na sección cultural “Táboa Redonda” de El Progreso (1988) e colaborou en revistas como Dorna ou Xistral. Da man da editorial Galaxia, ven a luz “Unha soa man e otros intres” (1999) e, no ano 2001, “Un rabaño de ovellas brancas”. En Franka Editora publica “O libro dos aparecidos” (2002). No ano 2012 volve á narrativa para adultos
e de novo en Galaxia publica “Hotel Cidade Sur”, traducido ao castelán por Pulp Books. En maio do 2015 publica, en Galaxia, “O Viaxeiro Radical”, traducida ao catalán por Editorial Gregal (2018). No eido da literatura infantil, na colección ARBORE da Editorial Galaxia, publica “A verdadeira historia do burro Feldespato” (2002) e, en 2007, na mesma colección edítase “Ke-Tumba Ke-Tamba”, finalista do premio Raíña Lupa.
Para primeiros lectores escribiu “Titiritesa”, publicado por OQO Editora (2007) e traducido ás principais linguas europeas. Como poeta ten publicado “ailalalalelo de auga”, Do4 Edicións (2001); “Poesía en Ruta”, premio Fermín Bouza Brey, Espiral Maior 2007; “FORNELOS & FORNELOS, primeira fundación”, premio Fiz Vergara Vilariño, Espiral Maior (2011). FORNELOS & FORNELOS, segunda fundación, premio Eusebio Lourenzo Baleiron, Sotelo Branco (2016); “FORNELOS & FORNELOS, terceira
fundación”, premio Lueiro Rey, Xerais (2019).

Adxúntase a acta co fallo emitido polo xurado do XLVIPremio de Poesía do Certame Literario de Vilalba.

*Información facilitada pola área de Comunicación do Concello de Vilalba.

*Imaxe da noticia recollida do Facebook do propio Xerardo Quintiá.