Conferencia sobre o patrimonio do Monte Farelo na igrexa de San Xoán de Antas de Ulla

O sábado 29 de xullo, organizada pola Comisión Monte Farelo do Instituto de Estudos Ulloáns, impartirase na igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla a conferencia Monte Farelo: patrimonio natural e cultural.

Coordinan o acto os historiadores Xulio Cuba e Sinda Vilameá, veciños de A Somoza (Monte Farelo, Antas de Ulla), e imparten a conferencia o antropólogo Manuel Vilar Álvarez, director do Museo do Pobo Galego, e o xeólogo Felipe Fernández Martínez. 

Con esta conferencia inícianse as actividades da Comisión Monte Farelo, coa finalidade da posta en valor e a protección do rico patrimonio, tanto natural como cultural, do Farelo.

Presentación do libro “Achegas á simboloxía do románico da Ulloa”, de Xosé Lois García, en Antas de Ulla

O sábado 23 de xullo ás 19,00 h presentarase en Antas de Ulla o libro Achegas á simboloxía do románico da Ulloa, do historiador e socio do IEU Xosé Lois García, que recolle tanto os seus artigos sobre este tema publicados en Cairón como novas investigacións sobre a simboloxía amosada en 44 igrexas románicas de Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla.

O libro foi editado polo Instituto de Estudos Ulloáns e financiado pola Área de Turismo da Deputación de Lugo, que dirixe a deputada Pilar García Porto.