Clara Gayo dirixe a posta en escena desta obra a ritmo de jazz que ten a Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas
O espectáculo poderase ver no Teatro Jofre de Ferrol este venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas
As entradas seguen á venda na plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro
A obra está producida por Teatro do Noroeste e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic e a colaboración do Concello de Ferrol
O Teatro Jofre xa está listo para recibir de novo, dúas décadas despois, a obra As damas de Ferrol de Teatro do Noroeste, desta volta revisada e actualizada baixo a dirección de Clara Gayo. O venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas, as actrices Mónica Camaño e Casilda Alfaro tomarán o escenario con esta traxicomedia escrita por Eduardo Alonso na que a cidade ferrolá ten tamén un papel protagonista. As entradas para asistir á obra seguen á venda na web de Ataquilla con prezos que oscilan entre os 10 e 12 euros máis gastos de xestión.
Esta mañá, mércores 29, os medios puideron albiscar o humor negro que destila As damas de Ferrol nunha presentación que contou coa participación de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Blanca G. Agulló, responsable da produción executiva do Teatro Jofre, Eduardo Alonso, Clara Gayo e de boa parte do equipo artístico do espectáculo.
En As damas de Ferrol dúas supostas irmás xa maiores, Lourdes e Maruxa, noutrora vinculadas á clase acomodada, viven agora soas e na miseria, vítimas do seu delirio e entre os cascallos dese pasado perdido que choran. A obra desenvólvese como unha comedia circular na que se mesturan a realidade e a fantasía. Absurdos e disputas danse a man nunha peza en clave feminista cunha marcada crítica social.
Nesta posta en escena de Clara Gayo, que confesou que tivo “plena liberdade creativa” no seu labor, hai unha revisión estilística do texto orixinal e mais a introdución de elementos simbólicos e surrealistas a través da escenografía de Carlos Alonso. A trama ideada por Eduardo Alonso hai vinte anos segue a estar vixente e respéctase na montaxe, xa que a historia destas damas de Ferrol pode ser a doutras mulleres en calquera cidade hoxe en día. Como salienta Gayo, “o que mudou, o que evolucionou neste tempo é a mirada do público”.
Mención á parte merece a música composta por Chefa Alonso, que, a ritmo de jazz, atravesa dun xeito orgánico toda a obra. O diálogo por veces caótico, por veces melódico que adoitan establecer os instrumentos neste xénero musical é perfecto para amparar a acción escénica e para reforzala. O resultado, en palabras da compositora, é “música para un texto desapiadado nun mundo sen esperanza”.
As damas de Ferrol está producida por Teatro do Noroeste e conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a colaboración do Concello de Ferrol. O equipo da obra está integrado por Clara Gayo (dirección), Mónica Camaño e Casilda Alfaro (elenco), Eduardo Alonso (texto e deseño de iluminación), Chefa Alonso (música orixinal), Carlos Alonso (escenografía e vestiario) e Eva Alonso (produción). Logo da súa estrea en Ferrol comezará unha xira que xa ten datas confirmadas no Carballiño.
SOBRE A COMPAÑÍA
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha morea de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos, como Os xustos, de Albert Camus; de autores galegos, como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, entre outros.
Tamén realizou montaxes de textos infantís como Piratas, con autoría de Alonso, ou Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño. Outra das súas grandes producións foi o musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, que recibiu os Premios María Casares ao mellor texto, mellor escenografía, mellor vestiario, mellor música e mellor iluminación. As súas montaxes Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) e Último cowboyalzáronse co Premio Max ao mellor espectáculo en galego nos anos 2008 e 2011, respectivamente.
O espectáculo poderase ver no Teatro Jofre de Ferrol o venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas
‘As damas de Ferrol’ é un texto en clave feminista dirixido por Clara Gayo, protagonizado por Mónica Camaño e Casilda Alfaro, con música orixinal de Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e dramaturxia de Eduardo Alonso
Trátase dunha comedia de humor negro a ritmo de jazz onde dúas irmás maiores repasan a súa vida entre disputas e absurdos, cunha morte como trasfondo e coa cidade de Ferrol como protagonista
A lonxeva compañía regresa a Ferrol cunha proposta que revisita un dos textos máis senlleiros do seu repertorio abrindo agora unha renovada liña de traballo
As entradas para ver ‘As damas de Ferrol’ xa están dispoñibles na plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro
Teatro do Noroeste dá un xiro á súa liña de traballo coa estrea absoluta do espectáculo As damas de Ferrol. A peza poderase ver os días 1 e 2 de decembro, ás 20.30h, no Teatro Jofre de Ferrol. Trátase dun texto en clave feminista, que está dirixido por Clara Gayo e que conta con Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas, con música orixinal firmada por Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e dramaturxia de Eduardo Alonso. A veterana compañía presenta así unha proposta coa que revisita un dos textos máis senlleiros do seu repertorio, que xa montara hai máis de 20 anos, entón baixo a dirección do propio Eduardo Alonso, abrindo agora unha nova senda estética e escénica.
As damas de Ferrol é unha comedia circular onde se debaten a realidade e a fantasía. Dúas irmás, xa maiores, repasan sobre as táboas a súa vida e amosan unha realidade cruel e implacable… aínda que quizais todo é froito da súa imaxinación. Absurdos e disputas danse a man nunca peza cunha marcada crítica social, na que unha morte e a cidade de Ferrol protagonizan tamén a historia.
Producida por Teatro do Noroeste, trátase dun espectáculo no que a compañía conta cunha directora externa ao fronte, Clara Gayo. Eduardo Alonso asina o texto, protagonizado nesta nova posta en escena por Mónica Camaño e Casilda Alfaro. O equipo complétase cunha escenografía e vestiario a cargo de Carlos Alonso, mentres que Eduardo Alonso é o responsable do deseño de iluminación e a produción é de Eva Alonso.
As entradas para ver As damas de Ferrol están xa dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro.
SOBRE O ESPECTÁCULO
As damas de Ferrol é unha comedia onde a realidade e a fantasía debátense por ter a mesma carta de natureza. A liña argumental avanza e retrocede, léase e desléase como un nobelo imaxinario imposible de descifrar. As personaxes son Lourdes e Maruxa, dúas supostas irmás, xa maiores, que falan sobre elas mesmas, sobre a súa situación actual e sobre os acontecementos que as levaron a ela. Pechadas na súa vella casa, debullan a súa realidade que ben pode ser a súa fantasía ou a verdade máis cruel e implacable. Entre elas érguese constantemente a evocación dun home, Manolo, que, disque condicionoulles a vida e elas condicionaron a del até levalo a unha suposta e terrible morte.
Ambas as dúas establecen as súas disputas tratando de comer, ou quizais de devorar, todo o que ante elas sitúase, realidade ou ficción, cunha ansia só posible nos límites da demencia. E como marco infinito, tanto físico como mental, sitúase Ferrol. Unha cidade esfollada, fermento de frustracións, pero tamén xermolo de novas vidas: renacendo sempre das súas desgrazas co seu humor retranqueiro de mil batallas, todas perdidas.
O jazz será o protagonista do espazo sonoro que acompaña ao espectáculo. O diálogo por veces caótico, por veces melódico, que tradicionalmente establecen os instrumentos neste xénero musical é perfecto para amparar a acción escénica e reforzala, tanto nos momentos de ritmo máis intenso como nos máis íntimos. Sobre el, a compositora Chefa Alonso apunta: “baseadas esencialmente no dúo musical, o mínimo, o agudo e o ferruxento está representado nas texturas sonoras das cordas do kechapi e do contrabaixo, que inspiran motivos musicais abstractos. E engade que “a humanidade da vellez, a desmemoria, o amor e a familia exprésanse en temas máis melódicos e tonais coa dozura da kalimba e a melancolía do saxo soprano”, forxando “ unha música para un texto desapiadado en un mundo sen esperanza”.
SOBRE A COMPAÑÍA
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos, como Os xustos, de Albert Camús; de autores galegos, como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.
Tamén realizou montaxes de textos infantís como Piratas, tamén de Alonso, ou Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño. Outras das súas grandes producións foi o musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, que recibiría os Premios María Casares ao mellor texto, mellor escenografía, mellor vestiario, mellor música e mellor iluminación. As súas montaxes Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) e Último cowboy alzáronse co Premio Max ao mellor espectáculo en galego nos anos 2008 e 2011, respectivamente.
O Teatro Jofre acolle o este venres 30 de setembro, ás 20.00 h, a estrea e o inicio da xira de Inventio, un espectáculo de gran formato para público familiar co Camiño de Santiago como fío condutor
Lodo da súa estrea, Inventio recalará en Santiago de Compostela os días 7, 8 e 9 de outubro con cinco funcións
Toda a información actualizada sobre a xira e a venda de billetes está dispoñible na web www.inventio.gal
A dous días da súa estrea absoluta, o elenco artístico de Inventio presentou esta mañá aos medios de comunicación un petisco do espectáculo no Teatro Jofre de Ferrol. No acto tamén participaron Martín Varela, director creativo de Inventio e portavoz de Thinking Up Events; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Antonio Golpe, concelleiro de Cultura e Deporte do Concello de Ferrol; e mais Susan Santos, responsable territorial en Galicia da Fundación “la Caixa”.
Na súa intervención Varela destacou as dimensións de Inventio, tanto en medios humanos como materiais, e agradeceu ao equipo e ás entidades colaboradoras a súa xenerosidade e paixón para facelo realidade. Tamén salientou o grande obxectivo do espectáculo: o entretemento. Inventio é un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man.
O público de Ferrol vai ser a primeira testemuña da mestura de maxia, danza, artes circenses e música que dan forma a este espectáculo de gran formato que xoga coa hipótese dun Camiño de Santiago ambientado no ano 2094. Inventio permanecerá en Ferrol ata o 2 de outubro, onde brindará un total de cinco funcións antes de comezar a xira polo resto de Galicia e localidades seleccionadas de España e Portugal. Así, logo da estrea no Teatro Jofre, Inventio xa confirmou o seu paso por Santiago de Compostela (7-9 outubro), Salamanca (28-29 outubro), Lugo (4-5 novembro), Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.
Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos… Todo isto e moito máis é Inventio, un espectáculo para público familiar que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.
Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José l. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.
A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupeformada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.
Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.
A estrea será no Teatro Jofre este venres, 8 de abril, ás 20.30 h, e as entradas pódense adquirir na web ferrol.es/jofre
A compañía volve apostar pola mestura de teatro físico e danza en Alma de tigre, interpretada por María Torres, Pablo Sánchez, Julia Laport e Mario Domínguez
O director, Gonçalo Guerreiro, mergúllase nunha historia cotiá e universal para dar forma a un espectáculo onírico no que conviven o cómico e o tráxico
A compañía galego-portuguesa Elefante Elegante estrea mañá venres, 8 de abril, no Teatro Jofre de Ferrol, a súa nova proposta escénica:Alma de tigre, unha creación na que o colectivo codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres segue a explorar e desenvolver a súa singular linguaxe teatral, baseada na xestualidade e o movemento. As entradas para o espectáculo, que comezará ás 20:30 horas, pódense mercar na web ferrol.es/jofre a un prezo de 5 €.
Alma de tigre é un espectáculo que transita entre as artes visuais, a danza e o cine mudo. Mergúllanos nunha fantasía onírica a partir da historia de dúas irmás e un irmán que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da súa nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria. Tres adultos que non foron quen de cortar o cordón umbilical cos seus pais loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen a súa maneira, e sandar as súas feridas.
A memoria, os afectos, a herdanza e o futuro apuntalan esta nova creación de teatro sen palabras que parte da premisa de que a vida é un soño que se pode transformar, doadamente, nun pesadelo. Acontece así que o corpo, parte visible, é susceptible de agochar unha alma que se manifesta como de tigre: un animal carnívoro, salvaxe, fermoso pero implacable.
A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revelaranse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral. O absurdo, el ridículo e o poderoso efecto cómico das situacións creadas esconden o fondo tráxico que a realidade humana transporta.
“Sobre as táboas, cunha poética luminosa, presentamos unha historia cotiá e universal. Desde a ironía, queremos poñer en cuestión o modelo tradicional de familia, eses patróns que se repiten xeración tras xeración e ese fondo tráxico que a realidade humana transporta en si mesma”, explica Gonçalo Guerreiro, creador e director da peza.
Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. A través da música, do movemento e da escenografía, revelaranse segredos que cuestionan a realidade humana, con gran beleza plástica e moito humor absurdo.
O teatro físico e a danza, trazos singulares de Elefante Elegante, póñense ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico. A unha escenografía en constante transformación engádese unha música que fuxe do simbolismo e que serve para impulsar a acción.
Alén da creación e dirección da peza, Guerreiro asume a escenografía nunha produción que conta no seu reparto con Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Domínguez e María Torres, responsable tamén da dirección artística. Completan o equipo técnico Carolina Díguele (produción de arte), Nacho Martín (deseño de iluminación), Diego Valeiras (vestiario), Manuel Fonte (Espazo Sonoro), Sabela Domínguez (coreografía) e Lilian Portela (produción e distribución).
ELEFANTE ELEGANTE
Elefante Elegante é unha compañía de teatro de orixe galego-portugués que produce espectáculos visuais baseados na xestualidade e no movemento, tanto para público familiar coma público adulto. As súas creacións buscan a universalidade a través da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais.
Gonçalo Guerreiro e María Torres iniciaron en Bélxica a súa andaina como proxecto experimental, no que formaban parte intérpretes de diferentes países europeos. A proposta baseábase no xogo corporal e na súa relación co espazo. Estes anos de investigación foron fundamentais para establecer as liñas actuais de traballo da compañía.
O obxectivo principal de Elefante Elegante é desenvolver unha linguaxe teatral propia que permita tratar cuestións sociais, existenciais e ambientais que determinan a vivencia humana. O seu labor foi recoñecido con varios Premios María Casares nos últimos anos polos seus espectáculos Dreaming Juliet, Patapatum, Danza da choiva,Kassa e Nuncabunga.
A compañía Elefante Elegante convida aos medios a un pase gráfico de Alma de tigre previo á estrea absoluta deste venres en Ferrol.
Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. O teatro físico e a danza, rasgos identitarios de Elefante Elegante, están ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico.
Data: xoves 7 de abril do 2022
Hora: 10.30 horas
Lugar: Teatro Jofre | Praza de Galicia, s/n – Ferrol
Acto: Pase gráfico da obra Alma de tigre de Elefante Elegante