Todo listo para a estrea absoluta de Inventio no Teatro Jofre de Ferrol 

O Teatro Jofre acolle o este venres 30 de setembro, ás 20.00 h, a estrea e o inicio da xira de Inventio, un espectáculo de gran formato para público familiar co Camiño de Santiago como fío condutor

Lodo da súa estrea, Inventio recalará en Santiago de Compostela os días 7, 8 e 9 de outubro con cinco funcións

Toda a información actualizada sobre a xira e a venda de billetes está dispoñible na web www.inventio.gal

A dous días da súa estrea absoluta, o elenco artístico de Inventio presentou esta mañá aos medios de comunicación un petisco do espectáculo no Teatro Jofre de Ferrol. No acto tamén participaron Martín Varela, director creativo de Inventio e portavoz de Thinking Up Events; Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Antonio Golpe, concelleiro de Cultura e Deporte do Concello de Ferrol; e mais Susan Santos, responsable territorial en Galicia da Fundación “la Caixa”.

Na súa intervención Varela destacou as dimensións de Inventio, tanto en medios humanos como materiais, e agradeceu ao equipo e ás entidades colaboradoras a súa xenerosidade e paixón para facelo realidade. Tamén salientou o grande obxectivo do espectáculo: o entretemento. Inventio é un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man. 

O público de Ferrol vai ser a primeira testemuña da mestura de maxia, danza, artes circenses e música que dan forma a este espectáculo de gran formato que xoga coa hipótese dun Camiño de Santiago ambientado no ano 2094. Inventio permanecerá en Ferrol ata o 2 de outubro, onde brindará un total de cinco funcións antes de comezar a xira polo resto de Galicia e localidades seleccionadas de España e Portugal. Así, logo da estrea no Teatro Jofre, Inventio xa confirmou o seu paso por Santiago de Compostela (7-9 outubro), Salamanca (28-29 outubro), Lugo (4-5 novembro), Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal

Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos… Todo isto e moito máis é Inventio, un espectáculo para público familiar que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José l. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupeformada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Contacto de prensa INVENTIO

The Office Comunicación

Bea Pérez | 604 070 409 I bea@theofficeco.es

Luisa Castiñeira | 630 223 255 I luisa@theofficeco.es

Descarga do press kit online de Inventio:

(NP, dossier de prensa, logo e cartel, fotografías, vídeos e audios)

https://cutt.ly/Inventio

Xira Inventio | Datas anunciadas

30 setembro – 2 outubro | Teatro Jofre | Ferrol

7 – 9 outubro | Auditorio de Galicia | Santiago de Compostela

28 – 29 outubro | Centro de las Artes Escénicas y de la Música | Salamanca

4 – 5 novembro | Auditorio Gustavo freire | Lugo

11 – 13 novembro | Auditorio Sede Afundación | Pontevedra

26 – 27 novembro | Palacio de Congresos y Exposiciones | Cáceres

2 – 3 decembro | Auditorio Municipal | Ourense

29 – 30 decembro | Teatro Campos Elíseos Antzkia | Bilbao

3 – 4 xaneiro 2023| Auditorio Mar de Vigo | Vigo

13 – 14 xaneiro 2023 | Teatro Colón | A Coruña

inventio.gal   #inventiotour

20220928-NP-Presentacion-Inventio-FERROL

Ferrol acolle a estrea absoluta de “Alma de tigre”, a nova obra de Elefante Elegante

A estrea será no Teatro Jofre este venres, 8 de abril, ás 20.30 h, e as entradas pódense adquirir na web ferrol.es/jofre

A compañía volve apostar pola mestura de teatro físico e danza en Alma de tigre, interpretada por María Torres, Pablo Sánchez, Julia Laport e Mario Domínguez

O director, Gonçalo Guerreiro, mergúllase nunha historia cotiá e universal para dar forma a un espectáculo onírico no que conviven o cómico e o tráxico


A compañía galego-portuguesa Elefante Elegante estrea mañá venres, 8 de abril, no Teatro Jofre de Ferrol, a súa nova proposta escénica: Alma de tigreunha creación na que o colectivo codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres segue a explorar e desenvolver a súa singular linguaxe teatral, baseada na xestualidade e o movemento. As entradas para o espectáculo, que comezará ás 20:30 horas, pódense mercar na web ferrol.es/jofre a un prezo de 5 €.

Alma de tigre é un espectáculo que transita entre as artes visuais, a danza e o cine mudo. Mergúllanos nunha fantasía onírica a partir da historia de dúas irmás e un irmán que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da súa nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria. Tres adultos que non foron quen de cortar o cordón umbilical cos seus pais loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen a súa maneira, e sandar as súas feridas.

A memoria, os afectos, a herdanza e o futuro apuntalan esta nova creación de teatro sen palabras que parte da premisa de que a vida é un soño que se pode transformar, doadamente, nun pesadelo. Acontece así que o corpo, parte visible, é susceptible de agochar unha alma que se manifesta como de tigre: un animal carnívoro, salvaxe, fermoso pero implacable.

A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revelaranse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral. O absurdo, el ridículo e o poderoso efecto cómico das situacións creadas esconden o fondo tráxico que a realidade humana transporta.

“Sobre as táboas, cunha poética luminosa, presentamos unha historia cotiá e universal. Desde a ironía, queremos poñer en cuestión o modelo tradicional de familia, eses patróns que se repiten xeración tras xeración e ese fondo tráxico que a realidade humana transporta en si mesma”, explica Gonçalo Guerreiro, creador e director da peza.

Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. A través da música, do movemento e da escenografía, revelaranse segredos que cuestionan a realidade humana, con gran beleza plástica e moito humor absurdo.

O teatro físico e a danza, trazos singulares de Elefante Elegante, póñense ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico. A unha escenografía en constante transformación engádese unha música que fuxe do simbolismo e que serve para impulsar a acción.

Alén da creación e dirección da peza, Guerreiro asume a escenografía nunha produción que conta no seu reparto con Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Domínguez e María Torres, responsable tamén da dirección artística. Completan o equipo técnico Carolina Díguele (produción de arte), Nacho Martín (deseño de iluminación), Diego Valeiras (vestiario), Manuel Fonte (Espazo Sonoro), Sabela Domínguez (coreografía) e Lilian Portela (produción e distribución).

ELEFANTE ELEGANTE

Elefante Elegante é unha compañía de teatro de orixe galego-portugués que produce espectáculos visuais baseados na xestualidade e no movemento, tanto para público familiar coma público adulto. As súas creacións buscan a universalidade a través da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais.

Gonçalo Guerreiro e María Torres iniciaron en Bélxica a súa andaina como proxecto experimental, no que formaban parte intérpretes de diferentes países europeos. A proposta baseábase no xogo corporal e na súa relación co espazo. Estes anos de investigación foron fundamentais para establecer as liñas actuais de traballo da compañía.

O obxectivo principal de Elefante Elegante é desenvolver unha linguaxe teatral propia que permita tratar cuestións sociais, existenciais e ambientais que determinan a vivencia humana. O seu labor foi recoñecido con varios Premios María Casares nos últimos anos polos seus espectáculos Dreaming JulietPatapatumDanza da choiva, Kassa e Nuncabunga.

Kit de prensa Alma de tigre https://bit.ly/almadetigre

Velaquí a nota informativa.

Convocatoria Pase Gráfico de “Alma de tigre”, de Elefante Elegante Teatro

A compañía Elefante Elegante convida aos medios a un pase gráfico de Alma de tigre previo á estrea absoluta deste venres en Ferrol.

Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. O teatro físico e a danza, rasgos identitarios de Elefante Elegante, están ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico.

  • Data: xoves 7 de abril do 2022
  • Hora: 10.30 horas
  • Lugar: Teatro Jofre | Praza de Galicia, s/n – Ferrol
  • Acto: Pase gráfico da obra Alma de tigre de Elefante Elegante

Velaquí a nota informativa