OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado
Título do libro: O verán no que miña nai tivo os ollos verdes
Autor: Tatiana Țîbuleac
Tradución: Andreea Birsanu
Editorial: Rinoceronte
Ano de publicación: 2022
Nada máis ver o libro sobre a mesa da libraría, a vista repara nese título que desprende poesía. Case sen querelo –ou querendo, quen sabe- penso en miña nai, nos seus ollos castaños case verdes, que van adquirindo esa cor cos primeiros raios de sol.
Precisamente, do que máis gustei desta lectura é do desvío que toma a narrativa para levarnos ao territorio do poético. Imaxino que algunhas cousas só poden ser transitadas –que non contadas- desde ese lugar.
O inicio é especialmente duro. Nel asistimos a unha relación materno-filial convulsa, desgastada, cargada de odio e desconfianza. As palabras que emprega o protagonista, Aleksy, para referirse á súa nai, desde unha evidente violencia, chegan a sacudir a quen le. Coido que eses primeiros capítulos, dalgún xeito, constitúen unha proba de fogo para decidir se seguir ou non coa trama, co risco que iso supón para calquera obra.
A medida que avanzo e coñezo máis aos personaxes, que van amosando os seus matices, comezo a sentirme máis cómoda na lectura. Non porque mingüea intensidade da devastación do relato, senón porque dan en brotar algunhas sementes no ermo que existe entre nai e fillo. E a beleza vai aflorando, aos poucos, coma o xirasol da portada, mergullándonos nun verán infinito a través das pradeiras francesas.
En pouco máis de duascentas páxinas podemos viaxar por diferentes emocións e, mesmo, recoñecernos nalgúns recunchos do drama, malia que cada familia, como escribiu Tolstói, é infeliz á súa maneira. Talvez sexa este unha especie de libro- bala: impacta, fire, mais deixa espazos en branco para atoparmos algunha senda cara ao propio encontro.