HENKO. A mirada de Miguel Díaz
Título: TALVEZ
Cando esperto xa me observan insaciables as feras, amosando todo iso que desde fóra destrúe o de dentro. Sinto e calo e ceibo un anhelo. Frouxa palabra, desposuída. Que pode importar. Levidade. Corazón que se achega á rendición das armas. Que falar xa, se ninguén agarda. Fraxilidade na insignificancia. Que importa que eu ame se a pinga cae, se o amor remata e as tebras quedan ouveando. Se o verbo agoniza. Se a voz se debilita na circunstancia.
Que pode importar, non? Mais se cabe importa. Un paporroibo canta nas arterias da aurora e a melodía esvara polo resío da noite. Un paxaro cre que todo importa. E, despois de todo, talvez estea atinado.