O Festival Sinsal SON Estrella Galicia publica as Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron na pasada edición
A partir do 5 de decembro, o público poderá descubrir as Sesións San Simón gravadas por Ichiko Aoba, Maestro Espada, Lapili, Fantasmage, Haya Zaatry, Clarissa Connelly, Brìghde Chaimbeul ou Sessa, entre outras figuras
As sesións, que se poderán tanto escoitar coma ver en www.sinsalaudio.es, realizáronse da man de Aleks Kolkowski e consisten no rexistro de cancións nun cilindro de cera
O festival Sinsal SON Estrella Galicia, impulsado pola promotora viguesa Sinsalaudio, dará a coñecer a partir deste xoves, 5 de decembro, as primeiras Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron durante a pasada edición do evento. Trátase dunha das actividades paralelas que se realizan na illa no marco do Sinsal e consiste no rexistro de cancións, ao vivo, nun cilindro de cera. A proposta, posta en marcha da man do experto Aleks Kolkowski, permite ao público viaxar a través do tempo grazas ao son: o tema, ao reproducirse, semella unha gravación de hai máis de cen anos.
Nas Sesións San Simón participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival e teñen lugar en distintos horarios e localizacións do arquipélago durante a súa celebración, sendo abertas para o público asistente. O pasado mes de xullo, figuras como a xaponesa Ichiko Aoba, os murcianos Maestro Espada, a manchega Lapili, a escocesa Brìghde Chaimbeul, a danesa Clarissa Connelly, o brasileiro Sessa, a palestina Haya Zaatry, as bandas galegas Fantasmage e Isius, as portuguesas Maria Reis e Glockenwise, ou mesmo a Orquesta Clásica de Vigo -que, tanto cun quinteto de metais coma cun de cordas, interpretaron fragmentos da zarzuela La leyenda del beso, do pontearerán Reveriano Soutullo, e que neste 2024 festexa o centenario da súa estrea-participaron desta proposta, cuxo resultado se poderá escoitar a partir deste xoves 5 na páxina web da promotora, www.sinsalaudio.es.
Neste espazo web de Sinsalaudio, o público tamén poderá ver en vídeo as sesións rodadas polo cineasta Álex Cancelo tanto desta edición coma de anteriores ocasións, e que contaron coa colaboración activa de artistas como Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Jesca Hoop, Hatis Noit, Lina & Raül Refree ou Esteban y Manuel, entre outros moitos nomes.
O edificio, exemplo da arquitectura industrial galega e cuxa orixe data do s. XVIII, acollerá en exclusiva sesións de DJ internacionais e concertos a noite do sábado 16 de setembro
WOS Festival x SON Estrella Galicia incorpora unha nova e excepcional sede para a súa sétima edición, que se celebrará do 14 ao 17 de setembro. O festival de música electrónica de vangarda contará con dúas naves do complexo arquitectónico da Fundación Laboral de la Construcción como pista de baile para a noite do sábado 16 de setembro.
Tal e como salienta Iván Arias, director do evento, “no ADN do WOS Festival está pór en valor o patrimonio da cidade e recuperar espazos únicos para a cultura”. “Contar con este espazo no 2023 era imprescindible para dar un novo paso nesta dirección. Trátase dun exemplo da arquitectura industrial galega que entronca coa esencia da música electrónica, que demanda escenarios deste tipo, con teitos altos e materiais potentes”, sinala Arias.
Así, artistas internacionais como o dj londinense DjRUM, o danés Croatian Amor ou o espectáculo audiovisual de Slikback con Weirdcore pasarán polas naves da Fundación. O complexo arquitectónico, situado na zona norte da cidade, combina espazos restaurados da antiga curtidoría de Pontepedriña d’Arriba, do século XVIII, con outros de nova construción nunha área de case 5.000 metros cadrados. Precisamente a rehabilitación do espazo, da que se conservaron zonas emblemáticas coma un molino ou mesmo as antigas balsas, foi recoñecida no 2018 co galardón á mellor rehabilitación nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia. Na actualidade, os usos do espazo destínanse a centro de formación, alén de acoller a sede territorial en Galicia da Fundación Laboral de la Construcción.
“Contar cunha cidade patrimonio da humanidade, como Santiago de Compostela, e cun casco histórico e unha catedral que son un icono mundial, é un luxo e un priviilexio. Agora ben, aínda que a arquitectura relixiosa é fundamental, á hora de conservar a cidade e a súa personalidade, tamén hai que ter en conta o conxunto do patrimonio, xa que é ese conxunto o que a define. Dentro dese conxunto, nos últimos anos traballouse moito na recuperación do patrimonio relixioso e civil, pero non así do industrial, do que forma parte este lugar e que tamén é fundamental para entender que é Santiago e a súa historia. Por iso, é interesante esta colaboración con WOS Festival: non todos os días albergamos un festival desta envergadura, e estamos expectantes por ver o resultado”, reflexiona Fernando García Novo, xerente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción.
Ademais da súa achega arquitectónica, o emprazamento posúe gran valor etnográfico debido á súa singular localización nun paseo na contorna natural do río Sarela, un dos espazos naturais máis interesantes da cidade. Con esta nova sede, WOS Festival x SON Estrella Galicia avanza na súa aposta de posta en valor do inmenso patrimonio arquitectónico e cultural da cidade de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela acollerá catro días de música, cinema, conferencias e cultura dixital en espazos emblemáticos da cidade
O festival activa hoxe mesmo, a través de www.wosfestival.es, a venda dos primeiros abonos a un prezo especial
O WOS Festival x SON Estrella Galicia regresará a Santiago de Compostela o 14 ao 17 de setembro. A sétima edición do evento, referente na cultura de vangarda a nivel estatal, ofrecerá catro días de música, cinema, conferencias e cultura dixital en emblemáticos espazos dunha cidade que é Patrimonio Cultural da Humanidade.
WOS Festival x SON Estrella Galicia é un encontro multidisciplinar anual con sede en Santiago de Compostela dedicado a promover e fomentar a música e a cultura de vangarda con concertos e actividades en diferentes espazos de alto valor patrimonial da cidade. Impulsado pola produtora compostelá WORK ON SUNDAY, o festival recibiu ao longo dos anos varios galardóns que o acreditan como un dos mellores festivais ‘indoors’ de España e Europa, coma nos Iberian Festival Awards (2022) ou European Festival Awards (2018).
Deste este xoves 29 de xuño, ás 12:00 horas, están á venda a través da páxina web oficial www.wosfestival.es un número limitado de abonos de 4 días (xoves a domingo) ao prezo reducido de 55 euros, que ofrece ao público un desconto de 10 euros respecto ao abono de prezo normal. Estes abonos de 4 días darán acceso ao programa completo do festival o xoves 14, venres 15, o sábado 16 e o domingo 17 de setembro. Desde hoxe mesmo tamén é posible adquirir os abonos de 3 días a un prezo de 45 euros, cun desconto de 10 euros con respecto ao prezo oficial, e que darán acceso ao programa completo do evento, venres 15, sábado 16 e domingo 17.
WOS, que dará a coñecer os primeiros nomes do seu cartel no mes de xullo, conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal, ademais do apoio de institucións como Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia e AGADIC, Concello de Santiago de Compostela e Deputación Provincial da Coruña.