O edificio, exemplo da arquitectura industrial galega e cuxa orixe data do s. XVIII, acollerá en exclusiva sesións de DJ internacionais e concertos a noite do sábado 16 de setembro


WOS Festival x SON Estrella Galicia incorpora unha nova e excepcional sede para a súa sétima edición, que se celebrará do 14 ao 17 de setembro. O festival de música electrónica de vangarda contará con dúas naves do complexo arquitectónico da Fundación Laboral de la Construcción como pista de baile para a noite do sábado 16 de setembro.

Tal e como salienta Iván Arias, director do evento, “no ADN do WOS Festival está pór en valor o patrimonio da cidade e recuperar espazos únicos para a cultura”. “Contar con este espazo no 2023 era imprescindible para dar un novo paso nesta dirección. Trátase dun exemplo da arquitectura industrial galega que entronca coa esencia da música electrónica, que demanda escenarios deste tipo, con teitos altos e materiais potentes”, sinala Arias. 

Así, artistas internacionais como o dj londinense DjRUM, o danés Croatian Amor ou o espectáculo audiovisual de Slikback con Weirdcore pasarán polas naves da Fundación. O complexo arquitectónico, situado na zona norte da cidade, combina espazos restaurados da antiga curtidoría de Pontepedriña d’Arriba, do século XVIII, con outros de nova construción nunha área de case 5.000 metros cadrados. Precisamente a rehabilitación do espazo, da que se conservaron zonas emblemáticas coma un molino ou mesmo as antigas balsas, foi recoñecida no 2018 co galardón á mellor rehabilitación nos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia. Na actualidade, os usos do espazo destínanse a centro de formación, alén de acoller a sede territorial en Galicia da Fundación Laboral de la Construcción. 

“Contar cunha cidade patrimonio da humanidade, como Santiago de Compostela, e cun casco histórico e unha catedral que son un icono mundial, é un luxo e un priviilexio. Agora ben, aínda que a arquitectura relixiosa é fundamental, á hora de conservar a cidade e a súa personalidade, tamén hai que ter en conta o conxunto do patrimonio, xa que é ese conxunto o que a define. Dentro dese conxunto, nos últimos anos traballouse moito na recuperación do patrimonio relixioso e civil, pero non así do industrial, do que forma parte este lugar e que tamén é fundamental para entender que é Santiago e a súa historia. Por iso, é interesante esta colaboración con WOS Festival: non todos os días albergamos un festival desta envergadura, e estamos expectantes por ver o resultado”, reflexiona Fernando García Novo, xerente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral de la Construcción.

Ademais da súa achega arquitectónica, o emprazamento posúe gran valor etnográfico debido á súa singular localización nun paseo na contorna natural do río Sarela, un dos espazos naturais máis interesantes da cidade. Con esta nova sede, WOS Festival x SON Estrella Galicia avanza na súa aposta de posta en valor do inmenso patrimonio arquitectónico e cultural da cidade de Santiago de Compostela. 

Abonos xa á venda en wosfestival.es 

CONFIRMACIÓNS WOS FESTIVAL X SON ESTRELLA GALICIA

Aho Ssan & Sevi Iko Dømochevsky present Rhizomes (Live AV) 

Akazie (Dj) 

CORIN presents Lux Aeterna (Live AV) 

Croatian Amor (Live) 

DjRUM (Dj) 

JUAIT (Live) 

Lamin Fofana (Dj) 

Lee Gamble (Dj) 

Loraine James presents Gentle Confrontation (Live AV) 

Malibu (Live) 

Midori Takada presents Japan On Film (Live) 

Puce Mary (Live) 

Shackleton & Zimpel with Siddhartha Belmannu and Pedro Maia present In The Cell Of Dreams (Live AV) 

Slikback & Weirdcore (Live AV)

20230808_Nota_Prensa_WOS-Festival-x-SON-Estrella-Galicia_GAL