As entradas para a presentación de ‘Entreterras’ de SonDeSeu en Vigo, a piques de se esgotar

Entreterras’ é un proxecto semiacústico no que as músicas de raíz de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman o repertorio da orquestra

A cita viguesa con Entreterras será este venres 24 de maio, ás 21 horas, no Teatro Afundación

Aínda é posible adquirir entradas para o concerto de Vigo na plataforma ataquilla.com

Quedan poucas entradas para a estrea en Vigo este venres, 24 de maio, de Entreterras, o novo proxecto de SonDeSeu que aposta por un formato semiacústico que unirá músicas de raíz, de Galicia, Portugal e Canarias. A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira Cristo e o canario Hirahi Afonso, todos eles artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios, compartirán escenario co medio cento de intérpretes da Orquestra Folk de Galicia.

Boa parte das butacas do Teatro Afundación de Vigo para a viaxe polas melodías e ritmos destas Entreterras están xa ocupadas; pero aínda é posible adquirir entradas na plataforma ataquilla.com a prezos que oscilan entre os 12 e os 15 euros máis gastos de xestión. Entreterras conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e a colaboración do Concello de Vigo e a ETRAD.

O espectáculo, que dá continuidade a Arraianos (2018) na aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas, preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da nosa orquestra”. 

Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través de dous concertos semiacústicos, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.  

Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos. 

A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto. Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.

A seguinte cita de Entreterras será o vindeiro 2 de xuño no Pazo da Cultura de Narón.

BIOGRAFÍA SONDESEU
A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas patrimoniais con elementos contemporáneos. A posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializouse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk, traballos discográficos ou eventos singulares, alén da participación en múltiples festivais e auditorios europeos.

Neste 2024, medio cento de músicos conforman o corazón dunha orquestra única en Galicia que, baixo a dirección de Xaquín Xesteira, conta con nove sección instrumentais: arpa céltica, buzuqui, canto, contrabaixo gaita, percusión, requintas, violín e zanfona. Para máis información sobre SonDeSeu, pódese visitar https://sondeseu.org/

BIOGRAFÍA SÉS
SÉS é unha cantautora de longa traxectoria que constitúe toda unha icona no panorama actual galego. A súa prolífera obra segue a ter plena presenza despois de 13 anos de actividade e 8 discos grazas á súa excepcional capacidade artística e ao seu carisma e forza no escenario. A estética ecléctica que a caracteriza, que combina influencias tradicionais propias cos múltiples estilos dos que se foi nutrindo (canción de autora, folclor latinoamericano, rock & roll…) supedítase á expresividade literaria das cancións.

© GONÇALO DELGADO

BIOGRAFÍA DANIEL PEREIRA CRISTO
Daniel Pereira Cristo é un músico e cantautor portugués recoñecido pola súa implicación coa palabra, a música e os instrumentos cordófonos tradicionais (cavaquinho, viola braguesa, etc.). O seu álbum debut, Cavaquinho cantado (2018), foi distinguido co prestixioso galardón Premio Carlos Paredes. A súa música reflicte a súa paixón pola cultura portuguesa e pretende promover a diversidade cultural e a pluralidade tanto no seu país coma no mundo. 

BIOGRAFÍA HIRAHI AFONSO
Hirahi Afonso é un dos músicos máis brillantes das novas xeracións de intérpretes. Non é só un timplista: é o artífice dunha revolución na música tradicional canaria grazas ás súas creacións. O seu segundo disco Lo puro (2023), no que colaboran figuras como Pedro Guerra, Xabier Díaz ou Valeria Castro, conecta a tradición cosas sonoridades máis innovadoras. Ofrece unha experiencia sonora na que o timple é o condutor dunha viaxe que transita entre estilos tan diferentes como a electrónica, o flamenco ou o rap. 

CONCERTOS ENTRETERRAS

24 de maio | 21.00 horas
Teatro Afundación (Vigo)
Entradas: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-afundacion-vigo/17438–sondeseu-entreterras.html

2 de xuño | 19.00 horas
Pazo da Cultura (Narón)
Entradas: https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/entreterras

20240520-NP-Concerto-Entreterras-de-SonDeSeu-VIGO

SonDeSeu estrea en Vigo os concertos acústicos da súa xira de 20 aniversario

Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu festexará os seus vinte anos en activo cunha serie de concertos en formato acústico sen amplificación que se celebrarán en Vigo, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela. Así foi anunciado esta mañá nunha rolda de prensa na cidade olívica que contou coa presenza de Abel Caballero, alcalde de Vigo, Rodrigo Romaní, director de SonDeSeu, e Xaquín Xesteira, mestre da sección de percusión. Esta celebración dun dos proxectos musicais máis senlleiros do país é posible grazas á colaboración dos concellos das cidades que acollerán a xira.

Na súa intervención o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou a SonDeSeu no nome da cidadanía “por este traballo tan excepcional, de música de magnífica calidade”, á vez que definiu a cidade como “unha gran fábrica de música”. Pola súa banda, Rodrigo Romaní puxo en valor a traxectoria dun “proxecto pioneiro en Galicia que é tamén un referente para outras orquestras folk en Europa”. Finalmente, e en relación ao concerto inaugural que abrirá esta xira, Xaquín Xesteira subliñou as singularidades acústicas do evento e lembrou que será “unha oportunidade única para repasar os mellores éxitos de SonDeSeu como non soaron nunca antes”.

O primeiro dos catro concertos previstos vaise celebrar en Vigo, sede de SonDeSeu, o vindeiro sábado 12 de maio no Teatro Afundación. O seguinte espectáculo será o 21 de maio, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Xa no mes de xuño, SonDeSeu actuará no Teatro Colón (3 de xuño) da Coruña e no Auditorio de Galicia (18 de xuño) de Santiago de Compostela. As entradas para poder gozar destes directos están á venda na web www.ataquilla.com.

Tradición cargada de futuro

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.

SonDeSeuA Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un tramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.

A suma da creatividade colectiva e a posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializáronse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk e eventos singulares como o ‘Libro branco da educación en música tradicional’, ‘O canto das Illas’, ‘Arraianos’ ou a Rede Europea de Orquestras Folk ENFO. Estas iniciativas sitúan SonDeSeu como un referente da música galega tanto no país coma noutros puntos da península e de Europa.

20220502-NP-XX-Aniversario-SonDeSeu-GALICIA