A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu festexará os seus vinte anos en activo cunha serie de concertos en formato acústico sen amplificación que se celebrarán en Vigo, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela. Así foi anunciado esta mañá nunha rolda de prensa na cidade olívica que contou coa presenza de Abel Caballero, alcalde de Vigo, Rodrigo Romaní, director de SonDeSeu, e Xaquín Xesteira, mestre da sección de percusión. Esta celebración dun dos proxectos musicais máis senlleiros do país é posible grazas á colaboración dos concellos das cidades que acollerán a xira.
Na súa intervención o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou a SonDeSeu no nome da cidadanía “por este traballo tan excepcional, de música de magnífica calidade”, á vez que definiu a cidade como “unha gran fábrica de música”. Pola súa banda, Rodrigo Romaní puxo en valor a traxectoria dun “proxecto pioneiro en Galicia que é tamén un referente para outras orquestras folk en Europa”. Finalmente, e en relación ao concerto inaugural que abrirá esta xira, Xaquín Xesteira subliñou as singularidades acústicas do evento e lembrou que será “unha oportunidade única para repasar os mellores éxitos de SonDeSeu como non soaron nunca antes”.
O primeiro dos catro concertos previstos vaise celebrar en Vigo, sede de SonDeSeu, o vindeiro sábado 12 de maio no Teatro Afundación. O seguinte espectáculo será o 21 de maio, no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Xa no mes de xuño, SonDeSeu actuará no Teatro Colón (3 de xuño) da Coruña e no Auditorio de Galicia (18 de xuño) de Santiago de Compostela. As entradas para poder gozar destes directos están á venda na web www.ataquilla.com.
Tradición cargada de futuro
SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.
Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.
SonDeSeuA Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un tramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.
A suma da creatividade colectiva e a posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializáronse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk e eventos singulares como o ‘Libro branco da educación en música tradicional’, ‘O canto das Illas’, ‘Arraianos’ ou a Rede Europea de Orquestras Folk ENFO. Estas iniciativas sitúan SonDeSeu como un referente da música galega tanto no país coma noutros puntos da península e de Europa.
20220502-NP-XX-Aniversario-SonDeSeu-GALICIA