Sinsal SON Estrella Galicia abrirase o 25 de xullo cunha xornada divulgativa e musical no Escenario Océano, que se situará na terminal de Kaleido Logistics no porto de Vigo
A iniciativa, que se celebrará a partir das 20.30 horas, abrirá o porto vigués á cidadanía para poñer en relación a diversidade cultural e o patrimonio industrial a través dunha visita guiada, conversa e peche da man do proxecto musical Ombligo
As entradas para o Escenario Océano, que nace da alianza entre a promotora Sinsalaudio e Kaleido Logistics, están dispoñibles desde esta mañá en www.enterticket.es
Unha nova xornada dedicada aos océanos como as grandes vías de divulgación e riqueza cultural será o punto de partida da nova edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia. O xoves 25 de xullo, o porto de Vigo será o espazo que acolla o Escenario Océano, a iniciativa posta en marcha no 2023 da man de Sinsalaudio e Kaleido Logistics, alianza que se mantén viva coa intención de favorecer e visualizar a relación entre a diversidade cultural e o patrimonio industrial vigués. A xornada acollerá unha visita guiada polos terreos portuarios, que se abren deste xeito á cidadanía; un coloquio e, como peche, o concerto do grupo musical de fusión Ombligo, liderado polos madrileños Anika e Ángel Cáceres. As entradas para a ocasión xa están á venda a través da plataforma www.enterticket.es
O festival Sinsal SON Estrella Galicia, coñecido pola diversidade de procedencias e de estilos musicais das bandas e solistas que participan no evento, e Kaleido Logistics aúnan esforzos, por segundo ano consecutivo, para ofrecer unha xornada que poña en valor os océanos, alén da súa relevancia na superficie do planeta, comoas grandes vías de divulgación e riqueza cultural. Por estas grandes masas de auga, que serviron -e seguen a servir- para o intercambio de recursos, hoxe en día navegan grandes bloques de granito e outras mercancías que, de camiño a distintos lugares do mundo, fan escala en Vigo. Polo seu volume e forma poden parecer semellantes, mais no Escenario Océano o público descubrirá que, pola súa composición, textura e cor, cada bloque pode ser diferente.
O Escenario Océano naceu no Sinsal 2023 como epílogo do mesmo e coa intención de tender pontes entre unha e outra edición, coa ollada posta na relevancia e celebración dos océanos. Desde xeito, se o ano pasado o Mosteiro de Oia foi o escenario no que se sucederon as actividades divulgativas e musicais que clausuraron o festival, este ano a acción trasládase á xornada de apertura e, como escenario, terá un dos piares do patrimonio industrial de Vigo: o seu porto. Este encontro e traballo conxunto entre Sinsalaudio e Kaleido Logistics mantén activa a rede de alianzas que Sinsal estableceu estes anos con entidades e institucións de proximidade na Ría de Vigo.
Programa do Escenario Océano
A xornada do 25 de xullo comezará ás 20.30 horas cunha visita guiada ao porto vigués, espazo estratéxico de gran valor económico e social para a cidade. Concretamente, as e os asistentes visitarán as instalacións de Kaleido Logistics situadas nos terreos portuarios, zona na que cada día acontece unha parte moi relevante da actividade industrial da cidade e que, en ocasións, resulta descoñecida para a súa veciñanza.
O público, dividido en catro grupos, realizará un percorrido guiado a través dos materiais e grandes bloques de granito presentes nesa zona portuaria. Durante a visita, cuxo acceso e saída será a través do ‘Tinglado’ do porto, as e os asistentes achegaranse á xeoloxía deses monolitos xigantes, ao proceso loxístico que transcorre ata que chegan ao chan vigués e outros detalles da actividade industrial local. A actividade finalizará cunha pequena conversa e cunha intervención musical singular no peche, a partir das 21.45 horas, que chegará da man do dúo madrileño Ombligo, caracterizado pola fusión estilística; e no que, polos seus temas, flúe o folclore balcánico, o bolero ou mesmo o jazz contemporáneo.
As entradas para acceder ao Escenario Océano do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, cuxa actividade se desenvolverá a partir das 20.30 horas do 25 de xullo, están dispoñibles desde hoxe, a partir de 15 euros (máis gastos de xestión) a través da plataforma en liña www.enterticket.es. Polas características do espazo de realización da actividade -zona de actividade industrial-, a organización non recomenda a asistencia de menores á mesma, convida a levar calzado cómodo e pechado, e lembra que non estará permitido fumar nas instalacións portuarias. Para máis información o festival Sinsal SON Estrella Galicia, pódese visitar http://festival.sins.al.
Sinsal publica as ‘Sesións San Simón’, as gravacións en cilindro fonográfico nas que participaron as artistas da pasada edición do festival
Os rexistros, realizados polo experto Aleks Kolkowski, pódense escoitar a través da páxina web da promotora do Sinsal, www.sinsalaudio.es.O cineasta vigués Álex Cancelo tamén recolleu en vídeo as gravacións, cuxas primeiras pezas amosan a participación de Hatis Noit, Fillas de Cassandra ou Ana Lua Caiano nesta proposta, aberta ao público durante a celebración do evento
Xa están dispoñibles en aberto as primeiras Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas durante a pasada edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia polo experto Aleks Kolkowski. Os primeiros audios, que se acompañan ademais dunha peza audiovisual, pódense escoitar a través da páxina web da promotora do evento, Sinsalaudio. As Sesións San Simón forman parte das actividades paralelas do Sinsal, que cada verán se celebra na illa de San Simón. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera.As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente.
Ademais do rexistro da canción, Sinsal recolle tamén esta gravación en vídeo da man do cineasta vigués Álex Cancelo. As piezas audiovisuais pódense visualizar a través do web www.sinsalaudio.es, na que xa están dispoñibles as sesións nas que participaron Hatis Noit, Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Duo Ruut, Dal:um, Leenalchi ou AGD7.
Enlaces directos ás Sesións San Simón do Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2023
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024 celebrará a súa nova edición na illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo. O evento cultural do cartel secreto, que o público só descubre ao desembarcar, volverá ofrecer unha programación musical caracterizada pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo a última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, durante o festival sucédense numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, ou á recuperación dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas como as Sesións San Simón.
O festival, impulsado pola promotora viguesa Sinsalaudio, recolle este ano un segundo premio da industria, logo do recoñemento pola súa Contribución á Igualdadeque se lle outorgou nos Iberian Festival Awards, celebrados en marzo
O festival Sinsal SON Estrella Galicia vén de sumar un novo galardón polo seu traballo a prol da sostibilidade. Os Premios FEST recoñeceron este martes 25 de outubro, durante a gala celebrada no marco do encontro profesional BIME Live & PRO, en Bilbao, o labor de Sinsal no eido do coidado e respecto pola contorna, unha das premisas clave do evento e eixo fundamental de traballo desde hai máis dunha década. O codirector de Sinsal, Luis Campos, recolleu o premio ao festival máis relevante en canto á Sostibilidade Medioambiental.
Trátase do terceiro galardón que consegue Sinsal nos Premios FEST, que recoñecen os mellores festivais celebrados en España da tempada. O primeiro deles chegou no 2015, ano no que foi escollido como o Mellor festival de pequeno formato. Catro anos despois, gañou o Premio FEST 2019 ao Festival máis sostible. Pasados outros catro anos, o sector segue a atopar a proposta de Sinsalaudio como a máis sostible, a nivel medioambiental, do Estado.
Sinsal SON Estrella Galicia, un dos encontros máis singulares e coidados do panorama estatal de festivais, celébrase desde o ano 2010 na Illa de San Simón. O evento nace coa intención de ofrecer ao público de todas as idades unha pequena mostra do máis estimulante da creación contemporánea do momento, á vez que promove o coñecemento e posta en valor do patrimonio cultural, natural e histórico da illa. Así, artistas emerxentes da escena galega, nacional e internacional viaxan cada verán até o corazón da Ría de Vigo, nas Rïas Baixas, para presentar as súas propostas, Todas elas conforman un cartel secreto que o público descoñece ata o momento de desembarcar: a filosofía de Sinsal é ofrecer unha proposta especial e única a 800 persoas cada día (o evento desenvólvese en horario diurno), a través dunha experiencia singular na que a auténtica cabeza de cartel do evento é a propia illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural.
O coidado da illa, tanto no aspecto ambiental -cun impacto mínimo negativo na natureza grazas á aplicación de numerosas políticas sostibles, como a reutilización de materiais, a eliminación total de plásticos ou o consumo de enerxías limpas, por exemplo- como no da conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural -coa promoción de actividades ligadas ao territorio e a realización de propostas paralelas á programación musical durante a celebración do festival-, inciden, precisamente, na intención de Sinsal de contribuír a achegar e promover a sostibilidade como motor de cambio.
Ademais, Sinsal SON Estrella Galicia destaca pola súa aposta pola diversidade cultural, que demostra a través dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons máis populares e até a música experimental, pasando pola electrónica, a psicodelia ou mesmo as músicas urbanas. Na recente edición de 2023, pola illa pasaron 26 bandas de 18 países chegadas de Angola, Arxentina, Bélxica, Burkina Faso, Colombia, Corea do Sur, Estados Unidos, Estonia, España, Francia, Holanda, Xapón, Marrocos, Nixeria, Portugal, Reino Unido, Sudán e Uganda. Unha aposta que permite afondar a Sinsal no seu compromiso pola igualdade, tal e como recoñeceron este ano os Iberian Festival Awards (IFA 2023), ao sinalar o Sinsal SON Estrella Galicia como o evento musical de España máis destacado pola súa Contribución á Igualdade: a presenza feminina é moi relevante tanto nas súas propostas musicais (como líderes ou por estar conformadas 100% por mulleres) coma no seu staff ou mesmo na súa programación, que pon o foco na diversidade lingüística de todo o territorio estatal, ademais de atender e visualizar artistas queer.
O festival, celebrado na illa de San Simón entre o 21 e o 23 de xullo, é o evento galego con maior número de candidaturas deste ano e opta ás distincións na área de innovación, sostibilidade ambiental e sostibilidade social, tres dos eixos fundamentais do evento cultural
Sinsalaudio suma en total 5 candidaturas dos galardóns que distinguen os mellores festivais da tempada en España, ao sumar as dúas do SON Estrella Galicia Posidonia (Formentera), comisariado pola promotora viguesa
O Sinsal SON Estrella Galicia 2023 vén de ser escollido como finalista en tres das categorías dos Premios FEST. O xurado profesional deu a coñecer onte os seus votos, que sitúan como finalista o Sinsal nas ás areas de Innovación, Sostibilidade Ambiental, e Sostibilidade Social, tres áreas sobre as que, precisamente, pivotan os eixos de traballo do festival, que se celebra no verán na illa de San Simón. Deste ditame, despréndese que o Sinsal se sitúa como o festival galego con maior número de apoios profesionais nos Premios FEST 2023.
Nos últimos anos, o Sinsal obtivo dúas veces estes galardóns, que recoñecen os mellores festivais de España da tempada. O primeiro deles chegou no 2015, no que foi escollido como o Mellor festival de pequeno formato. Catro anos despois, gañou o Premio FEST 2019 ao Festival máis sostible.
Ao longo deste 2023, o Sinsal tamén acadou outro recoñecemento pola súa contribución á igualdade. Foi o pasado mes de marzo nos Iberian Festival Awards, os premios da industria de festivais en España e Portugal. O galardón recoñeceu a aposta do Sinsal por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo; ademais de non repertir no seu cartel creadoras e creadoras, e potenciar o coñecemento de novos artistas -a meirande parte das bandas e solistas que actuaron este verán en San Simón fixéronno por vez primeira en Galicia ou España-. Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza queer é relevante en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán.
Ademais, Sinsalaudio, a promotora viguesa que impulsa o Sinsal SON Estrella Galicia, cuxa última edición tivo lugar do 21 ao 23 de xullo en San Simón, obtivo outras dúas candidaturas (Sostibilidade Ambiental e Festival Boutique) a través do SON Estrella Galicia Posidonia, o festival celebrado este mes de outubro en Formentera e da que é responsable do seu comisariado, produción e coordinación. O evento balear, ao que asisten menos de 400 persoas en cada edición, é un festival que este ano loitará por acadar unha certificación Zero Waste grazas ao seu compromiso na redución e reciclaxe de residuos.
Os Premios FEST entregaranse o vindeiro 25 de outubro, nunha gala que terá lugar en Bilbao no marco do BIME Live & PRO. Para máis información sobre estes galardóns, pódese visitar www.premiosfest.com
O proxecto divulgativo A Escola Sinsal reivindicará o papel deste soporte sonoro a través dunha exhibición, nomeada ‘Do cinema familiar ás casetes domésticas’
A artista Sarah Rasines, responsable da primeira investigación centrada na historia da casete en España, impartirá un obradoiro de creación de sons e dunha caixa-libro, con materiais reutilizados de Sinsalaudio, que o público poderá levar de recordo
O proxecto divulgativo A Escola Sinsal, impulsado polo festival Sinsal SON Estrella Galicia, presenta as novas actividades paralelas gratuítas que se desenvolverán no marco do evento, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo na illa de San Simón e para o que xa non quedan entradas dispoñibles. Neste 2023, A Escola Sinsal porá o foco na casete como o principal soporte sonoro do século XX a través de dúas iniciativas nas que terá o papel protagonista: unha exposición, nomeada Do cinema familiar ás casetes domésticas, e un obradoiro impartido por Sarah Rasines, artista responsable da primeira investigación centrada na historia da casete en España, e na que o público, tamén o máis novo, poderá levar, como recordo do festival, a súa Caixa-libro da Escola Sinsal.
A Escola Sinsal é o proxecto de Sinsal dedicado á divulgación do rexistro sonoro e da tecnoloxía do século XX, e que parte da colección propia de obxectos de Sinsalaudio. Se ben durante a edición de 2022 o festival centrou a súa actividade no suco do vinilo e a súa evolución ao longo dos anos; nesta ocasión reivindicarase o papel da cinta magnética.
A casete, inventada por Lou Ottens no ano 1963, é o soporte sonoro máis difundido e importante da historia do século XX. Aínda que en España a cultura da casete estivo moi presente fundamentalmente na época dos 80, actualmente o seu formato físico atópase en auxe pola súa sostibilidade, baixo custo e pola capacidade de control que se pode manter sobre a edición, produción e distribución. A exposición Do cinema familiar ás casetes domésticas, apta para todos os públicos e que se poderá visitar todos os días durante a celebración do festival na cafetería de San Simón, inclúe numerosos obxectos, como reprodutores de xoguete, casetes en formatos singulares, gravadoras, partituras, diapositivas e un achegamento a proxectos de diferentes partes do mundo que están a recuperar e protexer estes arquivos.
A exposición d’A Escola Sinsal completarase cun obradoiro impartido pola artista sonora, xestora cultural e investigadora Sarah Rasines, quen ademais achega parte da súa colección persoal á mostra. A creadora, quen presentará en breve a primeira tese doutoral dedicada á historia e importancia da casete en España, coordinará un taller ideado para parellas (compañeiras, fillas, amigas, etc.), que nace da práctica de Fluxus para nenas e nenos, no que o público aprenderá a xerar sons con casetes e outros soportes, así como crear a súa propia Caixa-libro Escola Sinsal, feita con obxectos reutilizados e exclusivos de Sinsalaudio (como postais, flyers e outros materiais), e que se poderán levar como recordo do Sinsal SON Estrella Galicia.
O obradoiro, gratuíto e apto para todos os públicos -as e os menores deberán estar acompañadas dun familiar ou titor legal maior de idade-, impartirase todos os días na propia exposición d’A Escola Sinsal. Durante unha hora, Rasines revisará a historia da casete, desde o seu papel na creación e difusión da música popular até o seu impacto cultural e social en todo o mundo; descubrirá os seus secretos sonoros e amosará ás asistentes a facer un loop con cinta de casete e xerar sons que transformarán a Caixa-libro Escola Sinsal nun instrumento musical.
Para poder participar neste obradoiro, as persoas interesadas poden enviar desde hoxe un correo electrónico a sarahrasiness@gmail.com sinalando, no asunto, Taller de casetes Escola Sinsal, indicando os nomes e apelidos das dúas persoas participantes e un teléfono de contacto. Ademais, deberán escoller o día ao que queren asistir: venres 21 (de 18:30 a 19:30 horas), sábado 22 (16:00 a 17:15 horas), ou domingo 23 (16:00 a 17:15 horas). As prazas son limitadas e en cada sesión haberá un máximo de 8 parellas.