O saxofonista alemán Julius Gabriel pechará o Sinsal Primavera este xoves 9 no MARCO

Trátase da última cita musical que propón Sinsalaudio en Vigo antes da celebración do festival Sinsal SON Estrella Galicia, cuxos abonos sairán á venda o venres 10 de maio

Sinsal Primavera 2024, o evento especializado en música de vangarda que promove a promotora Sinsalaudio, pecharase mañá, xoves 9, co seu terceiro e derradeiro concerto. O MARCO acollerá a estrea ao vivo en Galicia do saxofonista berlinés Julius Gabriel, quen fará parada na cidade olívica no marco da xira mundial de presentación do seu novo traballo discográfico, Tales from the Subterranean. As entradas para o directo, que comezará ás 20.30 horas, están á venda a través da plataforma en liña Enterticket

Sinsal Primavera, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, procura visualizar proxectos musicais de vangarda dunha ampla variedade estilística e que cuxa inclusión no circuíto habitual da programación das salas de concertos é infrecuente. Para o derradeiro concerto desta edición, o evento propón descubrir, por vez primeira en Galicia, ao saxofonista alemán Julius Gabriel, artista que explora os límites e as complexidades do instrumento, ademais da interacción entre a corporalidade, a acústica, a trascendencia e a hipnose. 

A base musical de Julius Gabriel -labrada en escolas de música públicas, clubes ‘underground’ e universidades- está fondamente arraigada á improvisación, para a que parte dun amplo espectro ecléctico de xéneros musicais. Como solista ten publicado numerosos discos, mais tamén ten sido parte de proxectos corais como Paisiel, Ikizukuri, Das Behälter, Blutiger Jupiter, About Angels and Animals, The Dorf ou Barry Guy Blue Shorud Band. Agora chega a Vigo no marco da xira de presentación do seu quinto traballo en solitario, Tales from the Subterranean, un álbum nado na pandemia e que supón un testemuño claro da resiliencia da expresión artística. O concerto comezará ás 20.30 horas do xoves 9, mais a apertura de portas terá lugar ás 20.15 horas. As entradas para este terceiro e último directo de Sinsal Primavera 2024, no que o alumnado dos conservatorios vigueses ten a posibilidade de acceder ás actuacións cun 50% de desconto, están á venda desde 10 euros na plataforma en liña Enterticket; ainda que tamén é posible adquirir o billete o propio día do concerto no acceso á sala.  

O concerto de Julius Gabriel no MARCO é a última cita viguesa que propón Sinsalaudio antes da celebración do festival Sinsal SON Estrella Galicia, que terá lugar na illa de San Simón do 26 ao 28 de xullo e cuxos abonos sairán á venda este mesmo venres, 10 de maio, mentres que as entradas por día farán o propio o vindeiro luns, día 13. Para máis información, pódese visitar https://festival.sins.al/


SINSAL PRIMAVERA 2024 | JULIUS GABRIELData: Xoves 9 de maio
Hora: 20.30h (apertura de portas ás 20.15 horas)
Lugar: MARCO de Vigo 
Evento: Concerto de Julius Gabriel no marco da xira mundial de presentación do seu novo disco, nomeado  Tales from the Subterranean. 

Escoita Julius Gabriel en Bandcamp

Julius Gabriel ao vivo – Vídeo en Youtube

20240508-NP-GAL-Sinsal-Primavera-2024-JULIUS-GABRIEL

Sinsal Primavera | Kristin Hersh actuará este venres 19 no MARCO de Vigo

A estadounidense Kristin Hersh actuará este venres 19 no Sinsal Primavera

As últimas entradas dispoñibles para ver no MARCO á artista underground, vocalista de Throwing Muses, están á venda na plataforma Enterticket

Sinsal Primavera 2024, o evento especializado en música de vangarda que promove a promotora Sinsalaudio, terá este venres, 19 de abril, a súa segunda cita. Nesta ocasión, o MARCO acollerá a estrea en Vigo dunha das voces máis recoñecidas da escena underground estadounidense das últimas décadas: Kristin Hersh. As entradas para o directo, que comezará ás 20.30 horas, están á venda na plataforma Enterticket

Sinsal Primavera, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, procura visualizar proxectos musicais de vangarda dunha ampla variedade estilística e que cuxa inclusión no circuíto habitual da programación das salas de concertos é infrecuente. Desta quenda, o evento propón descubrir unha das creadoras máis relevantes da escena alternativa norteamericana, como é Kristin Hersh, quen chega á cidade olívica no marco da súa xira europea para dar a coñecer o seu último traballo discográfico, Clear Pond Road (2023), un coidado disco que propón un auténtico road trip a través de historias persoais da cantante e guitarrista de Atlanta.

Kristin Hersh é un dos nomes clave do underground estadounidense, tanto pola súa carreira en solitario (con máis de dez traballos discográficos asinados por ela) como por estar ao fronte, desde os anos 80, da mítica banda Throwing Muses; ademais de ser parte de 50FootWave. Innovadora do rock, comprometida co feminismo, crítica coa industria e posuidora dunha voz única -que viaxa entre a suavidade do melódico e até os berros apaixonados-, estrearase en Vigo para pechar a súa xira por España, ademais de revisar outros temas da súa discografía. A cita, que será en formato acústico, é de visita obrigada non só para as e os amantes do indie, senón da música. 

O concerto de Kristin Hersh comezará ás 20.30 horas do venres 19, mais a apertura de portas terá lugar ás 20.15 horas. As entradas para este segundo directo de Sinsal Primavera 2024, no que o alumnado dos conservatorios vigueses ten desconto, están á venda desde 15€ (máis gastos de xestión) na plataforma en liña Enterticket. A seguinte e derradeira cita deste Sinsal Primavera será o xoves 9 de maio no MARCO e virá da man do saxofonista berlinés Julius Gabriel. 

SINSAL PRIMAVERA 2024 | KRISTIN HERSH
Data: Venres 19 de abril
Hora: 20.30h (apertura de portas ás 20.15 horas)
Lugar: MARCO de Vigo 
Evento: Concerto de Kristin Hersh, quen presenta en acústico Clear Pond Round.


Escoita Kristin Hersh en Spotify

20240415-NP-GAL-Sinsal-Primavera-2024-KRISTIN-HERSH

Deafkids abren este venres 5 na sala Radar a nova edición do Sinsal Primavera

Os brasileiros estrearanse en Galicia no evento organizado por Sinsalaudio, que comezará ás 21.30 horas e cuxas entradas están á venda en www.enterticket.es


Este venres, 5 de abril, comeza o Sinsal Primavera 2024, o evento especializado en música de vangarda que a promotora viguesa Sinsalaudio, responsable do festival Sinsal SON Estrella Galicia, promove na súa cidade. A cita, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, procura visualizar proxectos musicais de vangarda dunha ampla variedade estilística e que cuxa inclusión no circuíto habitual da programación das salas de concertos é infrecuente.

Deafkids será a responsable de abrir o Sinsal Primavera, precisamente, nunha das principais salas de música ao vivo da cidade viguesa: Radar. A banda brasileira, cuxo estilo transita entre o rock, a psicodelia, o noise, o hardcore punk, o heavy metal, o jazz espiritual ou mesmo a música africana -todos os xéneros son benvidos para o grupo-, é unha das propostas máis interesantes da escena da música experimental do seu país, especialmente pola procura incesante de novas sonoridades e da “desprogramación sónica da mente”. O proxecto creativo liderado por Douglas Leal, xurdido na localidade industrial de Volta Redonda (Rio de Janeiro), chegará por vez primeira a Galicia para amosar o seu xeito de entender a experimentación musical, da que dan boa conta no seu último traballo discográfico, Ritos do Colapso (2023). O álbum parte do clima distópico xerado pola pandemia da Covid-19 para ampliar o seu universo sonoro, intentando xerar unha sorte de banda sonora de escenarios imaxinarios sobre ese momento histórico. 

O concerto de Deafkids comezará ás 21.30 horas do venres 5, mais a apertura de portas terá lugar ás 21.00 horas. As entradas para o primeiro directo do Sinsal Primavera 2024 están á venda, desde 10 euros (máis gastos de xestión), na plataforma en liña www.enterticket.es


Sinsal Primavera continuará no MARCO

Logo do concerto de apertura na Sala Radar, Sinsal Primavera trasladará a súa actividade ao MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo). Alí continuará o 19 de abril coa actuación, en acústico, da estadounidense Kristin Hersh, unha das voces máis representativas da escena underground norteamericana e que se atopa de xira por Europa; mentres que o xoves 9 de maioserá a quenda do saxofonista berlinés Julius Gabriel, músico que se mergulla nos límites e complexidades do instrumento desde a improvisación e as novas tecnoloxías. 



SINSAL PRIMAVERA 2024

Data: Venres 5 de abril
Hora: 21.30h (apertura de portas ás 21.00 horas)
Lugar: Sala Radar
Evento: Concerto de Deafkids


Escoita Deafkids en Bandcamp
Escoita Deafkids en Spotify

20240403-NP-GAL-Sinsal-Primavera-2024-DEAFKIDS