HENKO. A mirada de Miguel Díaz
Título: SÁBEO
Sábeo quen treme de medo sen aparente motivo. Unha presenza ameazante que te abanea, que te invade para consumirte. Sábeo quen sofre perda, quen sofre terrible perda, quen de súpeto se ve privado de piar fundamental. Sábeo quen non atopa as bágoas cando as precisa, quen as encontra cando non as chama. Sábeo quen coñece fonda tristura indefinible que non é quen de sacudir. Sabe da dor quen a padece. Cadaquén ao seu encontro de xeito distinto.
Sábeo e coñece os danos un mesmo, os danos que provocan os cambios. Quen o sufriu sabe a que sabe a amargura, a desfeita imparable que nos elimina. Que abate e derruba partes de nós que non volverán. Quen se viu axitado por cruel violencia, sabe o que é afogar en día soleado. Sabe que cando un regresa desa terrible negrura, non o fai sendo quen era.
Ti sabes que o sei. Eu sei que o sabes. E abre o día e un vese empurrado a encetar un bolo, a abrir outro rego, a erguerse coa caída da folla. Un vese irremediablemente empurrado a sorrirlle a un mundo de navallas e caricias, de violencia e pétalos, de despedidas e esperanza.